Frank País

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFrank País

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento7 de decembro de 1934 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Cuba Editar o valor em Wikidata
Morte30 de xullo de 1957 Editar o valor em Wikidata (22 anos)
Santiago de Cuba Editar o valor em Wikidata
Causa da morteHomicidio Editar o valor em Wikidata (Ferida por arma de fogo Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaSanta Ifigenia Cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRepública de Cuba (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónReformista
Mestre
Activista
Familia
IrmánsJosué País Editar o valor em Wikidata

Frank Isaac País García, ou "Paris", nado en Santiago de Cuba o 7 de decembro de 1934 e morto na mesma cidade o 30 de xullo de 1957, foi un dirixente estudantil reformista, mestre e revolucionario cubano, de orixe galega, que loitou contra a ditadura de Fulgencio Batista integrando o Movemento 26 de Xullo. O seu asasinato pola policía nas rúas de Santiago de Cuba o 30 de xullo de 1957, cando contaba con 22 anos, desencadeou unha vaga de protestas en todo o país e constituíu un acontecemento decisivo para impulsar a Revolución cubana. Está considerado en Cuba un mártir da revolución.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Frank País naceu o 7 de decembro de 1934, en Santiago de Cuba. Os seus pais eran Francisco País Pesqueira, un pastor protestante, e Rosario García Calviño, ambos de Marín, Pontevedra, que emigraran a Cuba. Francisco País Pesqueira figura como primeiro converso e bautizado da Igrexa Evanxélica de Marín e foi un dos membros fundadores da primeira Igrexa Bautista de Santiago de Cuba.[2]

Ao morrer seu pai, súa nai fíxose cargo, en solitario, del, que contaba 5 anos de idade, e dos seus irmáns Agustín de 3 anos e Josué de 2. Deixou os seus estudos de arquitectura para ingresar á Escola Normal de Mestres de Oriente onde se graduou o 6 de xullo de 1953.

Destacouse como dirixente estudantil, foi un dos principais xefes da Asociación de Estudantes, e partidario do movemento latinoamericano de Reforma Universitaria, integrando o Bloque Revolucionario Estudantil Normalista (BREN), constituíndo a Federación Local de Centros de Segundo Ensino e participando no Directorio Estudantil Revolucionario. En 1952, cando se produciu o golpe de estado que levou a Fulgencio Batista ao poder, concorreu con outros mozos ao Cuartel Moncada para pedir armas co fin de defender ao goberno democrático de Carlos Prío Socarrás.[3]

Comezou a traballar como mestre en 1954 no Colexio do Salvador, onde se destacou pola paixón con que difundía as ideas nacionalistas, democráticas e cristiás, especialmente o pensamento e a obra de José Martí, mostrando unha aparente contradición entre a relixiosidade que profesaba e os ideais revolucionarios que se soluciona na redución á súa crenza no home e no futuro así como o seu desexo de conseguir unha sociedade mellor sen abandonar as súas crenzas cristiás.[4] Creou o Centro La Flor Martiana e puxo en práctica a República Escolar, baseada en conceptos de democratización da escola e participación dos estudantes.

O 10 de marzo de 1952 acudiu, xunto con outros estudantes, ao Cuartel Moncada, en resposta á asonada batistiana que conduciu á ditadura de Fulgencio Batista. Este feito supuxo o punto de inflexión que o convertería nun loitador pola liberdade e contra a ditadura batistiana.

Revolución cubana[editar | editar a fonte]

En 1954, Frank País, Pepito Tey e outros mozos do Oriente cubano crearon Acción Revolucionaria Oriental (ARO) co fin de organizar a loita armada contra a tiranía de Batista. Poucos meses despois cambian o nome da organización por Acción Nacional Revolucionaria (ANR). En 1955, cando Fidel Castro, recentemente amnistiado, e o grupo que asaltara o Cuartel Moncada formaron o Movemento 26 de Xullo, Frank País solicitou e obtivo o ingreso dos membros do ANR ao M-26-7. O seu paso á clandestinidade realizouno co pseudónimo de David.

