Otón de Frisinga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Otón de Frisinga
Biografía
Nacemento1112 Klosterneuburg, Austria
Pasamento22 de setembro de 1158 mosteiro cisterciense de Morimond, Francia
Nome secularOtón Babenberg
Estudosfilosofía escolástica
Profesiónclérigo cisterciense, cruzado da Segunda Cruzada, historiador e diplomático
Ordes
Consagración episcopal1138, por Conrado III de Austria
Orde monásticaOrde do Císter
Bispo de Frisinga
1138 - 1158
PredecesorHenrique I de Ebersdorf
SucesorAlberte de Harthausen

Otón de Frisinga ou Otto von Freising, nado en Klosterneuburg, Austria no 1112 e finado o 22 de setembro de 1158 no mosteiro cisterciense de Morimond, Francia, foi desde 1138 bispo de Frisinga e un dos principais historiadores da Idade Media.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Otón de Frisinga naceu arredor de 1112, foi o quinto fillo de Leopoldo III (da casa de Babenberg), margrave de Austria, e da filla do emperador Henrique IV, Inés de Waiblingen. Entre os seus irmáns estiveron Leopoldo IV, duque de Baviera, Henrique II, duque de Austria e Conrado II, arcebispo de Salzburgo. O seu medio irmán era o rei Conrado III. Otón tamén foi tío do emperador Frederico Barbarroxa.

Recibiu a súa primeira formación no mosteiro de Klosterneuburg, o cal fundara o seu pai en 1114. En 1126 foi nomeado preboste do mosteiro. Ese mesmo ano ou o seguinte Otón foi a estudar en Francia, principalmente en París, que se establecera como centro da entón recente escolástica (en lugar da habitual monástica). Otón pasou seis anos alí e oíu a Pedro Abelardo, Hugo de San Vítor e Xilberto Porretano.

En 1132 xunto con quince compañeiros alemáns nobres uniuse á Orde do Císter, e entrou como novizo no convento de Morimond en Champaña.

Seis anos despois, en 1138, sendo un monxe de 26 anos de idade, foi elixido abade. Pero ao día seguinte, recibiu do rei Conrado III o nomeamento como bispo de Frisinga e a partir de entón esforzouse para renovar a vida eclesial na súa diocese e os seus mosteiros, como o de Schäftlarn (premonstratense), Schlehdorf (augustino) e Innichen. Otón liberou da opresión secular da bailía a Catedral de Frisinga e fixo que a escola da catedral acadara unha considerable importancia. Tamén fundou en Frisinga os mosteiros de Schliersee (unha colexiata) e Neustift (premonstratense). Curiosamente, ningún deles cisterciense.

Durante a época da Querela das Investiduras case necesariamente debeu entrar en conflito coa familia Wittelsbach, pero debido á súa relación imperial mediou con éxito nas disputas entre os Hohenstaufen, os Babenberg e os Welfos.

Otón acorreu á convocatoria de Bernaldo de Claraval e foi á Segunda Cruzada, de cuxo fracaso conseguiu escapar con dificultade cun pequeno grupo de seguidores leais. Tamén cumpriu funcións diplomáticas para Conrado III. Realizou tres viaxes a Roma. Baixo o reinado do emperador Frederico Barbarroxa estivo implicado na resolución do litixio co papa Hadrián IV.

En 1157 o emperador Frederico Barbarroxa encomendoulle oficialmente rexistrar os seus feitos (Gesta Friderici Imperatoris). Otón non puido completar o seu traballo: morreu camiño do cabido xeral dos cistercienses no mosteiro de Morimond o 22 de setembro de 1158. Ata o século XVII a tumba de Otón de Frisinga alzábase por riba do chan e era claramente visible fronte ao altar maior dese mosteiro.[1] Hoxe hai un relicario cos seus ósos baixo o altar maior da Igrexa Colexiata de Heiligenkreuz nos Bosques de Viena.

Obra[editar | editar a fonte]

Na historia da filosofía Otón de Frisinga é un dos primeiros en reintroducir Aristóteles en Alemaña[2]. Da súa obra literaria consérvanse só fragmentos. Os seus escritos filosóficos e a súa correspondencia perdéronse. Como cisterciense Otón estaba intimamente en sintonía cos ideais relixiosos e o mundo espiritual do seu tempo, como historiador, creou importantes obras historiográficas sobre os Hohenstaufen. Grazas á súa relación coa familia imperial tivo unha perspectiva sobre a historia e a política que tiveron poucos dos seus contemporáneos. Por iso Otón é considerado un dos máis grandes historiadores da Idade Media.

