Illas Gambier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización das Gambier ao leste
Localización das Gambier ao leste

As Illas Gambier son un arquipélago da Polinesia francesa situado ao sueste do arquipélago Tuamotu. En ocasións tamén se chaman illas Mangareva, xa que é a única illa habitada.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Vista satélite das illas Gambier

As illas Gambier forman parte do distrito Tuamotu-Gambier, e malia que son unha prolongación do arquipélago Tuamotu, considérase un arquipélago á parte, xa que as illas Gambier son de orixe volcánica e as Tuamotu non. Ademais, cultural e lingüisticamente están máis unidas a outras illas, como as illas Austrais ou as illas Cook meridionais.

Están formadas por catro illas (Mangareva, Taravai, Akamaru e Aukena), e varios illotes distribuídos pola zona. A superficie total é de 31 km². A vexetación é tropical, con bananos e cocos.

O punto máis alto das illas é o Monte Duff, situado na illa de Mangareva, a unha altura de 441 metros. Ao pé dese monte atópase Rikitea, a vila principal do arquipélago, xa que a Mangareva é a única habitada. Rikitea, no censo do 2002, tiña unha poboación de 1.097 habitantes. A economía baséase no cultivo de café, laranxas, e sandías, ademais de cultivar perlas, producindo tamén perlas negras.

Mangareva é a capital de comuna das Illas Gambier, e dispón de varias illas deshabitadas ao sur das Tuamotu: o Grupo Acteón, Marutea Sur, María Este, e Morane.

Historia[editar | editar a fonte]

As illas Gambier empezaron a poboarse no século X desde as illas Cook, e no século XIII desde as illas Marquesas. Ata o século XV tiveron unha poboación moi importante que comerciaba coas illas da Sociedade, as Marquesas, e as illas Pitcairn. A superpoblación produciu unha deforestación da zona e unha deterioración económica. A ruptura do comercio non fixo outra cousa que incentivar o illamento das illas, o despoboamento de Pitcairn, varias guerras tribais, e ata canibalismo.

A historia moderna das Gambier vai ligada á historia misioneira da Polinesia, e a Tahití. O primeiro europeo en pisar as illas foi o inglés James Wilson en 1797, na primeira expedición misioneira. Logo de explorar as illas, seguiron o camiño ata Tahití, onde desembarcaron os misioneiros. Wilson nomeou o arquipélago en honra do almirante que apadriñara a expedición misioneira.

Laval e Caret[editar | editar a fonte]

En 1834 chegaron ás illas os xesuítas belgas Honoré Laval e François Caret, para fundar a primeira misión católica na polinesia, a parte do fracasado intento dos españois en Tahití no ano 1775. Os dous xesuítas acabaron sendo protagonistas da unión francesa de Tahití. Animados polo éxito, logo de bautizar a toda a poboación das Gambier, trasladáronse a Tahití no ano 1836. Nesta illa, desde a expecición de Wilson, había unha misión protestante liderada por Pritchard, que ademais era cónsul británico e conselleiro da raíña Pomare Vahine. Pritchard logrou expulsar aos misioneiros católicos, provocando un conflito diplomático. Francia enviou ao almirante Dupetit-Thouars para intentar remediar o asunto. O almirante acabou establecendo un protectorado, e máis tarde a anexión de Tahití.

Mentres tanto, as illas Gambier sufriron un forte terremoto e un tsunami en 1837. Laval e Caret regresaron ao arquipélago e someteron a poboación a un réxime teocrático severo. Por unha banda ensinaron aos habitantes das illas a ler e escribir, e protexéronos dos comerciantes europeos e dos baleeiros. Segundo unha frase do pai Laval, a «civilización leva ata a satisfacción». Por outra banda, o celo relixioso levoulles a destruír sistematicamente todos os ídolos e templos, e no seu lugar mandaron construír de forma desmesurada máis dun centenar de edificios de pedra: igrexas, capelas, conventos, seminarios, cemiterios, vigairías, arcos do triunfo. Só na catedral de San Miguel, en Mangareva, caben 2.000 persoas. A poboación, que era de máis de 2.000 habitantes cando chegaron Laval e Caret, descendeu ata 500 habitantes a finais do século XIX debido ás enfermidades, a emigración, e o alcol.

Logo da denuncia por parte dalgúns comerciantes da situación despótica da misión, o bispo mandou a Laval a Tahití, en 1871.

As illas Gambier anexionáronse a Francia no ano 1880.

Illas[editar | editar a fonte]

Componse de catro illas volcánicas, un atol, e varios illotes.

Mangareva[editar | editar a fonte]

Mapa das Gambier
Mapa das Gambier

Mangareva é a illa principal de Gambier, coa capital Rikitea ao pé do Monte Duff a 441 metros de altitude. É a única illa habitada do arquipélago na actualidade. Descubriuna o inglés James Wilson, que a chamou Peard.

A 45 minutos con barca ao nordés, atópase o illote Totegegie, de 4 km, onde se atopa o aeroporto das illas.

Taravai[editar | editar a fonte]

Taravai, situada a 1,5 km ao suroeste illa de Mangareva, ten unha superficie de 5,3 km² e 256 metros de altitude. Historicamente, tamén recibiu o nome de Belcher. Antigamente, 2.000 habitantes poboaron a illa, pero na actualidade está deshabitada, con algún residente esporádico. Nela atópanse os restos da igrexa de Sant Gabriel.

Hai varios illotes preto da illa: Agakauitai, cunha superficie de 0,7 km² e 146 m. de altitude, Kamaka, Makupu, Makaroa, e Manui.

Akamaru[editar | editar a fonte]

Akamaru ten unha superficie de 1,5 km² e 246 metros de altitude. Atópase a 7 km ao sueste da illa de Mangareva. Antigamente recibiu o nome de Wainwright. Nesta illa Laval e Caret celebraron a primeira misa. Na actualidade a illa recibe visitas esporádicas polos habitantes de Mangareva para recoller as súas laranxas.

Na costa noroeste atópase o illote de Mekiro.

Aukena[editar | editar a fonte]

Aukena sitúase a medio camiño entre Mangareva e Akamaru. Ten 1,5 km², e antigamente recibiu o nome de Elson. Nesta illa construíuse a primeira iglesa, a de San Rafael, e un colexio. Ten unha espléndida praia de area branca.

Temoe[editar | editar a fonte]

Temoe, tamén chamada Timoe, é un atol situado a 50 km ao sueste de Mangareva. Antigamente recibiu o nome de Crescent. Atópase un templo polinesio relacionado coas illas Marquesas. No ano 1838 os misioneiros tiveron que trasladar toda a poboación a Mangareva para facer os traballos de construcións de monumentos.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]