Historia de Glasgow

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na historia urbana de Glasgow, o último vao do río Clyde antes da súa desembocadura semella ter sido decisivo para que dende tempos prehistóricos se asentasen na área grupos de poboadores que vivían da pesca. Tamén para que, xa en tempos históricos, os celtas bretóns de Strathclyde tivesen alí un baluarte defensivo, que, en tempos da ocupación romana de Britania, dese lugar a un asentamento na ladeira norte do río, a salvo de crecidas e a carón do arroio Molendinar (Molendinar Burn), que chamaban Cathures (segundo algúns autores de cathair ou caer, forte). Na beira oriental do arroio, o outeiro do posterior Fir Park (actual Necrópole, cemiterio vitoriano) seica puido haber acubillado os ritos dos sacerdotes druídas.

Cando no ano 142 da nosa era os romanos decidiron ampliar as fronteiras da súa ocupación, construíron a Muralla de Antonino uns cinco quilómetros ao norte de Cathures (que era xa un posto comercial de fronteira) ante os ataques dos pictos das Highlands (abandono do muro apenas dúas décadas despois).

Os séculos posteriores foron os do mito do rei Artur e a cristianización progresiva deses confíns do mundo coñecido (St. Ninian consagra un cemiterio en 397).

Fundación de San Mungo[editar | editar a fonte]

Así en 543 San Kentingern (San Mungo) construíu unha igrexa a carón do Molendinar Burn (no sitio do cemiterio e da actual catedral), rentes do primitivo Cathures, que deu lugar a unha comunidade monástica (coñecida coma Glas-cu, "amado verde lugar") considerada xermolo da cidade moderna.

Porque foi xustamente o bispado xurdido desa comunidade o que deu o pulo definitivo a emerxencia de Glasgow como cidade. Para o século XII a súa importancia era xa manifesta e unha primeira catedral en pedra veu a substituír os templos previos de madeira (1136 baixo o reinado de David I de Escocia). De seguida o bispo Jocelin consegue o título de burgh con dereitos de expansión e comerciais (1178 e Feira de Glasgow en 1195). En 1285 constrúese a primeira ponte recordada no vao do río.

Configúrase pois un burgo medieval alongado, seguindo un eixo norte-sur que baixa paralelo ao Molendinar dende a área da catedral (o antigo asentamento de Cathures e primitivo de Glas-cu) ata a ponte do Clyde [1][2].

Universidade e comercio[editar | editar a fonte]

Mapa de Glasgow, 1776.

O burgo prospera e no 1451 fúndase a Universidade de Glasgow seguida en 1492 pola elevación da sé a arcebispado. A crecente importancia da vila ten por resultado seres elevada ao status de royal burgh en 1611 (despois da Reforma da igrexa escocesa). Foi o momento, xa libre de tutelas relixiosas, no que da man de comerciantes e artesáns a cidade comeza a volcarse cara ó río. Un primeiro peirao en 1625 (augas abaixo dunha nova ponte, New Bridge) e labouras de dragado para aumentar o calado serán levadas a cabo de continuo nos séculos seguintes. En 1711 a Acta da Unión abre o comercio da vila ao imperio colonial británico en desenvolvemento: tabaco, algodón e azucre comezan a movérense por toneladas e unha forte industria dos estaleiros vai ir a tal tráfico aparellada.

A cidade comeza a crecer cara ao oeste ao longo da Trongate, que partía do centro (Glasgow Cross) do eixo norte-sur medieval (High Street-Saltmarket). Dá inicio así a configuración da chamada Merchant City, o verdadeiro corazón da Glasgow moderna [3].

Foi o século da Ilustración escocesa que se converteu en foco do saber europeo. Na universidade, trasladada dende os arredores da catedral á High Street [4], estudaron ou traballaron espíritos tan lúcidos coma Adam Smith, Kelvin ou James Watt. Precisamente as invencións deste último serán fundamentais no próximo paso de xigante da cidade, xa no século seguinte.

Revolución industrial[editar | editar a fonte]

No século XIX Glasgow acada o seu cénit coma metrópole portuaria e industrial. O crecente tráfico de mercadorías coas ex-colonias americanas e os xacementos de carbón e ferro na próxima comarca de Lanarkshire facilitan a creación na área da cidade dun dos focos principais da puxante revolución industrial. A vila cuadriplica a súa poboación entre 1780 e 1830 e a duplica de novo ata 1875 cando era alcumada "Segunda cidade do Imperio" e só Londres estaba por riba [5].

