Pacharán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Botella de pacharán caseiro

O pacharán[Cómpre referencia] (en éuscaro: patxaran) é un licor cuxo contido alcólico alcanza o 25-35% do volume, obtido pola maceración de abruños, froito de cor negra azulada do abruñeiro (Prunus spinosa), en augardente anisada, característico de Navarra. O substantivo provén do éuscaro patxaran, composto de paitar, pattar "augardente, licor" e aran "abruñeiro"[1]. Este produto xa era reputado na Idade Media.

En Galicia atópanse as empresas Maitines; Licores y aguardientes[2] e Ruavieja que elaboran pacharán entre outros licores.

Historia[editar | editar a fonte]

Na Idade Media[editar | editar a fonte]

O pacharán xa formara parte do menú servido na voda de Gonofre de Navarra (1394 - 1428), fillo do rei Carlos III, quen, en 1415 casa con Dona Tareixa de Arellano. Tamén se sabe que a raíña Branca I de Navarra (1385 - 1441) bebía pacharán polas súas propiedades medicinais cando enfermou no Mosteiro de Santa María de Nieva en 1441.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

O abruñeiro encóntrase en estado silvestre por toda Europa, e dende 1997 cultívase na xeografía navarra. O Consello Regulador do Pacharán Navarro é, dende 1988, o encargado de regulamentar a elaboración, calidade e embotellado do pacharán, sendo o primeiro (e de momento o único) organismo que certifica a correcta elaboración deste licor, amparando ás empresas adscritas á Denominación de Orixe do Pacharán Navarro, integrada na Denominación de Produtos Artesáns de Navarra.

Aínda que son moitos os produtores deste licor en Navarra, e o seu consumo na comunidade foral é crecente, non é un licor excesivamente coñecido no resto da península, e escasamente referenciado noutros países. Comezouse a coñecer co servizo militar obrigatorio, cando o pacharán era chamado licor de zoco, unha das primeiras marcas que exportou o licor fóra de Euskal Herria.

A venda total de pacharán no 2000 alcanzou os 7,7 millóns de litros, segundo o Consello Regulador do Pacharán Navarro. E a isto habería que engadir todo o pacharán que se fai nos fogares navarros.

Características[editar | editar a fonte]

Características organolépticas[editar | editar a fonte]

O pacharán navarro ten que ser vermello ou rosado intenso. Se aparece turbio ou con pousos significa que non se filtrou correctamente. O brillo é sinal de xuventude, e os tons opacos, de vellez. Ha de ter aroma intenso e afrutado, e non se debe notar o olor a alcol.

Valores nutricionais e medicinais[editar | editar a fonte]

O abruño contén vitamina C, é tónico, adstrinxente, e fortifica o estómago. As flores do arbusto son diuréticas e suavemente laxantes cando se utilizan en infusión. Estas son as propiedades medicinais do pacharán, que resulta ser bo para o estómago, aliviar os achaques da vellez e previr a arteriosclerose e o infarto. Ademais, actúa como sedante sobre o sistema nervioso.

Preparación[editar | editar a fonte]

Para a súa elaboración precísanse uns 250 gramos de abruños, a ser posíbel maduros, por cada litro de augardente; outra receita declara oito froitos por litro. Macéranse durante sete ou oito meses nun lugar fresco e escuro. Pasado ese tempo, fíltrase, rebáixase cun xarope de auga fervida e azucre morena, e embotéllase. No tempo de maceración pódeselle engadirunha folla de loureiro ou grans de café preparado, para darlle outros toques. Ou botarlle canela, macela ou outras herbas.

Degustación[editar | editar a fonte]

É aconsellábel tomalo en copa ou vaso de cristal, e fresco, entre 6 e 8 °C. Pódese arrefriar a botella no frigorífico ou refrescar a bebida con xeo para producir frescura na boca, mais non é recomendábel, pois a auga producida co xeo sácalle sabor ao pacharán e pode resultar incluso desagradábel.

O pacharán non mellora co tempo, polo que é recomendable consumilo antes de dous ou tres anos dende a súa elaboración.

Combinado[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente o licor consumíase só, mais en Navarra, sobre todo nas festas populares, hai o costume de mesturalo. E así reciben os nomes populares de:

  • Pacharán con cava: San Fermín.
  • Pacharán con laranxa: butano ou butanito.
  • Pacharán con limón: pachalón.
  • Pacharán con leite: vaca rosa.
  • Pacharán con xeado: sorbete rosa.
  • Pacharán con zume de froitas do bosque: pacharán do bosque.
  • Pacharán con gaseosa: pacharansete.
  • Pacharán con licor de morogo: miquirol.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Só en biscaíño; "ameixeira" no resto.
  2. Artesanos de Galicia: Pacharán Maitines.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]