Igrexa de San Salvador de Coruxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Salvador de Coruxo
Vista da ábsida e do lateral da igrexa
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSan Salvador
LocalizaciónCoruxo (Vigo)
Coordenadas42°11′19″N 8°46′36″O / 42.18864167, -8.77673889Coordenadas: 42°11′19″N 8°46′36″O / 42.18864167, -8.77673889
Culto
CultoCatólico
DioceseTui-Vigo
Arquitectura
Construciónséculo XII
EstiloRománico con reformas
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Salvador de Coruxo é un templo cristián que se atopa na parroquia de Coruxo, no Val do Fragoso, no concello de Vigo, a catro quilómetros da cidade. Data do século XII, sendo até o século XIV un mosteiro propiedade da Orde de San Bieito dependente de Celanova, converténdose despois na igrexa parroquial.

Historia[editar | editar a fonte]

Construíuse no século XII coma igrexa monástica onde moraba un grupo de freires beneditinos, mais desta época non se conserva vestixio ningún. No ano 1142 este mosteiro pasou a pertencer ao da orde de San Bieito de Celanova en Ourense por concesión do Rei Afonso VII de Galicia e León. As crónicas da época din que o abade de Celanova Paio I, fuxindo da persecución de Dona Elvira (filla da raíña Sancha I de Galicia e do rei consorte Fernando I de León e Galicia, e irmá do Rei García de Galicia), retirouse ao cenobio de Santo Estevo sito na illa de Coruxo (Toralla). Os estudos realizados demostran que en realidade non se trataba dun mosteiro en Toralla, senón do mosteiro de Santo Estevo que se atopa na illa do Medio ou do Faro, no arquipélago das illas Cíes. No ano 1152 o rei Afonso VII de Galicia e León concedeulle ao mosteiro o privilexio de couto, dooulle ademais o eremiterio de Santo Estevo e a illa onde este se atopaba, dependentes do de Celanova. Polo ano 1378 o bispo de Tui permutou co mosteiro de Celanova a igrexa de Santa María Madalena de Ribadavia polo mosteiro de Coruxo e a illa de Santo Estevo, co cenobio que esta acollía. No século XIV convértese finalmente na igrexa parroquial que é na actualidade.

Estilo a arquitectura[editar | editar a fonte]

A igrexa está feita con muros de cantaría de perpiaño de granito galego, con cuberta de tella. Ten planta basilical de cruz latina con tres naves e tres ábsidas semicirculares, sendo a central máis ancha e elevada (unha soa nave con outra de transepto e tres capelas absidais na testeira cun treito recto que as une á nave; a ábsida sur perdeu o beirado no treito recto). O estilo orixinal da fábrica era románico, mais despois de numerosas reformas, perdeu moitos dos elementos orixinais, conservando algúns modillóns e tres ábsidas semicirculares, con cadansúas xanelas, aínda que as grandes fiestras da central foron tapiadas, perdéndose os elementos decorativos. Porén, abríronse outras dúas fiestraxes, unha a cada banda do presbiterio, para lle dar máis luz, aínda que estes non se encadran dentro do estilo que predomina no conxunto. Nos laterais consérvanse as vellas bufardas, aínda que as que están a carón do evanxeo perderon os fustes das pequenas columnas. Unha e outra están tamén cegas. Baixo o tellado hai unha cornixa á que están acaroados canzorros iguais en tamaño mais de debuxo diferente. Salientan os detalles figurativos contidos nos chapiteis das xambas, os canzorros e a pureza de liñas arquitectónicas. No centro ábrese unha seteira de arco semicircular con sobremarco de billetes e arquivolta baquetonada. As arquivoltas apoian sobre unha imposta que descansa sobre dúas columnas en cuxos chapiteis aparecen dúas figuras humanas espidas cos brazos en xerro, que pola deterioración non é sinxela a identificación, que seica son Adán e Eva. Os baseamentos das columnas son de perfil ático con garras. A ábsida central é máis alta e larga ca as laterais e de maior sinxeleza. Os seus vans non teñen nin arquivoltas nin columnas, só unha abertura semicircular abucinada. A ábsida setentrional ten unha xanela abucinada semellante á da súa homóloga do sur. Porén, neste caso as columnas carecen de baseamentos e fustes, conservándose unicamente os chapiteis con decoración vexetal. Todos eles contan con canzorros de variado enfeitado: proa, dentes de serra, boceis transversais etc.

O interior salienta polas ábsidas, todas coa mesma estrutura: bóveda de cuarto de esfera que descansa sobre imposta que, á súa vez, divide as ábsidas en dous corpos verticais. Pequena seteira moi sinxela sobre columnas con chapiteis vexetais en cadansúa ábsida lateral. A central aluméase con tres fiestras de semellante forma que as anteriores mais sen enfeite ningún. No transepto, bóvedas de aresta cuxos nervios posúen un florón decorando o centro, descansan sobre piares cruciformes que comunican coas ábsidas e sobre impostas apoiadas en ménsulas no extremo que comunica coa nave.

No adro hai un cruceiro, unha vella fonte, o busto do párroco Xosé Rivas González[1] que finou en 1973, e unha vella e senlleira oliveira, cuxo estado sanitario non é moi bo nos últimos anos. Era común en Galiza plantar nos adros das igrexas algunha especie perennifolia (normalmente oliveiras ou teixos) como sinal de vida eterna.

Xunto ás igrexas de igrexa parroquial de Santiago de Bembrive (en Bembrive) e a igrexa de Santa María de Castrelos (en Castrelos), o templo románico de Coruxo é un dos mellor conservados do Concello.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]