Marco Aurelio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marco Aurelio
Emperador de Roma.
Busto de Marco Aurelio. Gliptoteca de Múnic.

Reinado8 de marzo de 161 - 169 (con Lucio Vero).
169 - 177 (en solitario).
177 - 17 de marzo de 180 (con Cómodo).
Nome completoMarcus Aurelius Antoninus Augustus
Nacemento26 de abril de 121
Roma.[1]
Falecemento17 de marzo de 180
Vindobona ou Sirmio.[1]
PredecesorAntonino Pío
SucesorCómodo
ConsorteFaustina a Menor
DescendenciaCómodo, Galeria Lucila, Marco Annio Vero César, Fadilla, Annia Cornificia Faustina Minor
ProxenitoresMarco Annio Vero (biolóxico)
Antonino Pío (adoptivo)
Domicia Lucila

Na rede
Musicbrainz: 517aed2c-8edd-4f31-b649-27cb9125436b WikiTree: Aurelius-1 Find a Grave: 35001023 Editar o valor em Wikidata

Marco Aurelio Antonino Augusto[2] (alcumado o Sabio ou Filósofo[3]) (en latín: Marcus Aurelius Antoninus Augustus), nado en Roma o 26 de abril de 121[4] e finado o 17 de marzo de 180, foi co-emperador do Imperio Romano dende o ano 161 até o ano da súa morte en 180. Foi o derradeiro dos chamados Cinco bos emperadores, terceiro dos emperadores de orixe hispano[5] e está considerado como unha das figuras máis representativas da filosofía estoica. Marco Aurelio e Lucio Vero foron fillos adoptivos de Antonino Pío por mandato de Hadriano e os dous primeiros que imperaron conxuntamente na historia de Roma.[3]

Comezo do seu mandato[editar | editar a fonte]

Antonino Pio asociara o seu goberno ao nome de Marco Aurelio. Nacido en Roma de familia hispana, este emperador que chegou ao poder aos 40 anos, pasou á historia como un eminente filósofo estoico, foi alén disto un grande xurista, home de vasta cultura e un emperador cunhas altas cualidades de estadista, aínda que o período que lle tocou vivir non tivera a brillantez dos inmediatamente anteriores. Con el péchase o período que ten definido como felicior aetas(a época máis feliz)

Cando foi elevado ao imperio, Marco Aurelio posuía unha ampla experiencia de goberno, case 15 anos como césar xunto ao seu predecesor. Compartira ese cargo con Lucio Vero, quen recibira o título de augusto. Esta organización do cumio do poder (un emperador,un césar e un augusto) era garantía de continuidade. No 169, morreu Lucio Vero e Marco Aurelio asociou como augusto o seu fillo Cómodo, froito do seu matrimonio con Faustina, filla de Antonino Pio. Foi unha pésima elección como amosaron os acontecementos que seguiron.

A historia tende a considerar este período como un punto de inflexión, tras o cal comeza unha longa e lenta decadencia de Roma. A burocracia converteuse nunha cuncha que asfixiaba o Estado e frustraba os logros e eficacia anteriores, e que a propia complicación administrativa e a política fiscal promoveron unhas diferenzas cada vez mais acusadas entre a cidade e o medio rural, aspecto que para moitos historiadores é causa a longo prazo da ruína do Imperio.

A realidade é que por unha serie de causas, o sistema de equilibrios que até entón facían posible a Pax Romana entrou en crise. As ameazas nas fronteiras multiplicábanse e a maquinaria do Estado perdía eficacia. O mantemento dun exército en continua loita nos dilatados límites do Imperio resultaba moi gravoso para a facenda pública e a produción comeza a exceder a capacidade de consumo.

A política exterior de Marco Aurelio[editar | editar a fonte]

Estatua ecuestre do emperador romano Marco Aurelio, situada na Praza do Campidoglio, na actual cidade de Roma.

Marco Aurelio pasou boa parte do seu mandato envorcado nos problemas exteriores e ausente de Roma. O rei parto Vologeso, que mantivera unha respectuosa distancia cos romanos no período anterior, reivindicou os seus dereitos sobre Armenia, invadíndoa no ano 161 e vencendo un exército romano. Non satisfeito con isto, invadiu Siria. O augusto Lucio Vero logrou mudar a situación, e ademais de recuperar Armenia, saqueou a capital parta Ctesifonte. A campaña parouse a causa dunha epidemia de peste que decimou as forzas dos dous bandos. Roma nunca máis volveu a impoñer a súa soberanía máis aló do Éufrates, pero por un tratado de paz, asegurouse que naquel intre a política daqueles non entrara en conflito cos intereses romanos (166).

O problema xermano[editar | editar a fonte]

Nas fronteiras do Danubio, a situación era moi preocupante, a causa da axitación dos pobos xermánicos (cuados, marcomanos, hermunduros). Sen que se saiba moi ben cal foi o desencadeamento, varios destes pobos racharon as defensas romanas, atravesaron os Alpes e chegaron á cidade de Aquilea, unha fundación romana na cabeceira do Mar Adriático, non lonxe da actual Venecia. Marco Aurelio e Lucio Vero venceron os cuados. Pouco despois, outros pobos, entre eles os marcomanos e os derrotados cuados, volveron á ofensiva. Marco Aurelio trasladouse á rexión danubiana e permaneceu nela ao longo de seis anos, deica o 175. Foi entón cando escribiu, en grego, os seus Pensamentos, un clásico da filosofía estoica. Venceu os cuados e marcomanos no 172 e 175 respectivamente. Logo, volveu a Roma e substituíunos á fronte das tropas o seu fillo Cómodo, quen apenas contaba con 20 anos.

Morte[editar | editar a fonte]

Marco Aurelio morre o 17 de marzo do 180 nunha expedición contra os marcomanos en Vindobona, a que é a actual Viena. A morte de Marco Aurelio marca, para moitos historiadores, o final da Pax Romana.

Imperio Romano

Segue a:
Antonino Pío
Marco Aurelio
Precede a:
Cómodo
Dinastía dos Antoninos


Aparicións na literatura e no cine[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Marcus Aurelius". Encyclopaedia Britannica. Consultado o 7 de agosto de 2007. 
  2. Dende o seu ascenso ó trono Imperator Caesar Marcus Aurelius Antoninus Augustus.
  3. 3,0 3,1 Francisco de Padilla. Historia Ecclesiastica de España, 1605, T1, folio 78.
  4. Historia Augusta, "Marco Aurelio".
  5. Pisa Sánchez, Jorge (2010). "Breve Historia de Hispania". Nowtilus: 165. ISBN 8497637690. Consultado o 9 de novembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]