Ponto (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Ponto (en grego antigo Πόντος Póntos, 'mar'; en latín Pontus) foi un deus primixenio, anterior ós Titáns e ós deuses olímpicos. Foi fillo de Xea (a Terra) e irmán de Urano. Hesíodo escribe que Xea enxendrou a Ponto por si mesma, sen elemento masculino [1]. Considérase a personificación masculina do mar.

"Así mesmo trouxo á luz ó estéril mar, de impetuosas ondas, o Ponto, sen o desexable amor".
(Hesíodo: Teogonía 131-132)

Hixino afirmaba que foi fillo de Xea con Éter, o Ceo luminoso.

"De Éter e da Terra, a Dolor, o Engano, a Ira, a Pena, ... Temis, Tártaro, Ponto e os Titáns".
(Hixino: Fábulas, Prólogo, 3.)

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Uniuse a Xea e tivo con ela cinco fillos:

"O Ponto enxendrou ó veraz Nereo, o maior dos seus fillos, ó que chaman o Ancián porque, infalible e bondadoso, non lle pasan inadvertidas as leis divinas, senón que coñece xustos e benévolos designios. Logo, uníndose a Xea, deu a luz ó gran Taumante, ó poderoso Forcis, a Ceto, de hermosas meixelas, e a Euribia, que ten un ánimo de aceiro nas entrañas".
(Hesíodo: Teogonía 234-240)

Con Talasa, personificación do mar Mediterráneo, foi pai dos Telquines: Acteo, Megalesio, Órmeno e Lico.

Algunhas fontes fano tamén pai de Briareo, un dos Hecatonquiros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Este último comentario, segundo as tradutoras do texto de Hesíodo, debe aplicarse ós primeiros fillos da Terra (o ceo, as montañas e o mar). Posteriormente, uníndose a Urano, tería máis fillos: os Titáns.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA.
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.