A mellora das infraestruturas (seguiuse aumentando o calado do Clyde para grandes buques oceánicos, canais de conexión co Firth of Forth no Mar do Norte e coa comarca mineira, ferrocarrís, terceiro metro do mundo en 1896) contribuíron decisivamente nese crecemento.

A Merchant City desenvolveuse nunha malla regular seguindo as ideas racionais do iluminismo escocés exemplificadas na New Town de Edimburgo [6]. En cuadrícula arredor da George Square (onde erixiuse o novo Concello) e segundo unha mestura de iniciativas privadas e públicas, foi enchéndose de maxestosos edificios xeorxianos e vitorianos. Despois continuou estendéndose cara ao oeste onde novos desenvolvementos burgueses deron lugar aos ricos barrios do West End (arredor do Parque Kelvingrove). A beira do Clyde polo leste o Glasgow Green convértese no máis vello parque público da urbe (e sede da antiga Feira de Glasgow) [7].

Enormes continxentes de inmigración irlandesa (tanto protestante como católica) fundamentalmente do Ulster forneceron da man de obra precisada. Aloxados na coroa metropolitana e na beira sur do Clyde, o medieval arrabalde de Gorbals onde fanse grandes extensións en retícula [8].

Século XX[editar | editar a fonte]

Ata a primeira guerra mundial continuou a bonanza. Foi o tempo no que a cultura da cidade acadou outro momento de relevo internacional coa chamada "Escola de Glasgow" (movemento artístico relacionado co Arts & Crafts británico) cuxa máxima figura, o arquitecto Charles R. Mackintosh, representa unha das correntes principais do Modernismo europeo (Art Nouveau).

"The Armadillo" no Clyde á noite.

Despois comezou un forte declinar polas recesións e crises internacionais, desindustrialización coma consecuencia da competencia doutros países na industria pesada e falla de investimentos. Os conflitos laborais polo gran desemprego, a deterioración urbana dos barrios obreiros convertidos en slums e a despoboación (dende o millón de habitantes nos anos trinta á metade actual) teñen sido a tónica xeral da segunda metade do século pasado.

Así e todo nas últimas décadas os esforzos pola recuperación da metrópole son xa visibles: Capital Cultural Europea (1990), centro financeiro no West End, rexeneración das beiras do Clyde (co Clyde Auditorium ou "The Armadillo" de Norman Foster coma primeira icona), Silicon Glen (industrias de alta tecnoloxía na conurbación das Lowlands).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mapa do desenvolvemento de Glasgow durante o medievo, 1560
  2. "Glasgow entre 1150 e 1550; Concello de Glasgow (pdf, 3Mb)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xuño de 2012. Consultado o 09 de agosto de 2011. 
  3. Mapa de Glasgow, 1783
  4. O conxunto da Universidade de Glasgow na High Street (arriba aparecería a catedral); vista de 1864 [1] Arquivado 08 de maio de 2013 en Wayback Machine.
  5. Vista panorámica de Glasgow, 1864: arriba á dereita, a Catedral coa brecha do Molendinar Burn separándoa do outeiro da Necrópole; dende a catedral baixa o eixo medieval High Street-Saltmarket-Briggate (o tramo final diagonal) ata a ponte vella (Old Bridge) no río Clyde; o grande eixo horizontal paralelo ao río é a Trongate (e a súa continuación Argyle Street) dando pé a Merchant City en cuadrícula; George Square sinalada pola Columna de Walter Scott; á esquerda abaixo a inxente actividade do porto no Clyde e a estación do ferrocarril na beira sur mentres á dereita esténdese o Glasgow Green; arriba destacan as altas chemineas das factorías do norte (a carón do Canal do Firth of Forth) e tamén á beira do porto embaixo. Cop. Univ. de Glasgow [2]
  6. "Mapa de Glasgow, 1828". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2013. Consultado o 09 de agosto de 2011. 
  7. Mapa do centro de Glasgow, 1901
  8. Mapa do Glasgow metropolitano, 1901