A súa primeira obra, a Chronica sive Historia de duabus civitatibus, é dicir “A historia de dúas cidades” inspirouse na obra De Civitate Dei de Santo Agostiño de Hipona[3]. É unha historia do mundo en 7 libros, o oitavo libro desenvolve a visión de Otón sobre o Xuízo Final. Otón escribiu esta obra entre 1132 e 1146 e revisouna en 1157. A obra foi o punto culminante da historiografía medieval: versa sobre a transformación das ideas augustinianas ou platónicas, especialmente a teoría de dous estados. Trata como os imperios mundiais migraron, como toda a cultura, de Oriente a Occidente[4], ata atopar no Imperio Romano a súa forma final ata o fin do mundo. Segundo a obra, era crucial que a Igrexa de Cristo se conxugase co Imperio Romano, tal como en Civitas Dei, nunha perfecta harmonía entre o poder espiritual e o secular. Esta combinación, ao contrario do acontecido na Civitas Dei de Santo Agostiño, débese realízar na terra. A importancia da obra, polo tanto, reside na súa dimensión histórico-teolóxica, que expande significativamente a doutrina augustiniana das dúas cidades.

Arredor de 1156 Otón comezou a súa Gesta Friderici Imperatoris, unha obra sobre os actos do seu sobriño o emperador Frederico Barbarroxa. Baixo o reinado do emperador escribiu os dous primeiros libros: o Libro 1 trata o período desde Henrique IV ata Conrado III. En contraste coa persepción do Chronicon, interprétao como un tempo de preparación para a próxima plenitude do poder imperial baixo Frederico Barbarroxa.

O Libro 2 describe a historia de Barbarroxa entre 1152 e 1158. Otón utilizou como fonte moitos documentos imperiais. Só acadou a rematar os dous primeiros volumes. Aínda que antes da súa morte (1158), encomendara ao seu alumno Rahewin completar a obra. Rahewin escribiu a terceira e cuarta parte. Outro continuador foi Otón de St. Blasien.

A Gesta está pensada desde unha perspectiva menos profunda no que respecta á filosofía da historia, pero recolle moitas características da historia da igrexa e de personalidades importantes, como Abelardo e Arnaldo de Brescia. Respecto a Barbarroxa o texto non está libre de formulacións subxectivas. A visión dos Hohenstaufen ten un claro obxectivo que -en termos modernos- podería ser chamado de propaganda. Otón tratou de representar a casa Hohenstaufen baixo nunha luz que a amosase como predestinada para que nela se cumprise a vontade de Deus.

Culto a Otón[editar | editar a fonte]

Na Orde do Císter Otón foi reverenciado como un santo. Na Arquidiocese de Viena e na de Múnic e Frisinga, con permiso concedido por Roma desde 1973, celébrase a súa festividade o 7 de setembro.[5]

Na catedral de Frisinga sitúase unha estatua do beato. Baixo o altar sacramental da igrexa da mosteiro cisterciense de Heiligenkreuz hai un relicario cos supostos restos de Otón.

Para a consagración do altar da catedral de San Cástulo en Moosburg, empregouse unha reliquia de Otón. En 1995 erixiuse nos terreos do antigo convento Morimond unha estela conmemorativa.[6] No ponte Korbinian de Frisinga lámbrao unha estatua. A miúdo é representado en vidreiras, sobre todo como bispo escritor, é así na igrexa parroquial de Liesing na capela de Otón de Frisinga, en Gaaden.

