MBB Bo 105

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
MBB Bo 105
helicóptero utilitario lixeiro
FabricanteMesserschmitt-Bölkow-Blohm (MBB)
Primeiro voo16 de febreiro de 1967
Introducido1970
Produción1967-2001
Unidades construídasmáis de 1 500

O Messerschmitt-Bölkow-Blohm Bo 105 é un helicóptero lixeiro multipropósito de dous motores desenvolvido pola compañía alemá Bölkow de Ottobrunn. Mantén a distinción de ser o primeiro helicóptero lixeiro bimotor do mundo, e o primeiro en ser capaz de realizar manobras acrobáticas como loops invertidos.[1][2] O Bo 105 conta cun revolucionario sistema de rotor sen bisagras, no seu momento unha innovación pioneira no deseño de helicópteros.

As principais plantas de fabricación do Bo 105 atopábanse en Alemaña e o Canadá; debido ao nivel de vendas no exterior establecéronse novas plantas en España, Indonesia e Filipinas.[3] MBB pasou a formar parte de Eurocopter en 1991, que continuou a fabricación do helicóptero ata 2001. O modelo foi formalmente substituído en Eurocopter polo novo Eurocopter EC135, que foi desenvolvido a partir do Bo 105.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1964 comezou o desenvolvemento en Bölkow do helicóptero que se convertería no Bo 105, aínda que o traballo no rotor sen bisagras que se utilizaría comezara xa antes.[4] O 16 de febreiro de 1967 o segundo prototipo do Bo 105A realizou o voo de estrea en Ottobrunn, Alemaña; a primeira presentación en público sería en maio dese ano.[5] O programa de probas divisíuse en etapas xa que o Bo 105 estaba formado por unha nova célula, un novo sistema rotor e un novo motor; así o prototipo para as probas de voo foi inicialmente equipado co rotor principal dun Westland Scout e un par de motores turboeixo Allison Model 250 en lugar dos seus equivalentes de produción.[4] Sud Aviation traballou con Bölkow desenvolvendo o helicóptero; un Alouette II foi modificado co rotor do Bo 105 e usado para probar o seu rendemento. O terceiro prototipo do Bo 105 equipouse cos motores iniciais de produción, os MAN Turbo 6022; construíronse un total de seis Bo 105 de preprodución para probas.[4]

O 13 de outubro de 1970 a Oficina Federal de Aeronáutica Civil alemá certificou o Bo 105; as entregas iniciais aos primeiros clientes, ADAC Air Rescue e a policía de Baviera, comezaron pouco despois. En 1972 chegaron os certificados da Administración Federal de Aviación estadounidense e da Autoridade Civil de Aviación británica, permitindo pedidos de exportación para eses países.[6] Ese mesmo ano desenvolveuse unha versión do helicóptero con motores máis potentes, o Bo 105C, que superou rapidamente ao Bo 105A.[6] O 25 de setembro de 1973 o prototipo do Bo 106 realizou o seu primeiro voo;[7] o Bo 106 compartía moitas semellanzas co Bo 105, a principal diferenza era unha área de cabina ampliada, capaz de sentar a tres persoas na fila dianteira e catro na traseira. Porén, o proxecto do Bo 106 non seguiu adiante.

En 1976 introducíuse o Bo 105CB equipado cos máis potentes motores Allison 250-C20B. O Bo 105C foi desenvolvido para converterse no Bo 105CBS, que tiña como principal cambio unha fuselaxe alongada 10 polgadas para satisfacer a demanda estadounidense para operacións de emerxencias médicas; esta versión adoitaba a coñecerse nos Estados Unidos como Bo 105 Twin Jet. A firma estadounidense Boeing-Vertol foi socia na produción do tipo e desenvolveu e comercializou o Bo 105 nos Estados Unidos.[8] As variantes Bo 105CB e Bo 105CBS tamén foron suxeitos de acordo de fabricación baixo licenza chegando a ser producidos por Philippine Aerospace Development Corporation en Filipinas, Indonesian Aerospace (IPTN) en Indonesia e Construcciones Aeronáuticas SA (CASA) en España.[6]

En 1984 desenvolveuse o Bo 105LS coa fuselaxe alongada do Bo 105CBS combinada cos motores máis potentes Allison 250-C28C para incrementar o peso máximo de engalaxe ademais de mellorar o rendemento en ambientes cálidos e altos; o Bo 105LS foi fabricado baixo un acordo cooperativo con Eurocopter Canada.[6] As melloras e modificacións no Bo 105LS continuaron ata 1995.[6]

A produción do Bo 105 por parte de Eurocopter rematou formalmente en 2001, principalmente debido a que o tipo fora superado polo máis moderno Eurocopter EC135, que era un desenvolvemento do propio Bo 105. En total fabricáronse 1 406 unidades que operaron en 55 países de todo o mundo.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Moll 1991, p. 96
  2. "MBB BO 105M (VBH)". Luftwaffenmuseum Gatow. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  3. Moll 1991, pp. 103–104
  4. 4,0 4,1 4,2 "Bölkow's Bo105" (PDF). Flight Intenational. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  5. "Bölkow Bo 105". EADS. Archived from the original on 29 de setembro de 2007. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 "Eurocopter Celebrates the 40th Anniversary of the Maiden Flight of the BO105, the World’s First Light Twin-Turbine Production Helicopter". Defense Aerospace. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  7. Taylor 1976, p. 73
  8. "A Marriage that Lasted" (PDF). Flight International. Consultado o 9 de novembro de 2018. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]