Imaxe médica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En medicina, a imaxe médica, tamén coñecida coma imaxioloxía médica, corresponde ao conxunto de técnicas e procesos empregados para crear imaxes do corpo humano, ou ben dalgunha parte del, co obxectivo clínico de diagnosticar, revelar ou examinar o estado dunha determinada doenza. Tamén son empregadas con finalidade científica, incluíndo o estudo da anatomía normal e da función.

Como eido no seu senso máis amplo, forma parte da imaxe biolóxica, e engade a radioloxía, as ciencias radiolóxicas, a endosopia, a termografía médica, a fotografía médica e a microscopía (por exemplo, para investigacións patolóxicas humanas). As técnicas de medida e gravación, que non están deseñadas en principio para produciren imaxes médicas, tales coma a electroencefalografía (EEG) e a magnetoencefalografía (MEG), e outras que producen datos susceptíbeis de seren representados coma mapas (pois conteñen información relacionada coa posición), poden ser consideradas tamén coma imaxes médicas.

No contexto clínico, a imaxe médica equipárase polo xeral á radioloxía ou á imaxe clínica, e por tanto ao especialista encargado de interpretar estes datos, o radiólogo. Porén, coma campo de investigación científico a imaxe médica constitúe unha subdisciplina da física médica ou medicina, dependendo do contexto. Ademais, moitas das técnicas empregadas na imaxe médica son tamén empregadas para fins industriais.

Técnicas de imaxe[editar | editar a fonte]

Fluoroscopia[editar | editar a fonte]

A fluoroscopia é quen de producir imaxes en tempo real de estruturas do interior do corpo; isto prodúcese dun xeito semellante á radiografía, mais emprega unha entrada constante de raios X. Os medios de contraste, como poden ser o bario ou o iodo, ademais do ar, son empregados para visualizar como funcionan os órganos internos.

A fluoroscopia é utilizada tamén en procedementos guiados por imaxe cando durante o proceso é requirida unha realimentación constante.

Resonancia Magnética Nuclear (RMN)[editar | editar a fonte]

Un instrumento de imaxes por resonancia magnética (scaner MRI), emprega imaxes de elevada potencia para polarizar e excitar núcleos de hidróxeno (xa que o hidróxeno só posúe un protón) contra moléculas de auga do tecido humano, producindo un sinal detectábel que está codificado espacialmente producindo imaxes do corpo humano. En resumo, a MRI implica o uso de tres clases de campos electromagnéticos: un campo magnético estático moi forte para polarizar os núcleos de hidróxeno, denominado campo estático, dunha orde de unidade de teslas; un campo variante (no tempo, da orde de 1 kHz) máis feble para a codificación espacial, denominado campo de gradiente; e un campo de radiofrecuencia feble para a manipulación dos núcleos de hidróxeno para producir sinais medíbeis, recollidas mediante unha antena de radio-frecuencia. Como a tomografía computadorizada, a MRI crea polo xeral unha imaxe 2D dunha "rebanda" fina do corpo, e por tanto é considerada unha técnica de imaxe tomográfica.

Os instrumentos modernos de MRI son quen de produciren imaxes en forma de bloques 3D. A diferenza da TAC, MRI non implica o uso de radiación ionizante, e polo tanto non está asociada aos mesmos riscos para a saúde dos pacientes; por exemplo, non hai efectos coñecidos a longo prazo pola exposición a campos estáticos fortes, e non hai, por este motivo, limitación ningunha no número de exploracións ás que unha persoa pode ser exposta. Isto non acontece así na tomografía computadorizada e na radioloxía, onde canto máis número de exploracións realizadas, maior risco existe para os pacientes de padeceren complicacións futuras, como por exemplo cancros.

Porén, si existen riscos entanto que a RMI compórtase coma un "imán xigante". Isto implica que os pacientes que leven no seu corpo algún obxecto metálico (piercings, pendentes, próteses, marcapasos) non poden ser sometidos a este tipo de probas diagnósticas.

Medicina nuclear[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Medicina nuclear.

Tomografía por emisión de positróns (PET)[editar | editar a fonte]

A tomografía por emisión de positróns (PET) úsase polo xeral para detectar certas doenzas do cerebro. De xeito semellante aos procedementos empregados en medicina nuclear, un isótopo de vida media-curta, coma o 18F, incorpórase a unha substancia metabolizábel polo organismo (como a glicosa), a cal é absorbida polo foco da doenza (coma un tumor ou un grupo celular de interese). As exploracións nas que se emprega PET son acotío amosados concomitantemente e en paralelo aos estudos de tomografía computadorizada, os cales son realizados polo mesmo equipo sen ter que mobilizar ao paciente. Isto vén a permitir que os tumores detectados no PET poidan ser vistos con referencias anatómicas provistas polo estudo tomográfico.

Tomografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tomografía.

Ultrasóns[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ultrasonografía.