Lavanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lavanco

Femia (esquerda) e macho (dereita)


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Anas
Especie: A. platyrhynchos
Distribución global (nativa e introducida)
Distribución global (nativa e introducida)

Distribución global (nativa e introducida)
Subespecies

A. p. platyrhynchos Linnaeus, 1758
A. p. domesticus Linnaeus, 1758
A. p. conboschas C. L. Brehm, 1831 (disputado)

Sinonimia

Anas boschas Linnaeus, 1758

O lavanco (Anas platyrhynchos) é probablemente a forma de parrulo máis coñecida, e a orixe de case tódolos parrulos domésticos. É unha ave da familia dos anátidos (Anatidae). O nome científico significa, en grego antigo parrulo de bico chan.

Descrición[editar | editar a fonte]

Lavanco femia (Anas platyrhynchos). Véxase o espello azul nas ás

Pesa entre 700 e 1.500 gramos, mide de 56 a 65 cm de longo e á envergadura das ás acada os 95 cm. A velocidade de voo chega ós 110 km hora.

O aspecto do macho na época reprodutora é moi característico. É gris co peito e o lombo castaños e a cola negra. A cabeza é de cor verde metálica cun anel branco na parte inferior e o peteiro amarelo agrisado. Na beira posterior das ás ten unha banda azul con beira branca, o espello (speculum), ben visible cando voa. As puntas da cola son rizadas. Entre xullo e agosto o macho perde a plumaxe de gala e o seu aspecto é similar o das femias, agás pola cor do bico, que nas femias é gris escuro ou acastañado.

A plumaxe da femia e de cor castaña clara con debuxos escuros, semellante á das femias doutras especies, das que se diferenza polo espello, que e coma o do macho.

Os lavancos, coma tódolos parrulos, mudan a plumaxe dúas veces ó ano. Untan continuamente as plumas coa graxa procedente dunha glándula situada no comezo da cola para evita que entre a auga. Collen a graxa co bico e esténdena pola plumaxe.

As formas domésticas ou semidomésticas poden ter cores diferentes da forma salvaxe.

O lavanco cumpre a un tempo, cousa difícil de atopar nunha ave, a regra de Allen e a regra de Bergmann. A regra de Bergmann establece que as formas polares dunha ave determinada son de maior tamaño cás de climas máis quentes. A regra de Allen afirma que os apéndices (coma as orellas ou o bico) tenden a ser máis pequenos nas formas setentrionais dun animal, para evitar perdas de temperatura e meirandes nos exemplares de zonas moi cálidas, para facilitar a difusión de calor. O tamaño do lavanco tamén varía coa latitude e os de Groenlandia son meirandes e máis grosos cós do sur, pero teñen o bico, no que abundan os vasos sanguíneos, máis pequeno.

Os parrulos sostéñense na auga sobre unha especie de colchón de aire. Reteñen o aire entre a penuxe e as plumas exteriores. Esta cámara de aire e a capa de graxa que teñen debaixo da pel evitan que a ave perda temperatura corporal.

Distribución xeográfica e hábitat[editar | editar a fonte]

O lavanco é un dos parrulos máis comúns e máis espallados polo mundo. Esta presente como reprodutor en todo o hemisferio Norte. Foi introducido en Australia e Nova Zelandia onde se cruzou coa especie local á que está a desprazar.

En moitas cidades aparecen exemplares híbridos, resultado de cruces con patos domésticos.

É moi adaptable e aparece en zonas acuáticas moi diversas: lagos, pantanos, estanques, lagos alpinos, ríos e mesmo en pequenos bosques e zonas de pradería. Crían mesmo nalgunhas cidades que dispoñen de lugares axeitados.

Costumes[editar | editar a fonte]

É moi característica a súa maneira de "bañarse": primeiro mete a cabeza na auga, despois bate con forza a auga coas ás e proxéctase cara a adiante baixo a superficie.

En estado salvaxe poden vivir entre 10 e 15 anos, pero sábese de animais domésticos que chegaron a idades moi superiores.

A conduta migratoria é moi variable, pero os lavancos que viven na zona norte da súa distribución son estritamente migratorios, e a especie está incluída no AEWA ("Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de Eurasia e África"). En Europa os do leste e norte emigran a partir de outubro cara ao sur, o centro e o oeste do continente. Os exemplares do oeste e sur de Europa son sedentarios. Os do centro poden emigrar, facer desprazamentos curtos ou ser sedentarios.

Alimentación[editar | editar a fonte]

A parte máis importante da súa dieta é de orixe vexetal, incluíndo plantas acuáticas e terrestres, sementes, froitas. Come tamén insectos, moluscos, larvas, pequenos crustáceos, cabezolos, ras pequenas, crías de peixes, vermes e mesmo ratos pequenos. No outono poden comer landras e outros froitos secos. Mesmo poden comer pan e outros restos de comida.

Se se senten ameazados mentres están comendo na auga, somérxense inmediatamente. Cando comen mergullan a cabeza quedando o corpo vertical mentres arrincan anacos de plantas co bico, que traballa coma un coador, expulsando a auga pero retendo o alimento.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Femia adulta coas crías

A época de aparellamento en Europa é o comezo da primavera. A danza nupcial ten un ritual complicado. Os machos forman un círculo para realizar a "danza", que é observada polas femias dende un círculo exterior. Ás veces algúns machos que quedan sen parella perseguen a unha femia ata que esta accede a ser copulada polos membros do grupo. Ocasionalmente uns machos poden atacar a outros do mesmo xeito.

