Lobo de crina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lobo de crina
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Canidae
Xénero: Chrysocyon
Smith, 1839
Especie: Chrysocyon brachyurus
Illiger, 1815
Distribución de Chrysocyon brachyurus.
Distribución de Chrysocyon brachyurus.

Distribución de Chrysocyon brachyurus.
Sinonimia[2]
  • Canis brachyurus (Illiger, 1811)
  • Canis campestris (Wied-Neuwied, 1826)
  • Canis isodactylus (Ameghino, 1909)
  • Canis jubatus (Desmarest, 1820)
  • Vulpes cancrosa (Oken, 1816)

O lobo de crina (Chrysocyon brachyurus), tamén chamado aguará guazú (do guaraní 'raposo grande') é o meirande cánido de América do Sur[3] e único integrante do xénero Chrysocyon. Probabelmente, a especie vivente máis achegada é a Speothos venaticus. Habita en sabanas e áreas abertas no centro do Brasil, Paraguai, a Arxentina e Bolivia, sendo un animal típico do Cerrado. Desapareceron as poboacións que había máis ó sur, mais aínda habita no Uruguai.

É o maior cánido de América do Sur, podendo atinxir entre 20 e 30 kg de peso e até 90 cm de altura da cernella. As súas pernas longas e finas e a densa pelaxe avermellada confírelle unha aparencia inconfundíbel. O lobo de crina está adaptado ós ambientes abertos das sabanas suramericanas, sendo un animal crepuscular e omnívoro, cun importante papel na dispersión de sementes de froitos do cerrado, principalmente a lobeira (Solanum lycocarpum). Solitario, os territorios están divididos entre parellas, que se encontran no período do estro da femia. Eses territorios son bastante amplos, podendo ter unha área de até 123 km². A comunicación faise principalmente a través de marcaxe por cheiro, mais tamén con vocalizacións semellantes a ladridos. A xestación dura até 65 días, cos cadeliños de cor negra e un peso entre 340 e 430 gramos.

Malia non estar considerado en perigo de extinción pola IUCN, tódolos países nos que habita clasifícano nalgún grao de ameaza, a pesar de non saberse a situación real das poboacións. Estímase que existen preto de 23 mil animais na natureza, sendo un animal popular en tódolos zoolóxicos. Está ameazado principalmente por causa da destrución do cerrado para ampliación da agricultura, atropelos, caza e doenzas transmitidas por cans domésticos. Porén, é adaptábel e tolerante ás alteracións provocadas polo ser humano. O lobo de crina habita en áreas de Mata atlántica xa desmatadas, onde non habitaba orixinalmente.

Algunhas comunidades teñen supersticións sobre o lobo de crina e poden até amosar certa aversión ó animal. Mais polo xeral, o lobo de crina provoca simpatía nos humanos e por iso é usado como especie bandeira na conservación do Cerrado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cunha de Paula, R. & DeMatteo, K. (2015). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Osgood, Wilfred H. (1919). "Names of Some South American Mammals". Journal of Mammalogy 1 (1): 35. JSTOR 1373718. doi:10.2307/1373718. 
  3. Dietz, James M. "Chrysocyon brachyurus." (1985).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]