Mallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplar de mallo

O mallo é un apeiro agricola usado para mallar (é dicir, bater con mallo), para separar o gran da palla e outras envolturas que recobren o gran (rebeiras, puxa, muíña).

O instrumento recibe na Galiza, consonte as comarcas, nomes diferentes: mallo, mal, manle ou malle.

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle do xogo entre o pértego e o mango dun mallo

O mallo está composto de dous paus, atados por unha correa ou unha cadea. O pau máis longo e menos groso é sostido nas mans do mallador, e ten diversas denominacións, segundo o lugar: mangueira, mangueiro, manle, manleira, moca, monca ou almanca. O seu movemento impulsa, a través das correas ou cadeas, un segundo pau, máis groso, que será o que bata no cereal directamente; este recibe tamén diversos nomes: pértego, porro ou mallo propiamente dito.

A correa ou cadea que une ambos paus recibe á súa vez tamén denominacións variadas: correa, puga, carrachola, narigota, asa, cedoiro, encedoiro, oncedoiro, loro, meá, temoeiro etc. Algúns destes nomes son en realidade unha extensión sinestésica das cubertas de coiro (casula, capeliza, camisas) que poden ter os extremos dos dous paus para protexelos do desgaste por rozamento co seu uso.

Os tamaños de cada peza do mallo varían co cereal no que se empreguen e a experiencia propia do mallador. Datos obtidos de mallos, para trigo, de granxeiros do Quebec (Canadá) mostran mocas de 1,5 m de longo e 3 cm de diámetro, con porro de 1 m de longo e 3 cm tamén de grosor.

Campesiños franceses mallando con manles, ca 1270.

Retroceso do mallo[editar | editar a fonte]

Os mallos caeron en desuso en moitos países a causa da aparición e o acceso do campesiñado ás maquinas de mallar, que liberaban a man de obra campesiña. Máquinas que nas súas fases máis avanzadas son capaces de presentar o gran totalmente limpo de rabeiras e muíña. Porén en moitas rexións mantéñense, pois non existen máquinas que realicen a malla. Así en zonas de Minnesota, nos mesmos Estados Unidos de América, o arroz bravo só pode ser mallado con mallos curtos duns 30 cm [1].

Usos non agrícolas[editar | editar a fonte]

Nunchaku xaponés, arma empregada no kobudo

Como outros apeiros agrícolas, os mallos foron usados como arma polos campesiños que non dispuñan de armas mellores. Unha coñecida evolución do mallo, é o nunchaku xaponés, arma empregada no kobudo.

O mallo e o caxato, símbolos faraónicos

O mallo, xunto co caxato (con cabo curvado coma un bastón) figura como emblema do faraón do Exipto. O mallo simboliza o papel do faraón como dispensador de alimentos para o seu pobo, e o caxato o papel como pastor dos seus súbditos. Os dous son símbolos que o vinculan con Osiris, ó que lle pertencen, como señor de ultratumba. Como símbolo de poder, o faraón solía ostentar o mallo.

En Exipto o mallo era utilizado para bater nos cativos e nos escravos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Minnesota Wild Rice Harvest regulations, from Minnesota Department of Natural Resources

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]