Incidente da illa Perejil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa da zona de Perejil e Ceuta.

O incidente da illa de Perejil foi un incidente armado que involucrou a España e Marrocos, tras o retorno da democracia do país europeo, o primeiro librado no século XXI.[1]

Desenvolveuse do 11 ao 20 de xullo de 2002, tras a ocupación da illa Perejil por 6 xendarmes da Xendarmería Real de Marrocos. Tras un cruzamento de declaracións entre España e Marrocos, finalmente, tropas españolas desaloxaron aos soldados marroquís que relevaran aos xendarmes.

Escalada de tensión diplomática[editar | editar a fonte]

A ocupación da illa Perexil veu precedida dunha escalada de tensión diplomática entre España e Marrocos desde a chegada ao trono do rei Mohamed VI (xullo de 1999), que supuxo a retirada do seu embaixador en España en outubro do ano 2001, un xesto diplomático considerado como moi inamistoso.

As razóns da ocupación da illa non foron comunicadas oficialmente polas autoridades de Marrocos, pero os xendarmes involucrados afirmaron formar parte dunha operación antidroga. A pesar diso, certos sucesos puideron estar detrás das accións marroquís:

  1. A reclamación marroquí dos territorios españois en África.
  2. O apoio do goberno español ao censo de saharauís realizado pola MINURSO e ao plan para solucionar o contencioso do Sáhara Occidental. O que o novo rei considerouno a "traizón de Aznar".
  3. Os acordos pesqueiros e a súa cancelación. Marrocos solicitaba practicamente a mesma remuneración económica por faenar nas súas augas (90 millóns de euros ao mes); pero reducindo o 80% de buques e cambiando a forma de contratación destes buques.

Tratouse de solucionar as relacións por vías diplomáticas; primeiro, Marrocos enviou a dous ministros tras a declaración de Aznar segundo a cal a cancelación dos acordos pesqueiros "traería consecuencias"; e tamén por parte española entre as que destacan a visita do entón líder da oposición José Luis Rodríguez Zapatero.

Cronoloxía da ocupación segundo CNN+[editar | editar a fonte]

Os F-18 e os F-1 foron desplegados para controlar o ceo de Perejil.

Na mañá do 11 de xullo de 2002 un grupo de xendarmes marroquís desembarcaron na illa e colocaron dúas bandeiras de Marrocos. Unha patrulleira da Garda Civil decatouse dos feitos e decidiu achegarse para investigar. Tras enviar unha zodiac para desembarcar e advertir aos que alí se atopaban de que debían retirarse, os xendarmes marroquís espetaron aos axentes españois: "marchádevos de aquí, isto non é terra española". Nese momento produciuse unha breve pero tensa discusión que quedou resolta cando os marroquís encañonaron cos seus AK-47 aos españois e ameazaron con dispararlles "por erro". Os axentes españois, armados unicamente coas súas pistolas regulamentarias, decidiron prudentemente retirarse e comunicar á súa base o incidente.[2]

A razón esgrimida polos marroquís foi a participación nunha operación antidroga (a illa de Perejil foi utilizada durante algúns anos como refuxio de piratas e contrabandistas). Desde Rabat (capital de Marrocos) infórmase esa mesma noite que o illote non será abandonado, posto que pertence a Marrocos.

  • 12 de xullo: a recentemente nomeada ministra de Asuntos Exteriores, Ana Palacio, confirma aos medios que mantivo unha conversación co seu homólogo marroquí, Mohamed Benaissa, e móstrase confiada en que dita conversación "axude a dar unha solución satisfactoria" á crise.
  • 13 de xullo: a Unión Europea maniféstase por primeira vez en favor de España e mete presión a Marrocos para que abandone a ocupación. O primeiro ministro marroquí, Abderraman Yusufi, promete buscar unha solución "moi rápida" ao asunto.
  • 14 de xullo: nun contundente comunicado, a presidencia danesa da UE esixe a Rabat que "retire inmediatamente as súas tropas", á vez que expresa a súa "total solidariedade con España".
  • 15 de xullo: a crise con Marrocos é obxecto de discusión no Debate sobre o Estado da Nación. Pola súa banda, a OTAN cualifica a ocupación marroquí de "xesto inamistoso" e esixe a restitución do statu quo a Rabat.
  • 16 de xullo: Marrocos substitúe á ducia de xendarmes que inicialmente irromperon na illa por tropas de Infantaría da Mariña. Pola súa banda, España reforza as súas tropas nas cidades de Ceuta e Melilla por unidades da Garda Civil e a Armada mobiliza entre outras a fragata F-101 Álvaro de Bazán e anuncia a retirada indefinida do seu embaixador en Rabat.
  • 17 de xullo: ás 6:17 comeza a operación denominada Romeo-Sierra para desaloxar aos ocupantes marroquís co recoñecemento da zona da Infantaría da Mariña española. A operación, que non atopa resistencia, sáldase coa entrega á Garda Civil das tropas marroquís. Unha hora antes pecháronse ao tráfico aéreo os aeroportos de Jerez e Melilla.
  • 18 e 19 de xullo: as declaracións a ambos os dous lados do estreito de Xibraltar sucédense. Desde España, a ministra Palacio, insiste en que hai que volver ao 'statu quo' e acusa a Marrocos de actuar de "xeito hostil". Desde o reino alauí, Benaissa di que non volverán ao illote pero que España debe abandonalo "inmediatamente" e deixa caer o tema de Ceuta e Melilla, como asunto pendente entre ambos os países.
  • 20 de xullo: EEUU intensifica a súa mediación no conflito e a última hora da tarde do sábado anunciaba un entendemento, que confirmaban pouco despois os Gobernos de España e Marrocos. As tropas españolas recollen a bandeira e abandonan a illa.
  • 21 de xullo: a ministra española de Asuntos Exteriores, Ana Palacio, viaxa a Rabat para reunirse co seu homólogo marroquí, Mohamed Benaissa, e asinar o acordo. A reunión é aproveitada tamén para tratar outros asuntos concernentes ás relacións diplomáticas entre ambos os países.

Desaloxo[editar | editar a fonte]

Logo do incidente da illa Perejil, o Goberno aprobou a compra de novos helicópteros teledirixidos para a Armada Española.[Cómpre referencia] Porén o posterior goberno do PSOE cancelou a operación.[Cómpre referencia]

O desaloxo da illa Perejil foi realizado mediante a Operación Romeo-Sierra e levou a cabo para devolver á illa Perejil ao seu status anterior.

O desaloxo constituíu o primeiro incidente armado que involucrou a España tras o retorno da democracia,[1] a primeira vez que entraron en combate forzas españolas logo das operacións na antiga Iugoslavia e a primeira intervención desde a unificación dos tres exércitos librada no século XXI.

O día 17 de xullo, compoñentes do Mando de Operacións Especiais do Exército de Terra toman terra no illote e deteñen ás tropas marroquís, entregándollas ás tropas de operacións especiais da Armada Española.

Ao día seguinte chegan lexionarios desde Ceuta e impiden que descendan a terra algúns marroquís que trataban de chegar á illa con polo menos unha pequena embarcación particular.

Os soldados marroquís capturados son devoltos pola fronteira de Ceuta e finalmente, poucos días despois, asínase un acordo entre España e Marrocos, polo que se decide volver ao statu quo anterior. As tropas españolas abandonan o illote, que queda deshabitado de novo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Felipe Sahagún, Las razones de la Discordia, nº 50 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, decembro de 2002
  2. "Operación Romeo-Sierra: recuperar Perejil", FAM-Fuerzas militares del mundo nº1, septiembre de 2002

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]