Relevo terrestre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Topografía da Terra

En xeografía o relevo terrestre refírese ao conxunto das diferentes formas que adopta a superficie da Terra. É o obxecto de estudo da xeomorfoloxía. O relevo orixínase ou transfórmase pola interferencia de dous tipos de axentes, os endóxenos, como o vulcanismo e a tectónica de placas, e os esóxenos, como a meteorización e a antropicidade.

Factores que condicionan a forma do relevo[editar | editar a fonte]

O proceso polo que a superficie terrestre adquire unha determinada forma denomínase modelaxe do relevo. A súa semellanza coa actividade dun escultor xustifica que en ambos os casos se empregue o termo «modelar».

A diversidade de relevos existente débese aos seguintes factores:

  • O tipo de rocha. Cada rocha ten unhas características específicas. Isto fai que o granito proporcione formas diferentes ás da arxila; de xeito similar ocorre cunha peza de mármore, pois non se esculpe igual ca unha de barro.
  • O clima. O tipo de axente xeolóxico externo que predomina nunha zona vén determinado polo clima. Así, en climas temperados, a auga é o axente máis importante, mentres que en zonas frías é o xeo. Cada axente xeolóxico externo erosiona, transporta e sedimenta dun xeito específico. Empregando a analoxía do escultor, diremos que o clima determina o «instrumento» co que se esculpe o terreo; a forma resultante será diferente se empregamos un cicel ou se empregamos unha lima.
  • A estrutura dos materiais. Adoito, as rochas foron pregadas ou fracturadas, e iso proporciónalles unha forma inicial que condicionará a modelaxe que sufran.
  • A antigüidade do relevo. Os axentes xeolóxicos externos retiran materiais dun lugar e deposítanos noutro; isto fai que o relevo de calquera zona cambie ao longo do tempo. Así, un relevo novo será diferente doutro moi antigo.
  • Os seres vivos. A presenza ou ausencia de vexetación, e o tipo de bosque configura a paisaxe e o tipo de relevo. Agora, amais, hai que ter en consideración, ineludibelmente, a acción humana.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.