Pachi Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaManuel Vázquez Fernández
Nome orixinal(es) Pachi Vázquez Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de febreiro de 1954 Editar o valor em Wikidata (70 anos)
O Carballiño
Cargos
Alcalde do Carballiño
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónPolítico e médico
Partido políticoEspazo Común
LinguaLingua galega Editar o valor em Wikidata

Manuel Pachi Vázquez Fernández, nado no Carballiño o 6 de febreiro de 1954, é un político galego do Espazo Común, que estivera no PSdeG-PSOE.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicio na política local do Carballiño[editar | editar a fonte]

Estudou Medicina na Universidade de Santiago, exercendo na súa vila natal. Foi candidato do CDS á alcaldía do Carballiño en 1987 e logrou 3 concelleiros, formando parte da oposición a Argimiro Marnotes Rodríguez. Porén, dimitiu en marzo de 1990 e encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE en 1991, empatando a 5 concelleiros coa Converxencia Centrista de Marnotes e o PPdeG, chegando os dous últimos a un acordo de goberno, polo que formou parte da oposición. Foi elixido deputado no Parlamento galego en 1993. En 1995 logrou a vitoria con 7 concelleiros e formou goberno co BNG, sendo o primeiro alcalde de esquerdas da democracia no Carballiño, renunciando como deputado autonómico. En 1999 e 2003 foi reelixido alcalde con maioría absoluta e 9 concelleiros. Foi deputado na Deputación de Ourense dende 1995, sendo o portavoz socialista nesta institución. En maio de 2002 foi designado Coordinador Provincial do PSdeG-PSOE en Ourense[1].

Salto á política autonómica[editar | editar a fonte]

Encabezou a candidatura do socialista por Ourense nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005, ante o cal renunciou aos seus postos no concello e na deputación, sendo substituído por Carlos Montes Marqués na alcaldía. Foi elixido deputado, e os socialistas conseguiron acceder ao goberno autonómico con Emilio Pérez Touriño de presidente, sendo nomeado Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e manténdose como coordinador provincial en Ourense.

Volveu encabezala candidatura socialista por Ourense nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, nas cales os socialistas perderon o goberno fronte ao PPdeG, que recuperou a maioría absoluta por tan só un escano. A candidatura que encabezaba en Ourense foi a única das 4 provincias que logrou subir escanos. Trala dimisión de Emilio Pérez Touriño despois da derrota electoral, fixo oficial a súa aspiración a ocupar a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE[2], algo que acadou tralo Congreso extraordinario do 25 de abril de 2009. Renovou o seu liderado á fronte dos socialistas galegos tralo Congreso de marzo de 2012, no que se impuxo á exministra Elena Espinosa[3]. Foi o candidato do partido á presidencia da Xunta nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012, nas cales o partido pasou de 25 a 18 deputados e o PPdeG aumentou a súa maioría absoluta, se ben mantivo a segunda posición de forma folgada pese á irrupción de Alternativa Galega de Esquerda. Volveu encabezala candidatura por Ourense, onde xunto con Lugo foi onde mellor aguantaron a representación os socialistas con só un deputado menos, sendo A Coruña e Pontevedra onde sufriron o maior descenso.

Trala derrota mantívose como líder socialista, e en marzo de 2013 anunciou a celebración dunha consulta non vinculante á militancia para a elección do novo Secretario Xeral do PSdeG[4], coa que houbo discrepancias iniciais coa dirección federal do partido. Finalmente, tras fructificalo acordo con Ferraz, tivo lugar a consulta en setembro de 2013. Non concorreu, postulándose os entón presidente da Deputación de Lugo José Ramón Gómez Besteiro e o alcalde da Illa de Arousa José Manuel Vázquez Vázquez, gañando amplamente Besteiro, polo que o sucedeu na Secretaría Xeral.

En novembro de 2014 concorreu ás primarias para ser candidato socialista á alcaldía da cidade de Ourense, pero foi derrotado por José Ángel Vázquez Barquero.[5] Dimitiu como deputado en maio de 2015, trala súa imputación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por mor dunhas contratacións na súa época como alcalde, sumado ademais ao progresivo afastamento coa dirección autonómica do partido[6].