Inicialmente País integrou a dirección do M-26-7 en Oriente, e en 1956 foi designado Xefe de Acción e Sabotaxe do M-26-7 en todo o país. O 30 de novembro de 1956 dirixiu o levantamento armado en Santiago de Cuba en apoio ao desembarco do iate Granma desde o que haberían de desembarcar Fidel Castro e un grupo de guerrilleiros co fin de instalarse en Sierra Maestra.

O 9 de marzo de 1957 foi detido e xulgado xunto aos superviventes do Granma e os combatentes do levantamento do 30 de novembro, sendo absolto en maio de 1957, no medio dunha gran axitación popular. Dende ese momento foi un dos principais organizadores do apoio á guerrilla de Sierra Maestra e a extensión da insurrección a toda a illa.

O 30 de xuño de 1957 foi asasinado o seu irmán Josué País e exactamente un mes despois resultou el mesmo asasinado no Canellón do Muro de Santiago de Cuba, xunto con Raúl Pujol.

O xornalista Pedro García relata así o momento do seu asasinato:"Ao mediodía, despois do xantar, reuniuse con dous mozos do Movemento. Traíanlle o libro que pedira: Entre a liberdade e o medo, de Germán Arciniegas. Unha das mulleres decatouse que a policía de Batista viña rexistrando unhas rúas máis abaixo, casa por casa, a rúa San Germán. El tomou unha decisión: ordenou aos dous mozos que se foran no coche. Alegou que lle sería moito máis doado fuxir a pé. Deulles algúns documentos ás mulleres. "Non poden caer nas mans da tiranía", dixo. Saíu co propietario da casa, o combatente Raúl Pujol, San Germán arriba. "Oe, detén eses dous", gritou un esbirro. Foron cercados polos uniformados. "Pero non sabe quen é este, coronel? -un connotado acusón sorriu cinicamente.- É Frank País."Empezaron a golpealos. Cando Pujol finalmente foi ametrallado, o mozo xa non tiña coñecemento. Frank foi empuxado cara ao canellón do Muro e ametrallado a balazos. "Todo o mundo aquí ten que tirar, diante de todo Santiago", gritou o coronel. Os esbirros baleiraron as súas armas sobre os cadáveres. Tiraron cerca do de Frank unha pistola 45 con dous pentes; logo viuse que eran dun calibre diferente. Foi o 30 de xullo de 1957".[5][6]

En resposta declarouse unha folga xeral en toda Cuba e o seu enterro organizouse como un desafío á ditadura de Batista e alcanzou unha convocatoria masiva que a fixo a máis grande manifestación popular coñecida até entón por esa cidade. O corpo de País foi vestido co uniforme verde oliveira e o brazalete negro e vermello do Movemento 26 de Xullo.[7]

A mobilización do 30 de xullo de 1957 está considerada como unha das datas decisivas da Revolución cubana e a caída da ditadura de Fulgencio Batista. Ese día foi instituído en Cuba como Día dos Mártires da Revolución.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "En el recuerdo eterno, Frank País García". www.cmkc.co.cu (en castelán). Archived from the original on 17 de xuño de 2008. Consultado o 2 de xaneiro de 2019. 
  2. "El pastor Gallego de la Revolución Cubana". Faro de Vigo. 29 de xullo de 2007. 
  3. "Combatiente extraordinario". www.bohemia.cu (en castelán). Archived from the original on 27 de setembro de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2019. 
  4. Monroy, Antonio (2007). Un líder Evangélico en la Revolución cubana. Caminos. 
  5. Portuondo López, Yolanda (1988). La clandestinidad tuvo un nombre: David. Editora Política. 
  6. Portuondo López, Yolanda. Frank, sus últimos treinta días. 
  7. "Frank País: una figura insigne". www.cmkc.co.cu (en castelán). Archived from the original on 29 de maio de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2019.