Liga Espartaquista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folleto da sublevación dos espartaquistas no ano 1919.

A liga Espartaquista (Spartakusbund en alemán) foi un movemento revolucionario marxista organizado en Alemaña durante os últimos anos da primeira guerra mundial. Foi fundada por Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg[1] xunto a outros, tales como Clara Zetkin.

Actividade[editar | editar a fonte]

O seu maior período de actividade foi durante a Revolución Alemá de 1918, cando se tentou incitar unha revolución similar á dos bolxeviques en Rusia, facendo circular publicacións marxistas. Deron á liga o nome de Espartaco, líder da rebelión de escravos máis grande da historia de Roma. En decembro de 1918, a liga decidiu adherirse ao Comintern e renomeouse como Partido Comunista de Alemaña (KPD, Kommunistische Partei Deutschlands). O 1 de xaneiro de 1919, a liga Espartaquista/KPD participou (pero non a iniciou) nunha revolución comunista de breve duración en Berlín, aínda ante as advertencias de Rosa Luxemburg e de Karl Liebknecht, quen argumentaban que a rebelión era débil e que non contaban co apoio total da clase obreira. A revolución (logo coñecida como Levantamento Espartaquista) foi derrotada polas forzas combinadas do Partido Socialdemócrata de Alemaña, os remanentes do exército alemán e dos grupos paramilitares de extrema dereita coñecidos como Freikorps, ás ordes do chanceler Friedrich Ebert. Luxemburg e Liebknecht, entre moitos outros, foron masacrados polos Freikorps, e os seus corpos guindados ao río.[1] Centenares de Espartaquistas foron executados nas semanas que seguiron á sublevación. Os restos da liga disolvéronse no Partido Comunista de Alemaña (KPD) que conservou o xornal da liga, Die Rote Fahne (A Bandeira Vermella), como a súa publicación.

Organizacións do mesmo nome[editar | editar a fonte]

Actualmente existen varias seccións nacionais da liga Comunista Internacional trotskista que se denominan "Spartacist League" (Liga Espartaquista).[2] A súa principal sección é a estadounidense, pero a LCI ten tamén seccións en Australia, Gran Bretaña, Irlanda, Italia, Canadá, Xapón, Alemaña, México, Francia, Grecia e Suráfrica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Liga Espartaquista Golpe a la Republica de Weimar Rosa de Luxemburgo" (en español). Consultado o 13 de febreiro de 2016. 
  2. "La Liga Espartaquista" (en español). Consultado o 13 de febreiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]