Reino de Pamplona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa do reino

Reino de Pamplona é a denominación historiográfica, de acordo cos Annales Regni Francorum, para referirse á entidade política creada no Pireneo occidental en torno á cidade de Pamplona nos primeiros séculos da Reconquista, un de núcleos cristiáns xurdidos tras a conquista musulmá. A expresión seguiuse utilizando ata que Sancho VI cambiou o seu título de Pampilonensium Rex («Rei dos pamploneses») polo de Rex Navarrae (Rei de Navarra). Historiográficamente tamén se empregan as expresións Condado de Pamplona (durante a época dos reis navarro-aragoneses), Reino de Nájera (tras a conquista de Nájera e o reinado de García IV) e Reino de Pamplona-Nájera (mesma razón que o anterior).

Historia[editar | editar a fonte]

A civites romana de Pompaelo fora a principal cidade do impreciso territorio atribuíble ao pobo dos vascóns, ata a fundación de Victoriacum polos visigodos (581). Durante o último terzo do século VIII, Carlomagno, o rei dos francos, levou a cabo expedicións para crear unha marca fronteiriza meridional (a posteriormente denominada Marca Hispánica) fronte ao Emirato de Córdoba, no territorio entre os Pireneos e o Ebro. Tras o fracaso inicial de tales intentos de expansión, na parte occidental dos Pireneos logrouse a creación dun condado a principios do século IX, que subsistiría uns dez anos. A partir de entón, de novo baixo submisión ás autoridades cordobesas (xa coa denominación de Califato de Córdoba), organizouse cara a 824 o reino de Pamplona en torno ao considerado primeiro rei, Íñigo Arista, co apoio dos seus aliados da familia muladí dos Banu Qasi, señores de Tudela, e do bispado de Pamplona.

O reino de Pamplona no século X rompeu con Córdoba e iniciou a súa expansión tanto militar como con alianzas seladas con matrimonios dos monarcas e nobres. Desta forma tiña lazos familiares moi próximos co veciño reino de León. A dinastía Íñiguez rematou con Fortún Garcés (870-905) quen (segundo a tradición, que o coñece como Fortún o Monxe) abdicou e retirouse ao mosteiro de Leyre. Foi substituída pola dinastía Ximena, que comezou con Sancho Garcés I (905-925) e cuxo reino é denominado tanto "Reino de Pamplona" coma "reino de Navarra". Sancho Garcés I e o seu fillo García Sánchez I desenvolveron un labor de repoboación e favorecemento das novas terras e dos mosteiros alí existentes. Sancho Garcés II e García Sánchez II o Temblón víronse obrigados a capitular ante Almanzor e a pagar tributos ao Califato de Córdoba.

Con Sancho III o Maior (1004-1035), o reino de Pamplona alcanza a súa maior extensión territorial, aínda que nunha gran proporción non estaba adscrita ao reino de Pamplona propiamente, abranguendo case todo o terzo norte peninsular. Antes de morrer (1035) dividiu os seus territorios entre os seus fillos: o seu primoxénito, García Sánchez, reinou en Pamplona e herdou algunhas terras en Aragón e Castela; Fernando obtivo gran parte do condado de Castela; Ramiro recibiu terras en Aragón e en Navarra, e Gonzalo no Sobrarbe e outros puntos distantes de Aragón. Desta repartición xorde a nova estrutura política do século XII cos reinos de Navarra, Aragón e Castela.

O reino de Pamplona incorporouse entre 1076 e 1134 aos territorios aragoneses, segregándose no reinado de García Ramírez. No de Sancho VI o Sabio (1150-1194) pasa a chamarse Reino de Navarra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]