Pacto de Lestrobe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo da Hermida, lugar da xuntanza do Pacto de Lestrobe

O Pacto de Lestrobe foi a xuntanza celebrada o 26 de marzo de 1930 no Pazo da Hermida de Lestrobe (Dodro) na que se acordou a constitución da Federación Republicana Gallega. Participaron os partidos ORGA, Partido Radical, Partido Radical Socialista e Partido Republicano Federal e personalidades republicanas galegas. Pretendían establecer unha estratexia conxunta e autónoma dos republicanos galegos.[1]

Asistiron unhas 50 persoas, entre outros Xerardo Abad Conde e Santiago Casares Quiroga, sendo dono do pazo José Vázquez Batalla. Asinaron un manifesto dirixido á opinión pública.[2]

Celebración do comicio[editar | editar a fonte]

Celebrouse nas Torres de Lestrobe, por inspiración da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), o 26 de marzo de 1930, no que se asina a alianza das distintas forzas republicanas.

A finais do ano 1929 e comezos de 1930 a Ditadura caía, a República xa se albiscaba e as distintas fraccións do republicanismo galego non se poñían de acordo. Daquela tomouse a decisión de converxer todos os republicanos da rexión nun só feixe, con vistas a acelerar o proceso de caída do réxime monárquico e preparar o terreo para a República. Fíxose unha reunión clandestina en Roxos (Santiago) pero alguén debeu traizoalos e por iso finalmente Xesús San Luís Romero acompañado por Constante Nogueira e Andrés Suárez tiveron que marchar ó Pazo de Hermida, onde o vello republicano José Vázquez Batalla lles ofreceu a súa casa para celebrar o comicio clandestino.

A reunión, á que acudiron representantes dos diversos partidos e agrupacións que compoñían o espectro republicano, tivo lugar o 26 de marzo de 1930. Nun primeiro plano estaba a ORGA, promotora do acto, e o Partido Radical cos seus respectivos líderes á cabeza, Casares Quiroga e Abad Conde. Xunto a eles, o Partido Radical-Socialista, o Partido Republicano Federal, unha representación da sección galega da FUE e algúns republicanos a título persoal, así como varios sindicalistas ex-militantes da CNT. En total, máis de medio cento de asembleístas.

Tras os debates de rigor, os asistentes acordaron a creación da Federación Republicana Gallega co obxectivo da implantación do réxime republicano democrático en España e loitar pola autonomía de Galicia. A Federación Republicana Galega, acabada de crear, enviou a Santiago Casares Quiroga como delegado ó pacto de San Sebastián.

Unha anécdota que determina o entusiasmo republicano de Vázquez Batalla é que mentres se deliberaba, el serviu de vixía na torre do pazo para facilitar a fuxida ós montes do Barbanza se eran sorprendidos.

A principios de abril, a prensa publicou o "Manifiesto de la Federación Republicana Gallega" no que se recollían os acordos do pacto e a relación dos asinantes.[3]

No terceiro aniversario do pacto, xa en plena República, volveron reunirse case tódolos asistentes no mesmo lugar para ofrendar a Vázquez Batalla cun pergameo en conmemoración da data daquel acto.[4]

Asinantes do pacto[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El acta inédita de la Asamblea de Lestrove", El Pueblo Gallego, 1-4-1934, p. 9.
  2. "Manifiesto de la Federación Republicana Gallega", El Pueblo Gallego, 6-4-1930, p. 14.
  3. "Manifiesto de la Federación Republicana Gallega", El Pueblo Gallego, 6-4-1930, p. 14.
  4. "El pacto de Lestrove: se cumplieron los setenta y siete años de una vieja ilusión" Arquivado 17 de maio de 2014 en Wayback Machine.. El Correo Gallego (24-4-2007), en castelán.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Silvia Figueira: Dodro, un concello para ver. Concello de Dodro.

Outros artigos[editar | editar a fonte]