Mariña de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Punta dos Castros (Cangas, Foz), na Mariña Central.

A Mariña é unha comarca natural situada ó correr do litoral de Lugo que abrangue 15 municipios do norte da provincia, oito dos cales, costeiros. Fóra da propia bisbarra tamén é coñecida como Mariña de Lugo ou Mariña lucense.

Divídese oficialmente en tres comarcas: A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental.

En sentido oeste-leste, o territorio da Mariña combina zonas montañosas como os montes de Buio, os montes dos Cabaleiros, o monte da Frouxeira, a serra da Toxiza e o Mondigo, con depresións fluviais como a do río Landrove, o val do Ouro, o do Masma, ou o val de Lourenzá.

A súa franxa costeira, maioritariamente chaira e pouco recortada —en comparación con outras costas galegas como o Golfo Ártabro ou as Rías Baixas—, ten o seu límite oriental na ría de Ribadeo, que fai de fronteira con Asturias, e o límite occidental na ría do Barqueiro. Isto fai coincidir a Mariña practicamente co litoral cantábrico galego, aga que se teña en conta que alén do esteiro do Sor —e sen chegar aínda a Estaca de Bares, onde se xuntan o Cantábrico e o Atlántico—, a beira occidental da ría do Barqueiro pertence ao concello coruñés de Mañón.

O límite sur póñeno accidentes xeográficos como a Serra do Xistral (que discorre polos concellos mariñaos de Ourol, O Valadouro e o chairego de Muras) ou a serra de Lourenzá e mailos montes de Carracedo, entre Mondoñedo, A Pastoriza e Riotorto.


Galería de imaxes[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.