Pseudo-Apolodoro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pseudo-Apolodoro
Nacementoc. século xuliano
Falecementoc. século Ixuliano
Ocupaciónmitógrafo, historiador e escritor
Coñecido porBiblioteca mitolóxica
editar datos en Wikidata ]

Dáse o nome de Pseudo-Apolodoro ó autor dun compendio sobre mitoloxía grega coñecido como Biblioteca mitolóxica ou simplemente Biblioteca (Βιβλιοθήκη), texto escrito no século -I e atribuído tradicional -e erroneamente- a Apolodoro de Atenas ou Apolodoro o Gramático, un gramático, historiador e mitógrafo grego do século -II.[1]

Descoñécese calquera dato biográfico deste escritor a quen se denomina Pseudo-Apolodoro ou escritor da Biblioteca, pero o feito de que a Biblioteca mencione como fonte a Cástor de Rodas fai imposible soster a autoría a Apolodoro de Atenas, morto no século anterior (cara o -119); o devandito Cástor foi autor dunha Crónica que cita feitos acontecidos ata mediados do século -I. Descoñécese igualmente se escribiu ou non outras obras.

"De Argos e Ismene, filla de Asopo, foi fillo Iaso, de quen din que naceu Ío. Non obstante, Cástor, o cronista, e a maioría dos tráxicos cítana como filla de Ínacro, e Hesíodo e Acusilao din que era filla de Pirén".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitolóxica II, 1, 3)

A Biblioteca[editar | editar a fonte]

A Biblioteca mitolóxica consiste nun resumo, que ademais se conserva incompleto, dos diferentes tratados e versións sobre mitos que se desenvolveran en torno ós deuses e heroes gregos. En todo caso, segue a ser unha das fontes máis completas e útiles sobre a mitoloxía grega e moitas veces cita as fontes das que recolle a información: xa vimos antes a mención a Cástor, pero tamén fai referencia a Ferécides, Asclepíades, Acusilao, Cércope, Hesíodo, Herodoto, Homero, etc. Noutras ocasións dá estas referencias de modo indirecto ("o autor dos Nostoi" (ou Regresos), e en numerosas ocasións as referencias son imposibles de identificar ("algúns din", "outros din", "segundo outros", "segundo algúns" ou expresións igualmente vagas).

O primeiro manuscrito coñecido, do século XIV, figuraba titulado como "Biblioteca do gramático Apolodoro de Atenas, e este erro foi copiado polos seguintes amanuenses ata que, en 1873, o arqueólogo alemán Carl Robert detectou a imposibilidade cronolóxica mencionada antes. Cabe supoñer que o erro se debe á mención que fai Focio (patriarca de Constantinopla, ca. 820 - 893), quen falou da existencia dunha pequena obra -un resumo- de Apolodoro, titulada Biblioteca, que describía os deuses e heroes gregos, o regreso de Odiseo desde Troia e numerosos datos sobre pobos, países, cidades e ríos.

O texto que se conserva, en tres libros, está incompleto e remata nas fazañas de Teseo. Cómpre engadir outro texto, coñecido como Epítome Vaticana, descuberto en 1885, que completa as fazañas de Teseo e describe a guerra de Troia; e un segundo texto, basicamente igual que o anterior, descuberto en 1887 no mosteiro de San Sabas (actual Cisxordania), coñecido como Fragmenta Sabbaitica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diller, Aubrey (1983). Studies in Greek Manuscript Tradition (en inglés). A. M. Hakkert. ISBN 978-90-256-0837-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Julia García Moreno: Introdución a APOLODORO: Biblioteca mitológica. Introdución, tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, pp. 28-30.