Radiación de Hawking

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A radiación de Hawking é o nome que recibe a radiación emitida polo horizonte de sucesos dun burato negro e débese na súa totalidade a efectos cuánticos. A existencia desta radiación foi postulada polo físico inglés Stephen Hawking no ano 1976. Ademais diso, descubriu as súas propiedades e obtivo algúns dos primeiros resultados en gravidade cuántica.

Orixe[editar | editar a fonte]

Unha das consecuencias do principio de incerteza de Heisenberg son as flutuacións cuánticas do baleiro. Estas consisten na creación, durante brevísimos intres, de pares partícula-antipartícula a partir do baleiro. Tales pares desintégranse rapidamente entre si devolvendo a enerxía prestada para a súa formación. Non obstante, a probabilidade de que un membro do par se forme no interior do límite marcado polo horizonte de sucesos e o outro no exterior non é desprezábel, polo que un dos compoñentes do par podería fuxir do burato negro en forma de radiación.

Consecuencia[editar | editar a fonte]

A radiación emitida polo burato negro ten como consecuencia unha perda na masa deste, polo que o burato negro remataría por desaparecer ao perder a súa masa. Pero isto ocorrería nun período de tempo moi longo semellante á "vida" do universo e en buratos negros microscópicos.