Perpiaño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parede inca en Machu Picchu, construída con grandes perpiaños.

Un perpiaño é unha pedra regular para a construción xeralmente en forma de paralelepípedo (máis longa que ancha e de forma rectangular), coas caras sen tallar, e que forma parte das obras de cantaría[1].

A diferenza dos cachotes (cachotaría), o perpiaño está labrado por varias das súas caras para darlle a forma rectangular. Por extensión coñécese por perpiaño a parede feita cos bloques regulares ou perpiaños[2] (técnica que se coñece coma cantaría).

Os perpiaños adoitan ter un tamaño e peso que obriga a manipulalos mediante máquinas, a diferenza dos cachotes, que se poñen a man.

Son usados principalmente na construción de edificios como alternativa ao ladrillo. Xeralmente a cara externa é lisa ou puída, ocasionalmente poden presentar pequenos sucos gravados. Estas marcas coñécense como marcas de canteiro.

É frecuente atopar perpiaños nas construcións da arquitectura clásica grega, romana e nas arquitecturas románica e gótica.

En Galicia atopamos perpiaños en moitas das construcións coidadas e/ou cultas coma pontes, pazos, casas grandes e urbanas, igrexas... Moitas veces estas construcións levan muros de fábrica de cachotaría reservando o perpiaño para esquinais e vans.

Os perpiaños teñen un significado simbólico para os masóns. En francmasonaría, o perpiaño aparece con dous significados: o perpiaño sen traballar é unha alegoría do masón non iniciado antes da súa iluminación; o perpiaño liso representa a pedra vestida como a utilizada polo construtor experimentado, e é unha alegoría do masón que, a través de educación e dilixencia, alcanzou a iluminación e que vive unha vida correcta.

Cómpre non confundir o significado de perpiaño en castelán, que sería en galego forra ou tizón, pedra que atravesa toda a parede dun edificio, e que serve para trabala e reforzala[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  2. Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
  3. Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009; Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]