Fibra de Purkinje

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fibras de Purkinje
Sistema de condución eléctrica do corazón:
  1. Nodo sinoauricular
  2. Feixe de Bachmann
  3. Tracto internodal anterior
  4. Tracto internodal medial
  5. Tracto internodal posterior
  6. Nodo auriculoventricular
  7. Feixe de His
  8. Rama dereita
  9. Rama esquerda
  10. Feixe anterior esquerdo
  11. Feixe posterior esquerdo
  12. Fibras de Purkinje

O complexo QRS nun electrocardiograma é o pico da gráfica
Gray's pág.
Sistema Circulatorio
Linfa Plexo linfático subepicárdico
Precursor miocardio primario[1]

As fibras de Purkinje son células do miocardio especiais situadas nas paredes internas dos ventrículos do corazón, xusto debaixo do endocardio. Trátase de fibras musculares do miocardio especializadas en conducir os impulsos eléctricos, que fan que o corazón se contraia de forma coordinada. As fibras de Purkinje saen do nodo auriculoventricular seguindo o feixe de His (ou feixe auriculoventricular) e penetran nos ventrículos. O feixe de His divídese case inmediatamente en rama esquerda e dereita, as cales discorren por debaixo do endocardio polo tabique que separa os dous ventrículos, chegan ao extremo inferior do tabique e soben, ramificándose pola parede dos ventrículos [2].

O nome destas fibras débese a que foron descubertas en 1839 polo anatomista checo Jan Evangelista Purkyně (pronunciado en checo "púrkiñe", Cs-Jan Evangelista Purkyne.ogg /ˈpurkɪɲɛ/ , e tamén escrito na súa forma alemá como Johannes Evangelista Purkinje[3]). Non se deben confundir estas fibras musculares coas células de Purkinje, que son neuronas do cerebelo, tamén descubertas por este investigador.

Histoloxía[editar | editar a fonte]

As fibras de Purkinje son longas e teñen formas variables, irregulares e raras, con expansións, e a miúdo envolven a outras fibras. Teñen un ou dous núcleos, abundantes mitocondrias e glicóxeno, pero as súas miofibrilas son relativamente escasas, periféricas, separadas e pouco ordenadas comparadas coas das fibras cardíacas normais (por iso apenas se contraen). Teñen extensas áreas de contacto mutuas e moitos desmosomas e tamén áreas con nexos, pero non os discos intercalares típicos das fibras musculares [4]. Transmiten os impulsos a unha velocidade de 1,5 a 4 m/s, que é unhas 6 veces maior ca a velocidade de condución polas fibras do ventrículo [2].

Función[editar | editar a fonte]

A frecuencia do latexo cardíaco está controlado por diversas influencias procedentes do Sistema nervioso autónomo. As fibras de Purkinje non desenvolven ningunha función coñecida no establecemento da frecuencia cardíaca, pero están influenciadas polas descargas do Sistema nervioso simpático procedentes do nodo sinoauricular e do ganglio espiñal accesorio torácico.

Durante a fase de contracción ventricular do ciclo cardíaco, as fibras de Purkinje levan o impulso de contracción do feixe de His esquerdo e dereito ao miocardio ventricular. Este impulso causa a contracción do tecido muscular do ventrículo, que fará que o sangue sexa impusado fóra do corazón, para realizar a circulación pulmonar saíndo desde o ventrículo dereito, ou a circulación sistémica saíndo desde o ventrículo esquerdo.

A descarga ventricular conducida polas fibras de Purkinje móstrase nos electrocardiogramas estándar como o complexo QRS da gráfica.

As fibras de Purkinje tamén teñen a capacidade de descargar automaticamente,[5] enviando impulsos cunha frecuencia de 15-40 veces por minuto se as deixamos actuar por si soas, sen outras influencias. Polo contrario, o nodo sinoauricular se está fóra do control parasimpático pode descargar case 100 veces por minuto. En resumo, as fibras de Purkinje xeran potenciais de acción, pero cunha frecuencia menor ca a do nodo sinoauricular e a doutros marcapasos ectópicos da aurícula. Deste modo, son o último recurso para manter o latexo cardíaco cando outros marcapasos fallan. Cando unha fibra de Pukinje descarga, denomínase contracción ventricular prematura ou PVC, tamén chamada escape ventricular.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Departamento de embrioloxía. "Desenvolvemento do corazón" (PDF). Proxecto docente 2010 (México: Facultad de Medicina de la UNAM). Consultado o 6 de abril de 2012. [Ligazón morta]
  2. 2,0 2,1 Guyton A.C. Tratado de Fisiología Médica. 6ª edición. Interamericana. Páxina 200.
  3. Historial de la Medicina
  4. Fawcett D.W. Tratado de Histología. 11ª edición. Interamericana-Mc Graw Hill. Páxinas 306-310
  5. Electrocardiography I laboratory. Cleveland Medical Devices Courses.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]