Curiosamente o "santo" goza de maior reverencia entre os historiadores e xermanistas que no pobo católico da súa terra natal. Ten unha placa conmemorativa no Walhalla de Ratisbona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Leopold Grill: "Ergebnis der Suche nach dem Grab Ottos von Freising", en: Annalen des Naturhistorischen Museums 77 (1973), pp. 421-424.
  2. Martin Grabun, Die Geschichte der Scholastischen Methode, vol. 11, Berlín, Akademie Vedag, 1957, pp. 70
  3. Ottonis episcopi Frisigensis Chronica sive Historia de duabus civitatibus, ed. de iZ. Hofmeister, Hannover-Leipzig, 1912. (Na Biblioteca de Scriptores rerum Germanicarum in usum scholarum).
  4. Otón de Frisinga, Chronica... p. 8.
  5. Erzdiözese Wien, Direktorium. Dispoñible en http://www.erzdioezese-wien.at/pages/inst/23426524.
  6. Peter Pfister und Friedrich Wetter: Ihr Freunde Gottes allzugleich. Heilige und Selige im Erzbistum München und Freising, Múnic 2003, pp. 122.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adolf Hofmeister (ed.): Scriptores rerum Germanicarum en usum scholarum separatim editi 45: ottonis episcopi Frisingensis Chronica sive Historia de duabus civitatibus. Hannover 1912 (Monumenta Historica Germaniae, dispoñible en https://web.archive.org/web/20160313102022/http://www.dmgh.de/de/fs1/object/display/bsb00000746_meta:titlePage.html?sortIndex=010:070:0045:010:00:00&zoom=0.75)
  • Georg Waitz e Bernhard von Simson (ed.): Scriptores rerum Germanicarum en usum scholarum separatim editi 46: ottonis et Rahewini Gesta Friderici I. imperatoris. Hannover 1912 (Monumenta Historica Germaniae, dispoñible en https://web.archive.org/web/20150721234003/http://www.dmgh.de/de/fs1/object/display/bsb00000701_meta:titlePage.html?zoom=0.75&sortIndex=010:070:0046:010:00:00)
  • Otto Bischof von Freising: Chronik oder die Geschichte der zwei Staaten. Traducido por Adolf Schmidt, editado por Walther Lammers. 4a edición. (Fontes seleccionadas sobre a historia alemá da Idade Media, 16 vol.), Darmstadt 1980. ISBN 3-534-00174-5 (Latín / alemán).
  • Bischof Otto von Freising und Rahewin: Die Taten Friedrichs oder richtiger Cronica. Traducido por Adolf Schmidt, editado por Franz-Josef Schmale. 4. edición expandida. (Fontes seleccionadas sobre a historia alemá da Idade Media, vol. 17), Darmstadt 2000. ISBN 3-534-01418-9 (Latín / alemán).
  • Alice Arnold: Otto von Freising. In: Jürgen Wurst, Alexander Langheiter (ed.): Monachia. Von Carl Theodor von Piloty im Münchner Rathaus. [Anlässlich der Restaurierung und Wiederanbringung von Carl Theodor von Pilotys Monumentalgemälde.] Städtische Galerie im Lenbachhaus, Múnic 2005, ISBN 3-88645-156-9, S. 75.
  • Roman Deutinger: Otto von Freising. In: Katharina Weigand (ed.): Große Gestalten der bayerischen Geschichte. Herbert Utz Verlag, Múnic 2011, ISBN 978-3-8316-0949-9.
  • Joachim Ehlers: Otto von Freising. Ein Intellektueller im Mittelalter. Eine Biographie. Beck, München 2013, ISBN 978-3-406-65478-7.
  • Joseph Anton Fischer (ed.): Otto von Freising, Gedenkgabe zu seinem 800. Todesjahr. Frisinga 1958.
  • Hubert Glaser: Bischof Otto von Freising (1138-1158). In: Georg Schwaiger (ed.): Christenleben im Wandel der Zeit. Band 1, Wewel, Múnic 1987, ISBN 3-87904-154-7.
  • Hans-Werner Goetz: Das Geschichtsbild Ottos von Freising. Ein Beitrag zur historischen Vorstellungswelt und zur Geschichte des 12. Jahrhunderts. Köln/Wien 1984, ISBN 3-412-05983-8.
  • Ulrike Götz (Ed.): Otto von Freising, Rahewin, Conradus sacrista. Geschichtsschreiber des 12. Jahrhunderts in Freising. Beiträge zum 850. Todesjahr Bischof Ottos von Freising 2008. Frisinga 2010, ISBN 978-3-00-031024-9.
  • Cornelia Kirchner-Feyerabend: Otto von Freising als Diözesan- und Reichsbischof, Fráncfort do Meno 1990, ISBN 3-631-42408-6.
  • Franz Nagel: Die Weltchronik des Otto von Freising und die Bildkultur des Hochmittelalters. Tectum, Marburgo 2012, ISBN 978-3-8288-2876-6.
  • Joseph Schmidlin: Die geschichtsphilosophische und kirchenpolitische Weltanschauung Ottos von Freising. Ein Beitrag zur mittelalterlichen Geistesgeschichte. Herder, Freiburg im Breisgau 1906. (online)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]