Pedro de Betanzos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPedro de Betanzos
Biografía
Morte1570 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónlingüista , misioneiro Editar o valor em Wikidata
Orde relixiosaOrde Franciscana Editar o valor em Wikidata

Pedro, nado en Betanzos a finais do século XV e finado en 1570 en Chomes (hoxe en Puntarenas, Costa Rica), foi un misioneiro franciscano en América central.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixinario de Betanzos.[1][2] Ingresou en 1519 no convento franciscano da súa vila, e posteriormente viviu no do Val de Deus.[2] Foi un dos primeiros misioneiros franciscanos na Capitanía Xeneral de Guatemala,[1] e máis concretamente no territorio da actual Costa Rica;[2] alí chegou arredor do 1550.[3] Estaba dotado de gran capacidade para os idiomas, chegando a dominar entre outros o náhuatl, o quiché, o tz’utujil e o kaqchikel.[1][2][3] Segundo os seus escritos, durante a súa vida xurdiu unha controversia entre os franciscanos e os dominicanos encol o uso do termo indíxena «Cabovil» como sinónimo de «Deus». Pedro de Betanzos insistiu en que non eran termos sinónimos, como si defendían os dominicanos, e sempre empregou a palabra «Dios» incluso ao escribir en linguas indias. Os franciscanos estaban no correcto, xa que os indíxenas non tiñan unha concepción do monoteísmo, e o termo facía referencia a unha "esencia espiritual" que permeaba o mundo, unha concepción máis próxima ao animismo e ao fetichismo; a polémica rematou coa prohibición aos dominicanos de usar o termo «Cabovil» por parte do seu visitador Tomás Casillas.[1][4] Pedro de Betanzos foi tamén un dos autores dunha obra publicada en México e titulada "Arte, Vocabulario y Doctrina Christiana en Lengua de Guatemala"; foi a obra impresa máis antiga nalgunha lingua indíxena de Guatemala, pero non se conserva ningunha copia dela.[1][2][3] Pedro de Betanzos foi tamén fundador da Igrexa en Nicaragua e Costa Rica, onde finou en 1570 en Chomes.[1][5][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Bandelier, Adolph Francis Alphonse (1907). "Fray Pedro de Betanzos". En Herbermann, Charles George. Catholic Encyclopedia (en inglés) II. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Blanco Segura, Ricardo. "Pedro de Betanzos". DB-e. Real Academia da Historia. Consultado o 7/12/2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Imágenes costarricenses: crónicas de Francisco María Núñez, José J. Sánchez Sánchez y José Antonio Zavaleta. Editorial Universidad de Costa Rica. 1994. p. 240. ISBN 9789977672694. 
  4. Zulaica Gárate, Román (1991). Los franciscanos y la imprenta en México en el siglo XVI. UNAM. p. 79. ISBN 9789683619952. 
  5. A Catholic Encyclopedia fala de que finou en Chomez, e sitúa este lugar en Nicaragua; porén, é actualmente un distrito de Costa Rica.