Kolkhoz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Colleita de alforfa no kolkhoz Lenin, no distrito de Orhei (Moldavia), 1941. No primeiro plano aparece o agricultor colectivo (kolkhóznik) Piotr Bakaruk.

Un kolkhoz[1] (en ruso колхоз,  ru-kolkhoz.ogg pronunciación ) era unha granxa colectiva na Unión Soviética, que substituíu o artel.[Cómpre referencia] A palabra kolkhoz é unha contracción da expresión rusa коллективное хозяйство (kollektívnoie khoziáistvo), que significa 'economía colectiva'.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Os kolkhozes foron estabelecidos por Vladímir Lenin apenas despois do triunfo da Revolución Rusa de 1917 como unha forma de cooperativa campesiña destinada a eliminar os latifundios dos grandes terratenentes rusos. Para isto, o Goberno bolxevique realizou expropiacións masivas aos terratenentes e entregou as terras así obtidas ás cooperativas formadas por campesiños afíns ao réxime, aínda que sempre outorgando sobre devanditas terras só un "dereito de uso" (mais non de propiedade), pois unha das primeiras medidas do Goberno bolxevique foi nacionalizar todas as propiedades inmobles. Os campesiños afiliados ao kolkhoz podían ser propietarios dalgúns pequenos bens de produción (como ferramentas agrícolas) e achábanse obrigados a entregar cotas de produción ao Estado.

No entanto, en moitos casos grupos bolxeviques locais xa executaran directamente reparticións de terras a campesiños pobres, pero sen obrigárenos a formar unha cooperativa, quen maiormente se negaron a abandonar estas para unírense a un kolkhoz. Aínda que Lenin permitía a pequena propiedade privada sobre bens de produción (aínda que non sobre a terra) dentro do esquema da Nova Política Económica (NEP) de 1921-1928, as autoridades da Unión Soviética promoveron a afiliación dos campesiños ao kolkhoz, malia que iso non sempre fose o máis atractivo para os pequenos propietarios.

Colectivización forzosa[editar | editar a fonte]

O Goberno de Iosif Stalin estimulou a creación de máis kolkhozes para así aumentar a cantidade de produción agrícola en poder do Estado soviético, co fin de dedicar esta á exportación e así reinserir a Unión Soviética no comercio internacional. Este esforzo culminou en 1928 coa prohibición oficial das explotacións agrarias privadas e a súa posta en colectividade forzosa, utilizando a violencia contra os campesiños que rexeitasen integrarse a un kolkhoz. A integración obrigatoria dos pequenos propietarios nos kolkhozes (ou "colectivización forzosa") foi acompañada dunha brutal represión política contra os campesiños recalcitrantes, caracterizada por arrestos masivos, deportacións a campos de traballo forzado e execucións sumarias entre a poboación rural, sendo esta unha das primeiras políticas represivas do réxime de Stalin.

O Goberno stalinista dispuxo exportar gran parte da produción agrícola da Unión Soviética cara a países capitalistas e financiar con iso a compra de maquinaria industrial. A produtividade agraria soviética aumentara desde 1917 como resultado dos estímulos dados pola NEP; pero, ante a urxencia de contar con produtos agrícolas en gran cantidade para a exportación, Stalin aumentou desmesuradamente as cotas de produción nos kolkhozes e estabeleceu severas penas en caso de "especulación" ou "ocultación de colleitas", ignorando deliberadamente que desde 1928 a colectivización forzosa "dislocara" todo o sistema produtivo rural da URSS, polo que os kolkhozes terían gran dificultade para cumprir as novas cotas.

Traballo nun kolkhoz xudeu na República Socialista Soviética de Ucraína (c. 1930)

Ao mostrarse imposible volver aos niveis de produción de mediados da década de 1920, o Goberno soviético recorreu desde 1930 a violentas requisicións de colleitas nos kolkhozes, para cumprir así as "cotas produtivas". Porén, ao se apropiar de case toda a produción de alimentos, xerou unha gravísima fame negra nas rexións rurais, especialmente en Ucraína.

