GNU/Linux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
GNU/Linux
Logo
TipoSistema operativo
editar datos en Wikidata ]

GNU/Linux, abreviado ás veces como «Linux», é o termo co que se fai referencia aos sistemas operativos baseados en UNIX que utilizan o kernel Linux e sobre el o software do proxecto GNU e máis software.

Coñecido polo seu uso predominante nos servidores, os sistemas GNU/Linux poden instalarse nunha ampla variedade de hardware: móbiles, computadores persoais, supercomputadoras etc.

Existen numerosos grupos de usuarios de GNU/Linux en case todos os países do mundo. Só en Galicia temos GLUG, GPUL, GALPon, GULO, Inestable, OUSLI, AULUSC e o Proxecto Trasno, adicado, entre outras, á localización de distribucións.

Orixe[editar | editar a fonte]

O proxecto GNU, iniciado por Richard Stallman no ano 1984, tiña por finalidade desenvolver un sistema operativo libre baseado en UNIX. A comezos dos 90, o proxecto GNU xa desenvolvera unha cantidade importante de software libre e para lograr o seu obxectivo de crear un sistema operativo completo. Só lle faltaba unha peza: o kernel.

Dende os comezos do proxecto, traballárase nun núcleo para o sistema, ao que se lle chamou Hurd. Pero os progresos no seu desenvolvemento eran lentos, e aínda a día de hoxe este kernel non ten unha versión estable. No ano 1991, Linus Torvalds, un estudante da Universidade de Helsinqui, decidiu escribir o seu propio sistema operativo tipo UNIX. Baseouse para iso en MINIX, que era un sistema tipo UNIX que o mestre Andrew Tanenbaum desenvolvera para ensinarlles aos seus alumnos a filosofía de deseño dun sistema operativo. Linus fixo o seu propio kernel, ao que denominou Linux.

Richard Stallman convenceu a Linus de que liberase o kernel baixo a licenza GNU GPL e o convertese así en software libre. Isto deu lugar aos primeiros sistemas operativos libres, os sistemas GNU/Linux.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Durante os dous anos seguintes, o sistema GNU/Linux foi reunindo todas as características necesarias como para substituír a UNIX, incluído o soporte para o protocolo TCP/IP e un sistema de fiestras (o X11). Á parte de numerosos programadores individuais, apareceron empresas que comezaron a contribuír e crear distribucións de GNU/Linux. Naceron grupos de usuarios de GNU/Linux locais, e a comezos de 1994 iniciouse a publicación da revista Linux Journal.

A publicación do navegador web Netscape (precesor do Mozilla Firefox) como software libre en 1997 supuxo un empurrón importante na popularización do sistema.

Na actualidade, GNU/Linux é o sistema elixido para a meirande parte dos servidores, e está abarcando máis e máis ámbitos de uso en detrimento doutros sistemas operativos comerciais.

Deseño[editar | editar a fonte]

GNU/Linux é un sistema operativo modular baseado en UNIX. Os principios básicos do seu deseño proceden en esencia das bases establecidas para UNIX durante as décadas dos 1970 e 1980.

O sistema emprega un kernel monolítico, Linux, que se encarga de xestionar os procesos de control, a conectividade á rede, e o acceso aos periféricos e ao sistema de ficheiros. Os controladores de dispositivos están directamente integrados no kernel.

Por riba do kernel, empréganse o resto de software, coma o intérprete de ordes e mailo sistema de fiestras, o escritorio, o navegador web, o xestor de correo, o editor de texto etc.

Un sistema GNU/Linux pode controlarse a través de varios medios, coma o intérprete de ordes, o ambiente de escritorio ou mesmo a través dos controladores de dispositivos (como cando se introduce un CD na lectora de CDs e esta "avisa" ao sistema). O normal é que sempre haxa polo menos un intérprete de ordes nos sistemas GNU/Linux, e nos computadores de escritorio persoais os ambientes de escritorio son empregados con frecuencia (KDE, GNOME ou Xfce, entre outros).

Uso persoal e comercial[editar | editar a fonte]

GNU/Linux é coñecido especialmente polo seu uso en servidores, mais pódese instalar nunha gran variedade de hardware, que vai dende a inclusión en dispositivos internos e móbiles ao seu amplo uso en supercomputadoras[1].

Nos seus principios, o uso de GNU/Linux estivo restrinxido aos programadores e profesionais técnicos. Pero a súa popularidade e os distintos perfís de usuario do sistema ampliáronse enormemente nos últimos anos. A día de hoxe, moitas empresas colaboran dunha ou doutra maneira no proceso de desenvolvemento de GNU/Linux xunto cos voluntarios, namentres que outras tantas máis financian o proceso. Entre esas empresas están Red Hat, Novell, IBM, Sun Microsystems, Nokia ou Dell.

O uso de GNU/Linux nas computadoras persoais está a medrar con pulo nos últimos anos. No ano 2008 produciuse un aumento do 61% das instalacións de GNU/Linux aproximando o uso total en computadores de escritorio ao 2%[2]. Porén, existen disputas acerca destas estatísticas. Namentres hai quen opina que a porcentaxe de uso é menor, hai unha certa tendencia a considerar que o uso real podería ser cuantitativamente maior.

Distribucións[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Distribución de GNU/Linux.

As distintas variedades de GNU/Linux denomínanse distribucións. As distribucións pretenden cubrir as necesidades dun determinado grupo de usuarios que pode ter diferentes necesidades ou gustos. Para isto incorporan certos paquetes de software e configuracións dos mesmos adaptadas para esas distintas finalidades.

Notas[editar | editar a fonte]