Kahoolawe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kahoolawe
Vista da illa
Vista desde satelite de Kahoolawe
Datos
Capital
País Estados Unidos
Localización Océano Pacífico
Arquipélago Arquipélago de Hawai
Linguas
Poboación (2009) Deshabitada
Superficie 115´5 Km²
Densidade
Coordenadas 20°33′N 156°36′O / 20.550, -156.600
Maior Altura 452 m. Puʻu Moaulanui (Lua Makika)
Localización

Kahoolawe (oficialmente en hawaiano, Kahoʻ olawe) é a illa máis pequena das oito illas maiores de Hawai. Está situada a 11,2 km ao suroeste de Maui e ao sueste de Lanai. Administrativamente forma parte do condado de Maui. Non ten unha poboación permanente.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A illa, de 18 km de longo e 10 km de ancho, ten unha superficie total de 115 km². A altitude máxima é o cráter do Lua Makika, na cima do Puu Moaulanui, de 452 metros sobre o nivel do mar. A illa é relativamente seca debido á escasa elevación e á súa situación a sotavento da elevada Maui.

En 1993, o estado de Hawai estableceu a reserva da illa Kaho´olawe. Tanto a illa como as augas litorais só poden utilizarse con finalidades culturais, espirituais e de subsistencia para os nativos hawaianos. Están prohibidos os usos comerciais e só se permiten as actividades de pesca, mantemento ambiental, preservación histórica e educación. Preténdese recuperar a illa controlando a erosión, restablecendo os acuíferos e substituíndo a vexetación foránea por autóctona.

Historia[editar | editar a fonte]

Hai uns 1.000 anos, Kahoolawe estivo poboada por pequenas comunidades de pescadores. Terra dentro, algunhas zonas foron cultivadas. Construíronse plataformas de pedra para as cerimonias relixiosas, e aínda poden atoparse algúns petróglifos. Como hai pouca auga doce, a poboación debía ser escasa. O maior establecemento era en Hakioawa, ao norte da illa diante de Maui.

As guerras entre Hawaii e Maui afectaron a Kahoolawe. Os primeiros europeos xa explicaban que a illa estaba deshabitada e sen recursos de auga ou madeira. Tras a chegada dos misioneiros, o rei Kamehameha III substituíu a pena de morte polo exilio e, entre 1830 e 1853, Kahoolawe foi unha colonia penal, cunhas condicións moi duras pola falta de alimentos e auga.

Os intentos de explotación gandeira terminaron provocando a desertización da illa. Na segunda guerra mundial, o exército norteamericano ocupou Kahoolawe e utilizou a illa como campo de adestramento, especialmente para desenvolver as tácticas de asalto dunha illa. Acabada a guerra seguiuse utilizando a illa como branco de adestramento das forzas aéreas. Por iso coñécese popularmente como The Target Island ou a "Illa Branco".

Entre 1976 e 1990 diversos activistas estiveron loitando para que se suspendesen os adestramentos con lume real, para que se protexesen os restos históricos e para que se restaurase o ecosistema da illa. Finalmente, en 1994 transferiuse a illa ao estado de Hawai, baixo o control da Kaho´olawe Island Reserve Comission. Hoxe en día aínda se está limpando o terreo de pezas de artillaría sen estoupar.