Optoelectrónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Disciplina científica e técnica, inserida no campo da física e da enxeñaría, que trata dos fenómenos e dispositivos nos que participan fotóns e electróns.

A optoelectrónica permite a manipulación óptica de sinais electrónicos, e ao revés o control electrónico de sinais ópticos.

Os seus dispositivos básicos son as fontes ou emisores de luz e os detectores ou receptores da mesma, que virtualmente transforman un sinal consistente nunha corrente de electróns noutro formado por unha corrente de fotóns, e ao revés.

As fontes ou emisores de luz típicos que se empregan na optoelectrónica son os LED's (acrónimo inglés de Díodo Emisor de Luz) e os Láseres. Estes, a diferenza dos primeiros, son emisores de luz cun alto grao de coherencia espacial e temporal, tipicamente díodos de silicio, aínda que poden ser tamén láseres doutro tipo (de estado sólido ou incluso de gas).

Os detectores ou receptores poden ser desde dispositivos sinxelos como fotodíodos (o fotodíodo pin, o APD etc), o bolómetro, o pirómetro óptico etc; ou aparellos de instrumentación máis complexos como a streak camera, a cámara CCD etc. Ademais o proceso de detección pode involucrar instrumentos complexos que empregan un detector sinxelo, como ocorre na medida de pulsos ópticos ultracurtos, na que se emprega un autocorrelador.

As aplicacións da optoelectrónica son moi variadas, comparte practicamente todas as da electrónica (computación, comunicacións etc) mellorando moitos dispositivos electrónicos co mesmo cometido; pero suma tamén aplicacións novas moi importantes no campo da metroloxía, da teledetección, a inspección, a bioloxía e a medicina etc.

Na Galiza actualmente existe a especialidade de Optoelectrónica no seo da carreira de Física na universidade de Santiago de Compostela, e hai varios grupos de investigación que a traballan nas tres universidades do país.