Joan Brossa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joan Brossa
Nacemento19 de xaneiro de 1919
Lugar de nacementoBarcelona
Falecemento30 de decembro de 1998
Lugar de falecementoBarcelona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta, dramaturgo, escritor, guionista, deseñador gráfico, gravador, escultor, visual poet e artista gráfico
PremiosPremio Nacional de Teatro de Cataluña, Gold Letter, Serra d'Or Critics Award, Doutor honoris causa pola Universidade Autónoma de Barcelona, Premi de la Crítica de poesia catalana, Premi de la Crítica de poesia catalana, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, Medalha Picasso e City of Barcelona Award
Na rede
IMDB: nm0112508 Dialnet: 21520 Find a Grave: 14866086 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Joan Brossa i Cuervo, nado en Barcelona o 19 de xaneiro de 1919 e finado na mesma cidade o 30 de decembro de 1998, foi un poeta, dramaturgo, artista plástico e deseñador gráfico, o máis representativo expoñente da vangarda artística catalá da segunda medade do século XX. Como el dixo: “Os xéneros das artes son medios diferentes para expresar unha mesma realidade. Eles son as caras dunha mesma pirámide que converxen no punto máis alto” [1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Empezou a escribir durante a guerra civil española, na que foi ferido. Regresou a Barcelona, en 1941, e entrou en contacto co poeta J.V. Foix, o pintor Joan Miró e o dinamizador cultural Joan Prats. Grazas aos seus consellos e dentro dunha liña neosurrealista empezou a escribir centos de sonetos, odas sáficas e sestinas dunha total perfección formal ademais de miles de poemas libres e directos, dos cales publicou preto de oitenta libros. Tamén se exercitou no teatro, ao que chamaba «poesía escénica», do que chegou a escribir unhas trescentas cincuenta obras que comprendían teatro de texto, guións cinematográficos, libretos de ópera, performances, teatro de cabaret, happenings, accións musicais, strip-teases etc. Toda esta enorme obra literaria foi escrita, sen excepción, en lingua catalá, e foi xa traducida a máis de quince idiomas.

Brossa sempre rexeitou ser identificado con outro apelativo diferente do de «poeta», aínda que a súa arte pronto traspasou a estrita literatura. Dentro dos mesmos parámetros ruturistas, xa en 1941 realizou o seu primeiro poema visual, en 1943 o seu primeiro objet trouvé, en 1950 a primeira combinación de obxectos dispares e en 1956 a súa primeira instalación na fiestra dunha tenda de Barcelona. Xunto cos pintores Antoni Tàpies, Joan Ponç, Modest Cuixart e Joan-Josep Tharrats e o filósofo Arnau Puig había fundado en 1948 o grupo artístico e a revista Dau al Set.

Joan Brossa: Poema visual transitable en tres partes, Velódromo, Barcelona.

A partir do encontro co poeta brasileiro João Cabral de Melo (1947), daquela vicecónsul do seu país en Barcelona, a obra de Brossa deu unha guinada ao compromiso social e político. Cabral editou e prologou o seu libro Em va fer Joan Brossa (Joan Brossa me fez, 1951), hoxe considerado un dos primeiros exemplos europeos de «antipoesía». Durante os anos sesenta a combinación da poesía literaria coa dramática, a visual e a obxectual chegaría á súa plenitude, liña interxéneros que Brossa non abandonaría xamais. Tras a restauración da democracia, a súa proxección máis popular chegou cos carteis, frecuentemente referidos a eventos populares, e especialmente coa «poesía urbana»: o seu «Poema visual transitable en tres partes» (1984) do Parque do Velódromo de Barcelona foi o primeiro dunha serie que pronto chegou nas rúas e prazas de Cataluña, das Baleares, de Andorra, de Alemaña, de Cuba...

Poema urbano A ajaguda amb peix no Casa do concello de Mollet del Vallès.

Ao lungo da súa carreira a obra de Joan Brossa encontrou a complicidade de numerosos artistas, como os pintores Joan Miró e Antoni Tàpies, os músicos Josep Maria Mestres Quadreny e Carles Santos, os escultores Eduardo Chillida e Riera i Aragó, o cineasta Pere Portabella e o fotógrafo Chema Madoz, e proxectou unha importante influencia sobre artistas das novas xeracións de todo o mundo.

Logo da súas primeiras exposicións individuais na Fundació Joan Miró de Barcelona (1986), no Art’20 de Basilea (1989), as monográficas en Múnic (1988), Nova York e Ámsterdam (1989), Houston e Minneapolis (1990), Céret-Collioure (1991), Londres e Chicago (1992), Marsella e Malmö (1993), París (1995), Frankfurt (1997), Cidade de México, Monterrey, Kassel e Gotemburgo (1999) e sobre todo a do Museo Raíña Sofía de Madrid (1991), seguidas da súa presenza nos pavillóns oficiais das bienais de São Paulo (1993) e Venecia (1997), a obra plástica de Joan Brossa alcanzou unha progresiva proxección internacional.

Despois da súa morte, unha nova exposición retrospectiva na Fundación Joan Miró (2001) e unhas antolóxicas en diversas cidades de Chile, Brasil, Arxentina, Portugal, España, Austria, República Checa, Suecia, Francia, Alemaña, Polonia e México consolidaron a Brossa como unha primeira figura do panorama artístico contemporáneo internacional, mentres a súa obra plástica chegaba a museos e coleccións do mundo enteiro.

Brossa recibiu numerosos premios e distincións, entre os que cabe destacar o Premio da Crítica “Serra d’Or” en cinco ocasións (1971, 1974 en dúas categorías, 1978 e 1996), o Premio Cidade de Barcelona (1987), a Medalla Picasso da UNESCO (1988), o Premio Nacional de Artes Plásticas (1992), a Medalla de Oro ao Mérito nas Belas Artes (1995) e o Premio Nacional de Teatro (1996). En 1999, con ocasión do seu oitenta aniversario, o poeta debía recibir o título de doutor honoris causa pola Universidade Autónoma de Barcelona, pero dezanove días antes da cerimonia finou por causa dun accidente doméstico.

O monumental legado de Joan Brossa −máis de 60.000 pezas− encóntrase depositado no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2008. Consultado o 01 de decembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]