Iolao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iolao e Heracles, nun mosaico romano do s. I (Ninfeo de Anzio)

Na mitoloxía grega, Iolao era o fillo de Ificles e Automedusa, sobriño de Heracles e un dos compañeiros deste (nalgúns episodios da vida deste, Iolao aparace conducindo o carro que leva a Heracles). Para Plutarco e Eurípides puido ser un amante de Heracles.

A lenda conta que a esposa de Zeus, Hera (que perseguía ás amantes e fillos de Zeus), mandou a Heracles un ramo de loucura, e nese estado este matou os seus fillos, e mais dous dos fillos de Ificles, o seu irmán. Ificles conseguiu salvar a Iolao e á esposa de Heracles, Mégara.[1]

Tras matar os fillos recuperou a razón e, ó ver o crime cometido, Heracles exiliouse e cedeu a Mégara a Iolao, coa que este tivo unha filla, Leipéfile, que significa "Amor da abandonada", en clara referencia á actuación de Heracles.

Iolao axuda a Heracles a acabar coa Hidra de Lerna

Formou parte da expedición dos Argonautas de Xasón (Hixino: Fábulas 14, 22; aínda que Pseudo-Apolodoro non o inclúe entre eles) e na partida de caza do xabaril de Calidón (Hixino: 173, 2; pero Pseudo-Apolodoro tampouco o cita, aínda que si ó pai de Iolao, Ificles).

Iolao acompañou a Heracles a matar a Hidra de Lerna, no contexto dos doce traballos que este tivo que realizar ó mandado do seu tío Euristeo para poder ser purificado tralo asasinato dos seus fillos. A Hidra tiña a propiedade de rexenerar as súas múltiples cabezas se eran cortadas, polo que, mentres Heracles as ía cortando, Iolao ía cauterizando o corte do pescozo con tizóns sacados dun bosque próximo ó que prendeu lume. Por esta axuda recibida, Euristeo non considerou válido este traballo na conta dos dez que debía realizar.

"Heracles, polo tanto, chegou a Lerna montado nun carro conducido por Iolao ... Chamou na súa axuda a Iolao, que prendeu lume a unha parte dun bosque próximo e, queimando cos tizóns os tocos das cabezas, impediu que brotasen de novo".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 2)

Tamén acompañou a Heracles na expedición que este organizou para roubar as vacas de Xerión e axudouno na loita mantida con Cicno, fillo de Ares.

Nos primeiros Xogos Olímpicos instaurados por Heracles, Iolao participou e ganou conducindo un carro tirado polos cabalos do heroe. Tamén nos xogos fúnebres celebrados en honor de Pelias.

Posteriormente volveu xunto a Heracles pouco antes da morte deste e algunhas fontes din que foi el quen prendeu a pira funeraria na que se inmolou o heroe, aínda que se adoita atribuír esta acción a Filoctetes, un dos compañeiros de Heracles.

Á morte de Heracles e para axudar ós Heráclidas, conduciu a moitos deles a Sardeña, especialmente a moitos dos fillos que tivera aquel coas cincuenta fillas de Tespio, co encargo de crear alí unha colonia; outras fontes din que foi alá por encargo de Heracles. Iolao conquistou as mellores terras da illa e civilizou ós seus habitantes, fundando diversas cidades coa axuda de Dédalo, polo que chegaría a ser adorado na illa. Tamén foi a Sicilia (aínda que outras fontes afirman que morrera en Sardeña) e fundou novas cidades e santuarios en honor a Heracles divinizado.

Euristeo prohibiu o regreso a Tirinto de Alcmena (a nai de Heracles), de Ificles e mais de Iolao (xa na vida do heroe, prohibiulle regresar aínda despois de cumprir os doce traballos). A maiores, obrigou ós reis de Corinto e de Traquis que os acolleran, a expulsalos, polo que tiveron que refuxiarse en Atenas. Tamén esixiu ó rei de Atenas que os expulsase da cidade, pero os atenienses negáronse. Euristeo declaroulles a guerra pero foi derrotado e tivo que fuxir. Foi perseguido por Hilo, o fillo máis vello de Heracles, que lle deu alcance e o matou, aínda que Píndaro (Píticas, IX, 79) conta que foi Iolao quen o matou. Respecto a estes feitos, dise que Iolao pediu a Zeus que lle permitira recuperar a súa forza da xuventude durante só un día (ou só unha hora), para poder axudar á súa familia. Foille permitido e puido volver para matar a Euristeo.

Ovidio di que este don lle foi concedido por Hebe, deusa da xuventude [2].

"Pois na alta soleira presentouse un mozo, case meniño, coas meixelas cubertas por certo bozo, Iolao, co rostro rexuvenecido tal como nos seus anos mozos. Este don fóralle outorgado por Hebe, filla de Xuno, vencida polas súplicas do seu esposo ... Por mor do destino volveu Iolao a uns anos que xa vivira".
(Ovidio: Metamorfosis IX, 397-401, 430-431)

Canto ás circunstancias da morte de Iolao na Guerra de Troia, hai, como resulta habitual, diferentes versións. Existía un oráculo que auguraba a morte ó primeiro que desembarcara, e foi Iolao quen o fixo, para estimular ós seus compañeiros. Morreu axiña por unha frecha de Heitor.

"Segundo o oráculo, o primeiro dos aqueos que puxera o pé nas costas troianas, perecería. Cando os aqueos atracaron as naves, visto que os demais titubeaban, Iolao, fillo de Íficlo e de Diomedea, foi o primeiro en saltar desde a súa nave e ó instante Heitor matouno. Todos o chamaron Protesilao, por morrer o primeiro".
(Hixino: Fábulas 103, 1)

Mesmo se fala de que Iolao foi á guerra acompañado por Heracles, pero esta tradición está desacreditada porque Heracles xa morrera moito antes da guerra. Homero, que na súa Ilíada constitúe a principal fonte literaria desta xesta épica, non o menciona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hixino dá outra versión, segundo a cal Heracles matou ós fillos e tamén a Mégara (Hixino: Fábulas mitológicas 32, 1-2.).
  2. Lémbrese que Heracles, tras morrer e ascender ó Olimpo, casou coa deusa Hebe.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].