Irmandade Nazonalista Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Irmandade Nazonalista Galega
Tipoorganización
Ideoloxíanacionalismo galego
Data de fundación1922
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]
Nota da Irmandade Nazonalista onde se critica fortemente o centralismo e o caciquismo.

A Irmandade Nazonalista Galega foi unha organización galeguista dirixida por Vicente Risco como Conselleiro Supremo. Antón Losada Diéguez foi o seu primeiro Conselleiro de Espallamento ata que en 1923 foi substituído por Xaime Quintanilla. Partidaria dun purismo ideolóxico nacionalista centrado no espallamento das teses galeguistas mais contraria á participación electoral e con vontade de controlar o movemento agrarista[1]. Houbo intentos de crear un voceiro oficial que non callaron máis alá duns poucos números, como o mensual Rexurdimento e foi o xornal Galicia, dirixido por Valentín Paz-Andrade, o que se converteu na súa voz oficiosa[2] .

Historia[editar | editar a fonte]

Escisión das Irmandades da Fala logo da IV Asemblea Nacionalista de 1922, organizativamente actuaba como un partido político, con rexa disciplina e de perfil autoritario[3] e elitista, centrado na figura de Vicente Risco, denominado "O xefe". En 1923 tiña 16 delegacións, pero no principal foco do galeguismo, A Coruña, a ING non conseguiu crear un núcleo numeroso, a sección local dirixida por Antón Villar Ponte non superou os 10 afiliados. Celebrou a V Asemblea Nacionalista na Coruña en 1923.

A ING colaborou nun primeiro momento coa Ditadura de Primo de Rivera, aceptando algúns postos en concellos e deputacións, esperando a creación dunha mancomunidade galega e un programa rexeneracionista, cesando o colaboracionismo en 1925. Así e todo, a ING cesou as súas actividades[4] contra o inicio de 1926. Ao final da ditadura só se mantiña a Irmandade de Ourense e en 1929 volveu de novo ás Irmandades da Fala.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Beramendi González, J.; Núñez Seixas, X. M. (1996). O nacionalismo galego. Vigo: A Nosa Terra. pp. 132–133. 
  2. Ínsua López, E. X.; Martínez González, X. (2018). Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais. p. 272. 
  3. Beramendi González, J. (1981). Vicente Risco no nacionalismo galego. Tomo 2. Escisión-unidade-escisión. Santiago de Compostela: Eds. do Cerne. p. 28. 
  4. Maceira Fernández, X. M. (2007). O nacionalismo cívico. Interpretación do contributo da Irmandade da Fala da Coruña. Ames: Laiovento. p. 42. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]