Monte Helicón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 38°21′08″N 22°49′30″L / 38.352222222222, 22.825

Monte Helicón.
Joos de Momper: Helicón ou Visita de Minerva ás Musas. Museo Real de Belas Artes de Antuerpen.

O Helicón (grego Ἡλικών, Helikồn, latín Helicon, literalmente «o (monte) tortuoso», de ἥλιξ, hélix «espiral, zigzag») é unha montaña da rexión de Tespias, en Beocia (Grecia). Ten unha altura de 1748 metros. Está próximo ao monte Parnaso, entre o lago Copais e o golfo de Corinto. Na mitoloxía grega o Helicón está consagrado a Apolo e as Musas (as Helicónides) o mesmo que a fonte Hipocrene situada nel. O pico máis alto da serra é o actual Paleovuni (1524 metros).

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

A parte oriental estaba especialmente consagrada ás musas, e incluía a cova sacra das Musas (con numerosas estatuas que foron trasladadas por Constantino o Grande a Constantinopla, onde foron destruídas polo lume en 404), a fonte de Aganipe, que inspiraba aos que bebían dela, e a fonte de Hipocrene (probabelmente a actual Makarioitissa); as dúas fontes formaban os regatos Olmeios e Permesos, cuxa unión formaba o Haliarto, que desaguaba no lago Copais.

Facíanse uns xogos dedicados ás Musas (os Museia) na zona da cova, que hoxe leva o nome de San Nicolao, por un convento e unha igrexa construídos ao pé do propio monte Marandali, un dos principais. Estableceuse unha escola de poetas gregos fixada en Ascra (actual Pyrguáki), ao pé da montaña, que foi a residencia do máis famoso poeta da escola, Hesíodo.

Unha parte da serra, tamén dedicada ás Musas, levaba o nome de Monte Leibethrion (latín Leibethrium), e correspondería, probabelmente, ao actual Zagara ou a Granitza (este último é máis probábel que fose Lafistion, latín Laphystium), onde tamén había algunhas estatuas das musas e ninfas, as fontes de Leibethrias e Petra e unha cova dedicada ás ninfas leibetrianas.