Cara a 1938 o Goberno de Stalin lograra financiar a industrialización á custa do campo soviético, pero os kolkhozes víronse sometidos a outra difícil proba coa entrada da URSS na segunda guerra mundial en xuño de 1941. Ás destrucións causadas polo ataque alemán uniuse unha enorme presión sobre os kolkhozes situados aínda en territorios baixo control gobernamental para que aumentasen a súa produción, agravada amais pola mobilización da man de obra masculina para o Exército Vermello. En tanto a política de industrialización de Stalin non prestara maior atención á modernización da produción agrícola, o período de 1941-1945 implicou un maior esforzo para que os kolkhozs satisfixesen as demandas estatais.

Modernización[editar | editar a fonte]

Tras 1945 empezou a atenderse un pouco máis á urxencia de modernización no campo para incrementar a produtividade, máis aínda considerando que, ao empezar a Guerra Fría contra os Estados Unidos, a Unión Soviética debía garantir unha "seguridade alimentaria". Durante o desxeo de Nikita Khrushchev (1953-1964) após a morte de Stalin, incrementáronse os salarios dos campesiños dos kolkhozes e impulsouse a tecnificación da produción agraria nos mesmos para obter un efectivo e pleno abastecemento de alimentos na URSS, que agora "exportaba" o modelo dos kolkhozes aos países satélites do Pacto de Varsovia.

Tras a caída de Khrushchev e o ascenso de Leonid Brézhnev ao poder en 1964, a URSS entrou nun período de estancamento económico. Os kolkhozes non puideron manter os seus niveis de produtividade e paulatinamente a tecnificación agrícola empezou a dar signos de obsolescencia. Un relaxamento do "pasaporte interior" soviético en 1969 permitiu que os nenos nados nun kolkhoz non estivesen obrigados (coma no pasado) a traballaren de adultos nese mesmo kolkhoz. En 1974 permitiuse en forma limitada que un grupo seleccionado de campesiños novos deixase os kolkhozes para traballar nas cidades.

Estancamento e decadencia[editar | editar a fonte]

A mediados da década de 1970, a Unión Soviética sufría de problemas para abastecer a súa poboación e, por vez primeira desde tempos do tsarismo, volveu importar alimentos dos países capitalistas. Aproveitando baleiros legais, os kolkhozes sufrían a migración ás cidades dos seus membros máis novos, posto que a economía rural ofrecía moi poucas opcións de crecemento económico. O depauperamento do campo soviético agudizouse en tanto a produtividade diminuía e se reducía o financiamento estatal aos kolkhozes; agora estes debían afrontar por si sós o custo da produción alimenticia, que o Estado vendía nas cidades a prezos subsidiados.

Extinción[editar | editar a fonte]

Coa chegada da perestroika no Goberno de Mikhaíl Gorbachev desde 1985, impúxolles aos kolkhozes mecanismos que recompensasen a produtividade: suprimiu algunhas "cotas de produción" fixas e incentivou a competencia entre kolkhozes, a fin de reducir no posible a importación de alimentos. No entanto, a agricultura na URSS sufría xa décadas de abandono estatal e estas políticas apenas tiveron efecto. Peor aínda, a burocracia encargada da administración dos kolkhozes descoñecía como aplicar novos sistemas de manexo financeiro e requiría máis subvención estatal, precisamente algo que o Goberno soviético xa non podía seguir achegando ante a acelerada deterioración da economía. A glásnost promoveu mesmo no mundo rural certa discusión sobre cuestións antes censuradas, como a ineficiencia ou corrupción da burocracia. As reformas de Gorbachev non puideron poñerse en práctica e devagar os kolkhozes empezaron a decaer.

Cando en agosto de 1991 un golpe de Estado marrado deu inicio á acelerada disolución da Unión Soviética, os campesiños dos kolkhozes aproveitaron a nova situación para repartírense algunhas terras a título persoal, xunto con maquinaria e ferramentas. A partir de 1992 o novo Goberno de Rusia autorizou que os kolkhozes se privatizasen e foron comprados por grupos económicos locais ao mando de oligarcas. No entanto, a disolución do "pasaporte interior" soviético causou que para entón a gran maioría de campesiños dos kolkhoezs abandonase o campo para migrar a asentamentos urbanos.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Situación do campesiño[editar | editar a fonte]

O membro dun kolkhoz denominábase kolkhóznik (masculino) ou kolkhóznitsa (feminino), co plural kolkhózniki. Aos kolkhózniki pagábanlles con parte da produción do kolkhoz e co beneficio feito pola explotación agrícola, proporcionalmente ás horas traballadas. Autorizábanos ademais a posuíren terras (aproximadamente de 0,40 hectáreas por cada adulto, como máximo) e un pouco de gando menor, aínda que a cantidade permitida de ambos os elementos era bastante menor á que posuía un campesiño ruso pobre na época tsarista. A pesar diso, estas vantaxes en especie facían o kolkhoz moito máis atractivo aos campesiños soviéticos en comparación co sovkhoz, onde os traballadores ou sovkhózniki recibían só un salario fixo do Estado soviético (sen importar o seu nivel de produción), sendo que no sovkhozes os campesiños non tiñan dereito a posuír terras para explotación propia.

