Museo do Mar de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo do Mar de Galicia
Museo do Mar de Galicia, Vigo
CoordenadasCoordenadas: 42°13′27″N 8°46′13″O / 42.224138888889, -8.7701666666667
PaísGalicia
CidadeVigo
Inauguración2002
Na rede
http://museodomar.xunta.gal/gl
editar datos en Wikidata ]

O Museo do Mar de Galicia é un centro cultural e científico dedicado ao mar, inaugurado en xuño do 2002 situado na Punta do Muíño, na parroquia viguesa de Alcabre. O padroado do museo está composto pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello de Vigo.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Foi proxectado polo arquitecto galego César Portela e o italiano Aldo Rossi e levado a cabo por Portela á morte do último. A construción toma como base a estrutura da antiga fábrica de conservas de Alcabre, sendo ampliada a maiores no deseño.

Consta de tres edificios: Un edificio principal, outro secundario ao que se accede a través dunha pasarela, o acuario e un pequeno restaurante. Na contorna hai tamén un faro de estrutura metálica e unha rompente.

Na entrada, hai unha pequena baixada empedrada, franqueada por dúas fileiras de árbores e nun lateral desta hai un mural policromado feito con gres de Burela, concibido por Francisco de Sales Covelo e interpretado por Isaac Díaz Pardo na factoría do Grupo Sargadelos en Sargadelos en 2003.

O edificio consta de recoñecemento mundial, como unha grande obra arquitectónica,[Cómpre referencia] recibindo visitas de estudantes de arquitectura de diversos países.

O Museo[editar | editar a fonte]

Os edificios conteñen a exposición permanente do museo, e ademais aloxan diversas exposicións temporais de temáticas moi variadas, na medida do posible relacionadas co mar.

O primeiro edificio, contén a recepción, onde se tramitan as entradas, e un pequeno espazo de tenda para a venda de produtos relacionados co mar e recordos, as salas de exposicións temporais, e as primeiras salas da exposición permanente, que serían O Gabinete do naturalista, a Homenaxe o desastre do Prestige e Exploración do mundo submarino, xunto con algunhas pezas illadas, principalmente fotografías da zona mariñeira de Vigo e maquetas de diferentes embarcacións.

A través dunha pasarela acristalada que permite ver o castro de Alcabre e a Ría de Vigo, accédese ao segundo edificio. Nel hai unha gran sala con diversos bloques temáticos, incluíndo embarcacións tradicionais, industria conserveira e industria baleeira.

No edificio do Acuario hai unha pequena mostra da fauna que habita a Ría de Vigo, dende a costa ata as Illas Cíes, entre outras especies, varias pintarroxas, douradas, rubios, linguados...

Oferta cultural[editar | editar a fonte]

O Museo, conta cunha extensa oferta cultural, que se basea principalmente en actividades ofertadas a colexios e familias.

Os visitantes poden participar nunha serie de talleres didácticos orientados cara a nenos e pais, así como visitas escolares e asociacións. Estes, poden comprender diferentes temáticas, que abarcan dende "O naturalista do s. XIX" ata a "Cultura Mariñeira de Galicia".

Á parte destes talleres, os visitantes poden asistir en datas sinaladas a eventos como a alimentación dos peixes do Acuario, ou a actividades realizadas exclusivamente para exposicións temporais, como pases guiados ou talleres especiais.

Á parte, o propio Museo participa nunha serie de actividades de investigación como A memoria do mar, o proxecto Neuston ou o Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia.

Estas actividades poden solicitarse chamando o Museo de Martes a Venres. Tamén existe a opción de que os visitantes deixen o seu correo electrónico enchendo unha ficha en recepción, e todas estas ofertas e actividades seranlles remitidas.

Centros relacionados[editar | editar a fonte]

O museo ademais coordina o Centro Arqueolóxico de Salinae, que alberga os restos dunha salina romana, xunto cun centro de interpretación de reducido tamaño, que relata brevemente o papel do sal en Roma e as características do xacemento.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]