Os lavancos forman parellas só ata que a femia pon os ovos, momento en que o macho a abandona. Fan os niños de plantas, cerca da auga. A niñada é de entre 7 e 16 ovos, que son chocados de 25 a 28 días. Os polos son precoces e poden nadar e buscar alimentos desde que nacen, aínda que se manteñen preto da mai, da que dependen para impermeabilizar a plumaxe, buscando protección. A conduta dos parruliños ó naceren para identificar a súa nai foi moi estudada e é un momento decisivo do ciclo reprodutivo. Esta fase coñecida como impresión diferénciase doutros tipos de aprendizaxe por dúas características: é irreversible e limítase a un período crítico moi curto. Os patiños tardan entre 50 días e dous meses en ter as plumas completamente desenvolvidas e ser capaces de voar.

Pitos

Hibridación e sistemática[editar | editar a fonte]

Os lavancos crúzanse frecuentemente con especies relacionadas do xénero Anas e mesmo con especies non tan próximas, producindo formas híbridas que son, porén, fértiles. Esta circunstancia, pouco habitual, parece deberse á rápida evolución da especie que tería empezado no período, relativamente recente, do Plistoceno Superior. Por suposto as variedades domésticas de parrulos, que derivan do lavanco, poden cruzarse coas aves salvaxes.

Híbrido de parrulo doméstico e lavanco en Islandia

O lavanco é considerado unha especie invasora en Nova Zelandia. Alí, coma noutras partes da súa area de distribución, estanse a ver favorecidos pola urbanización e hibridando cos parentes locais (Rhymer & Simberloff 1996). Esta situación causa preocupación pola conservación das especies próximas ó lavanco coma o Pato de Hawai (Anas wyvilliana), o Pato gris de Nova Zelandia, o Pato negro americano (Anas rubripes), o Pato de Florida (Anas fulvigula), o Pato de bico amarelo (Anas ondulata) ou o Pato mexicano (Anas diazi). No caso deste último, discútese a súa independencia como especie, o que incide nas políticas de conservación.

Por outra parte o Anas zonorhyncha está a introducirse na poboación de lavancos na zona do Primorski Krai no extremo leste de Rusia, se cadra por causa do cambio climático (Kulikova et al. 2004). O Pato das Marianas, posiblemente derivado de cruces entre o lavanco e o Pato negro do Pacífico, extinguiuse no 1980. Os cruces con parrulos domésticos fuxidos están a producir un aumento de tamaño dos lavancos, sobre todo dos machos, que viven en áreas urbanas.

A consideración de que o suposto maior atractivo sexual dos machos salvaxes, orixinado pola súa plumaxe, favorecería, en xeral, a hibridación entre femias domésticas e machos bravos e non ó revés, parece ser incorrecta (Rhymer et al. 1994, Kulikova et al. 2004).

De tódolos xeitos a hibridación non é a amenaza meirande para a subsistencia dos anátidos. O Pato de Laysan (Anas laysanensis), da illa de Laysan en Hawai, parente do lavanco cunha pequena poboación, podería ter hibridado con lavancos migratorios pero os híbridos non parecen adaptarse as condicións de vida da illa e desaparecen axiña. En xeral, as causas da desaparición das especies locais teñen máis que ver coa caza, os cambios ecolóxicos e o illamento dalgunhas delas que cos cruces cos lavancos.

O parrulo urbano[editar | editar a fonte]

Os parrulos urbanos habitan sobre todo en estanques e zonas de augas tranquilas dalgunhas cidades e vilas, mais tamén en cursos de auga que as atravesen, e mesmo en fontes grandes.

Aspecto[editar | editar a fonte]

Os exemplares que viven en vilas e cidades teñen coloracións "defectuosas". Son en xeral máis escuros, ás veces negros, marróns ou gris escuros. A miúdo teñen un "babeiro" branco no peito. De tódolos xeitos a coloración é moi variable e nalgunhas zonas está máis preto da orixinal que noutras.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Os patos urbanos amosan a miúdo menos carácter protector cara aos fillos, que se afastan da nai máis axiña cás dos lavancos bravos. Na fase reprodutora é común que varios machos intenten copular coa mesma femia, chegando a afogala co seu peso ó lanzarse sobre ela na auga. En xeral os machos son máis abundantes cás femias

Historia[editar | editar a fonte]

Os patos urbanos teñen a súa orixe máis probable en cruces de parrulos domésticos con lavancos. En moitos casos os patos que viven nos estanques das cidades son simplemente exemplares domésticos fuxidos. Danse casos tamén doutras especies, máis ou menos exóticas, que aparecen en parques e outras zonas acuáticas urbanizadas, ben porque fuxiron ou porque foron ceibados polo propietario.

Aparentemente hai unha tendencia entre os exemplares "urbanistas" a ir recuperando co paso das xeracións as cores típicas da especie, nun exemplo de selección natural.

Femia de Lavanco cos pitos no río Arteixo
Macho de Lavanco cos pitos no río Arteixo

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Kulikova, Irina V.; Zhuravlev, Yury N. & McCracken, Kevin G. (2004): Asymmetric hybridization and sex-biased gene flow between Eastern Spot-billed Ducks (Anas zonorhyncha) and Mallards (A. platyrhynchos) in the Russian Far East. Auk 121 (3): 930-949. [Inglés e ruso] DOI: 10.1642/0004-8038(2004)121[0930:AHASGF]2.0.CO;2 texto completo en PDF
  • Rhymer, Judith M. & Simberloff, Daniel (1996): Extinction by hybridization and introgression. Annu. Rev. Ecol. Syst.
  • Rhymer, Judith M.; Williams, Murray J. & Braun, Michael J. (1994). Mitochondrial analysis of gene flow between New Zealand Mallards (Anas platyrhynchos) and Grey Ducks (A. superciliosa). Auk 111 (4): 970–978. texto en inglés en PDF