Parque Nacional Huascarán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parque Nacional de Huascarán
Parque Nacional de Huascarán
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País Perú
Localización9°20′00″S 77°24′00″O / -9.33333, -77.40000
TipoNatural
CriteriosVII, VIII
Inscrición1985 (9ª Sesión)
Rexión da UNESCOLatino América e o Caribe
Identificador333

O Parque Nacional de Huascarán é un parque da Cordillera Blanca, nos Andes, na serra central do Perú, no Callejón de Huaylas, pertencente á rexión Ancash. O parque, que cobre unha área de 3400 km², foi fundado o 1 de xullo de 1975.

Historia[editar | editar a fonte]

O parque foi declarado Patrimonio Mundial da Unesco en 1985, estando incluído antes como núcleo da Reserva da Biosfera da Humanidade en 1977. A súa protección foi primeiramente arranxada polo goberno peruano, para salvagardar a flora e fauna, as formacións xeolóxicas, restos arqueolóxicos (incluíndo reliquias da cultura chavín), motivando a investigación científica dos recursos naturais e culturais.

O Parque Nacional de Huascarán é casa de montañas cuxa altura varía entre os 2000 e os 6000 metros. Huascarán, a montaña que dá nome ao parque, é o pico máis alto do Perú, con 6768 metros. Nos 3400 km² do parque hai 663 glaciares, 296 lagoas (Llanganuco, Parón) e 41 afluentes de tres ríos importantes: o Santa, Pativilca e Marañón.

Localízase entre a Cordilleira Branca e a Cordilleira negra e posúe cumes de entre 4.000 e 6.768 metros de altura, o que converte a este lugar nunha das cadeas montañosas máis altas do mundo.

O Huascarán, localizado na provincia de Yungay de 6.768 msnm, é a cima máis alta do Perú, cuxo topónimo provén da lingua quechua que significa "Cadea de montañas". Dá o seu nome a este parque no que se erguen sobre os glaciares numerosos cumios, entre os que destacan os nevados de Alpamayo, Chopicalqui, Shapraraju, Pishqo, Huandoy e a Pirámide.

Este parque é o hábitat do Puya raimondii, do puma, do xaguar, do lama, do guanaco, do cervo do pantanal, do tapir brasileiro, do Phlogophilus harterti, unha especie de colibrí, e moitas especies de patos, incluíndo o Netta erythrophthalma.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima está marcado por dúas etapas durante o ano. Este depende de dous grandes factores: os ventos húmidos e temperados provenientes da conca amazónica, que xeran abundantes chuvias durante os meses de decembro a marzo; e unha marcada estación seca, entre maio e outubro, con días soleados que alcanzan os 25 °C e noites de intenso frío nas que son frecuentes as xeadas e temperaturas inferiores aos 0 °C.

Flora[editar | editar a fonte]

Defínense sete áreas diferentes que conteñen unha gran variedade de microclimas. Iso configura unha gran diversidade de vexetación. Detectáronse 779 especies altoandinas, que abranguen 340 xéneros e 104 familias.

Nesta variedade vexetal a familia das bromeliáceas está representada pola Puya (Puya raimondii), unha especie que se caracteriza por ter a inflorescencia máis grande que se coñece en todo o planeta. Tamén hai bosques de queñual (Polylepis spp.) e abundantes gramíneas [1].

Fauna[editar | editar a fonte]

Oso de anteollos.

Canda a esta variedade vexetal existen moitas especies de fauna aínda non inventariada nin suficientemente estudada. Algúns datos apuntan á existencia de 112 especies de aves de 33 familias, como por exemplo o cóndor andino (Vultur gryphus), o pato dos torrentes (Merganetta armata), e a perdiz de puna (Tinamotis pentlandii), entre outras.

Hai oito xéneros de dez especies distintas de mamíferos. Entre as especies ameazadas encontramos o gato montés (Oncifelis colocolo), o gato andino (Orailurus jacobita), o oso de anteollos (Tremarctos ornatus), o huemul do norte (Hippocamelus antisensis) e a vicuña (Vicugna vicugna)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]