Pirra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deucalión e Pirra (Giovanni Maria Bottalla, c. 1635)

Pirra, alcumada a Loura, na mitoloxía grega, foi a esposa de Deucalión e filla de Epimeteo e Pandora.

O diluvio[editar | editar a fonte]

Os dous, Pirra e Deucalión, foron os únicos considerados xustos por Zeus cando este decidiu castigar á humanidade por considerala unha raza viciosa, e acabar coa chamada Idade de Bronce provocando un gran diluvio. Por iso foron perdoados e Prometeo, irmán de Epimeteo, aconselloulles construír unha gran arca, dentro da cal puideron sobrevivir.

Rematado o diluvio e tras ofrecer un sacrificio a Zeus, este concedeulles o que desexaran, e Deucalión pediu ter máis homes. Entón, por orde de Zeus, lanzaron pedras cara a atrás, por riba dos seus ombros, e as pedras convertéronse en homes, as que lanzara el, e mulleres, as que lanzara ela. E deste xeito conseguiron repoboar a terra.

Deucalión e Pirra tiveron dous fillos, Helen (algúns din que foi enxendrado por Zeus), Anfictión (que reinou sobre Ática), e unha filla, Protoxenia, que tivo un fillo con Zeus (ou con Locro), Aetlio; algunhas fontes engaden unha segunda filla: Melantea. Helen, a partir do seu nome, chamou helenos ós que antes se chamaban gregos [1].

Aquiles xunto ás fillas de Licomedes

Aquiles co nome de Pirra[editar | editar a fonte]

Cando se comezou a pensar na Guerra de Troia, Aquiles quixo participar na expedición. Pero un oráculo advertira á nai, Tetis, que Aquiles morrería nesta guerra e, para evitalo, escondérono na corte de Licomedes, en Esciros, onde viviu entre as fillas do rei disfrazado de muller. Recibía neste lugar o nome de Pirra e mesmo tivo un fillo cunha delas, Neoptólemo, ó que chamaron Pirro. Pero o adiviño Calcas augurara a Ulises que nunca se conquistaría Troia de non contar coa axuda de Aquiles, polo que Ulises foi á corte de Esciro, disfrazado de comerciante e con agasallos para as fillas do rei: roupas, alfaias, etc., incluíndo tamén unha lanza e un escudo. Tras entregar os regalos, Ulises fixo tocar unha chamada de alarma, e Aquiles non dubidou en romper as súas roupas de muller e coller as armas para saír en defensa do palacio mentres as mulleres fuxían asustadas. Deste xeito desvelou a súa identidade e Ulises convenceuno para acudir á guerra, cumprindo así o seu destino.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pseudo-Apolodoro, I, 7, 2-3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Pirra e Aquiles.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].