Tralo seu paso pola política autonómica[editar | editar a fonte]

Trala súa dimisión como deputado, colaborou activamente na campaña electoral do PSdeG no Carballiño de cara ós comicios dese mesmo mes de maio, recuperando os socialistas na persoa de Francisco Fumega a alcaldía que perderan en 2011. Tomou partido nas diversas primarias que tiveron lugar no partido ao longo de 2016 e 2017, apoiando a José Luis Méndez Romeu para a presidencia da Xunta en maio de 2016 (se ben foi derrotado por Xaquín Fernández Leiceaga), a Susana Díaz para a Secretaría Xeral estatal (perdendo contra Pedro Sánchez) e a Gonzalo Caballero para Secretario Xeral galego, o cal resultou elixido. En decembro de 2017 concorreu ás primarias para a Secretaría provincial dos socialistas de Ourense, porén foi superado na primeira volta polo alcalde de Amoeiro Rafael Rodríguez Villarino e a deputada autonómica Noela Blanco. Ante isto apoiou a Villarino na segunda volta, o cal resultou gañador.

En decembro de 2018 anunciou que solicitaría a súa baixa como militante socialista, descontento coa actuación das distintas direccións orgánicas, pero sobre todo coa provincial e a autonómica[7]. En canto ao equipo de Villarino denunciaba a falta de integración do seu sector, pese ao apoio na segunda volta nas primarias, e o ninguneo aos seus afíns como a imposición do exalcalde nacionalista Xabier Oviedo como candidato en Maceda, en detrimento da candidata ratificada pola agrupación local[8]. Por parte da dirección autonómica de Caballero denunciaba non ter sido invitado á presentación deste como candidato socialista á presidencia da Xunta en novembro de 2018, como fixo con anteriores líderes socialistas. A esta situación sumouse, aos poucos días, a destitución por parte da dirección provincial do portavoz socialista na Deputación de Ourense, Francisco Fraga Civeira, que o apoiara publicamente trala súa marcha do PSdeG.

Espazo Común[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2019 presentou o seu novo partido político, Espazo Común, defindíndoo coma unha formación socialdemócrata, galeguista e constitucionalista[9], e acompañado de anteriores cargos socialistas da provincia de Ourense coma o exportavoz na Deputación Fraga Civeira. Anunciou a súa intención de concorrer ás Eleccións Municipais de 2019 en diversos municipios da provincia e establecendo contactos para facelo no resto de provincias. Encabezou a candidatura desta formación no Carballiño, onde 3 edís socialistas abandonaran o partido e o goberno local a primeiros dese ano. Finalmente, lonxe de minala hexemonía dos socialistas, estes conseguiron maioría absoluta por primeira vez dendo 2003, logrando Pachi 3 concelleiros por detrás de socialistas e populares. Consigueu representación en diversos municipios da provincia, pero tan só destacando os 3 concelleiros no Carballiño e en Piñor, onde encabezou a candidatura o exalcalde Francisco Fraga Civeira se ben non conseguiu recuperala alcaldía trala maioría absoluta do PPdeG. Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 a súa formación concorreu en coalición con Recortes Cero, encabezada en Ourense por Fraga Civeira, conseguindo resultados testimoniais.

No marco da Pandemia de COVID-19 destacou pola difusión de consellos nas redes sociais, así como entrevistas en medios locais[10].

En novembro de 2020 arrancou finalmente o xuízo por mor de presuntas contratacións irregulares no Carballiño, xunto con outros exedís socialistas, e por cuxa imputación abandonara o Parlamento de Galicia en 2015. Finalmente, en xaneiro de 2021, foi absolto xunto co resto de acusados[11].

Nas municipais de 2023 encabezou novamente a candidatura de Espazo Común no Carballiño e pasou de 3 a 5 concelleiros, perdendo o PSdeG a maioría absoluta. Tras votarse tódalas formacións a si mesmas os socialistas continuaron gobernando en minoría como a lista máis votada[12]. Nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 presentouse como candidato de Espazo Común á presidencia da Xunta, logrando resultados aínda máis testimoniais que en 2020.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Arturo Marquina
 
Alcalde do Carballiño
 
1995 - 2005
Sucesor:
Carlos Montes Marqués
Predecesor:
Xosé Manuel Barreiro
 
Conselleiro de Medio Ambiente
 
2005 - 2009
Sucesor:
Agustín Hernández
Predecesor:
Emilio Pérez Touriño
 
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE
 
20092013
Sucesor:
José Ramón Gómez Besteiro
Predecesor:
Pablo Xabier López Vidal
 
Coordinador Provincial do PSdeG en Ourense
 
20022009
Sucesor:
Raúl Fernández Fernández