Galleta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha galleta tipo María.
Variado de galletas.
Galleta tipo cracker.
Biscoitos con chocolate.

Unha galleta[1] (chamada tamén biscoito tradicionalmente[2]) é un alimento que consiste nun anaco pequeno e máis ou menos fino que resulta de cocer unha pasta composta de fariña, azucre e outros ingredientes, como ovos, manteiga etc. Adoita ser seco, de formato achatado, e pode levar outros ingredientes coma noces moídas, chocolate, coco relado, canela etc. Pode consumirse de diversas formas, doce, salgada, ou acompañada de queixos, marmeladas, especias e/ou patés.

O sinónimo biscoito (coma no inglés biscuit) caeu en desuso en galego, mais é dos máis documentados no século XIX.[3] Varios autores coma Luís Aguirre del Río, Francisco Javier Rodríguez, Juan Cuveiro Piñol ou mesmo a Real Academia Galega definían biscoito coma galleta ou pan sen fermentar, moi cocido ou cocidos dúas veces[2]. Hoxe o termo biscoito restrínxese para o bolo esponxoso[4].

Orixe[editar | editar a fonte]

Na época na que os homes vivían en cavernas, parte da súa alimentación baseábase en grans espagados cos dentes. A partir diso, tívose a idea de moer os grans con pedras, mesturalos con auga e secalos no lume dúas veces. A eses alimentos, secos e crebadizos déuselle o nome de biscoitos.[5] Mais o confeccionamento profesional do alimento xurdiu no século VII A.C entre os persas.[6]

Biscoito con crema de amorodo.

As galletas foron posteriormente a base alimenticia das tripulacións na época dos descubrimentos, especialmente dos portugueses. Consistía nun pan de fariña triga, de forma achatada, cocido no forno dúas, tres ou máis veces, de xeito que se asegurase a durabilidade das súas cualidades alimenticias durante moito tempo, deberían ser moi duras. Chegou a ser tal a procura de biscoitos para aprovisionar as armadas dos navíos que houbo a necesidade de importalos de España. O padre Raphael Bluteau na súa obra Vocabulário português e latino, chámalle mesmo pão do mar ou pão namor. Martín Sarmiento nos seus traballos sobre o galego en 1746 tamén di: chámase galleta á bola ou torta de trigo dos mariñeiros, e é o biscoito[7]. En 1498, a ración de biscoito, por cada tripulante era de 28 arráteis por mes (o arrátel equivale a 459 gramos) o que dá un pouco máis de 12 quilos, isto é, 428 gramos por día. Na India, para substituír o trigo, facíase unha masa de “sagu”, substancia farinácea extraída da parte central dalgunhas palmeiras e que podía conservarse até vinte anos.

O termo tradicional do alimento tanto no galego coma no portugués é biscoito, termo que se segue a usar en portugues para se referir a un tipo de galleta máis esponxosa ou tridimensional. O termo actual galego galleta vén do francés galette (pastel)[8]. O termo portugués bolacha ten a súa orixe en Holanda, e xurdiu por vez primeira en 1703, como forma de diferenciar as versións doces do alimento.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nome do alimento na páxina do Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2014. Consultado o 16 de setembro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 Francisco Javier Rodríguez Gil (1863): Diccionario gallego-castellano, ed. de Antonio de la Iglesia González, A Coruña,
  3. Luís Aguirre del Río (1858): Diccionario del dialecto gallego, ed. de Carme Hermida Gulías, CSIC-IPS, 2007
  4. "Definición de biscoito no Portal das Palabras da RAG". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2014. Consultado o 16 de setembro de 2014. 
  5. "Biscoito ou Bolacha". pucsp.br. Consultado o 19 de xaneiro de 2014. 
  6. "Biscuits & Cookies". Food Timeline. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  7. Martín Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1973)
  8. Etimoloxía da palabra castelá galleta no dicionario da RAE.
  9. "Uma Delícia Para os Deuses!". canalkids.com.br. Consultado o 19 de xaneiro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]