Precisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En enxeñería, ciencia, industria e estatística, denomínase precisión á capacidade dun instrumento de dar o mesmo resultado en medicións diferentes realizadas nas mesmas condicións. Esta cualidade debe evaluarse a curto prazo. Non debe confundirse con exactitude nin con reproducibilidade.

É un parámetro relevante, especialmente na investigación de fenómenos físicos, ámbito no cal os resultados exprésanse como un número máis unha indicación do erro máximo estimado para a magnitude. É dicir, indícase unha zona dentro da cal está comprendido o verdadeiro valor da magnitude.

En informática, denomínase precisión ao número de bits usados para representar un valor. En xeral, nun sistema computacional a precisión está dada polo valor do dígito menos significativo dunha palabra digital que representa un número cunha escala e nun tipo de dato definido. Visto dende outra perspectiva, equivale á diferenza entre dous valores sucesivos representables no tipo de dato e escala do número.