Aínda que o kolkhózniki era recoñecido legalmente como cidadán da Unión Soviética, enfrontaba unha serie de trabas legais. Primeiramente, todo campesiño que vivise nun kolkhoz tiña prohibido saír del sen permiso da súa administración central. Iso foi duramente criticado pola disidencia soviética, que acusaba os kolkhozes de repetir a servidume do tempo dos tsares, cando os campesiños estaban tamén "atados á terra" e non podían saír das súas granxas sen permiso do seu señor. Con este sistema o Goberno soviético castigaba como delito toda migración do campo á cidade, practicamente confinando os campesiños nas granxas colectivas.

En segundo lugar, o campesiño dos kolkhozes só tiña dereito ao uso libre dunha pequena parcela de produción individual e á propiedade dos seus artigos persoais de labranza, ao estar prohibida toda outra forma de propiedade persoal. No entanto, estes limitados medios servían para a súa subsistencia e adquiriron grande importancia en tanto os salarios estatais non aumentaron significativamente ao longo dos anos, pese ao continuo empobrecemento do kolkhoz.

Traballo e produción[editar | editar a fonte]

A produtividade nun kolkhoz adoitaba ser moi variada. Algúns especializáronse en certa clase de produtos (gran, legumes, cereais, carne), pero o escaso financiamento outorgado polo Goberno soviético para melloras na agricultura impediu que os kolkhozes puidesen abastecer toda a demanda alimentaria da URSS. O sistema de pago igualitario a todos os traballadores sen importar o nivel produtivo xerou un estímulo negativo entre os kolkhózniki, carentes de todo incentivo para mellorar a produtividade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para kolkhoz.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Standard Kolkhoz Charter, Agropromizdat, Moscow (1989), pp. 4,37 (ruso).
  • V.I. Semchik, Cooperation and the Law, Naukova Dumka, Kiev (1991) (ruso).
  • E.V. Serova, Agricultural Cooperation in the USSR, Agropromizdat, Moscova (1991) (ruso).
  • R W Davies, The Soviet Collective Farm 1929-1930 (Harvard University Press, Cambridge, Massachusetts, 1980), p. 59. (inglés)
  • Exile and Discipline: The June 1948 campaign against Collective Farm shirkers por Jean Levesque, p. 13 (inglés)
  • Caroline Humphrey, Karl Marx Collective: Economy, society and religion in a Siberian collective farm, Cambridge University Press, Cambridge (1983), p. 96. (inglés)
  • Leonard E. Hubbard, The Economics of Soviet Agriculture, Macmillan, Londres (1939), p. 233. (inglés)
  • Roy D. Laird, Collective Farming in Russia: A Political Study of the Soviet Kolkhozy, University of Kansas Publications, Lawrence, Kansas (1958), p. 120. (inglés)
  • Fedor Belov, The History of a Soviet Collective Farm, Praeger, Nova York (1955), p. 87. (inglés)
  • Fedor Belov, op. cit., pp. 110–11.
  • Caroline Humphrey, op. cit., p. 14.
  • Leonard E. Hubbard, op. cit., p. 275.
  • Merle Fainsod, How Russia is Ruled, Harvard University Press, Cambridge, Mass., edición revisada (1970), p. 570. (inglés)
  • Z. Lerman, C. Csaki, and G. Feder, Agriculture in Transition: Land Policies and Evolving Farm Structures in Post-Soviet Countries, Lexington Books, Lanham, MD (2004), Capítulo 4. (inglés)
  • Murat Aminjanov, How many farms are there in Tajikistan?, Policy Brief 3, European Commission "Support for the Development, Implementation and Evaluation of Agricultural Policy in Tajikistan" Project, Dushanbe (outubro 2007). (inglés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]