Everest

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 27°59′18″N 86°55′30″L / 27.9882361, 86.9250181

Everest
O monte Everest desde Sagarmatha
Everest desde Kala Patthar, no Nepal.
Localización xeográfica
CordilleiraHimalaia
Localización administrativa
LocalizaciónFronteira NepalTíbet
Características xerais
Altitude8.848,86 m Posición 1
Montañismo
Primeira ascensión29 de maio de 1953, por Edmund Hillary e Tenzing Norgay
Ruta máis fácilSur (Nepal)

O monte Everest é o máis alto cumio do mundo, dentro da cadea do Himalaia. Está situado sobre a fronteira entre o Nepal e mailo Tíbet (China). En nepalés, o cumio chámase Sagarmata (do sánscrito सगरमाथा, fronte do ceo), en tibetano, Chomolungma (ཇོ་མོ་གླང་མ), Chomolangma ou Qomolangma (devesa do universo), e en chinés 珠穆朗瑪峰 (pinyin: Zhūmùlǎngmǎ Fēng) ou 聖母峰. A montaña foi nomeada Everest en honra de Sir George Everest, xeógrafo británico, en 1865.

O monte Everest atrae moitos escaladores, algúns deles montañeiros altamente experimentados. Existen dúas rutas de ascenso principais: unha achégase ao cumio dende o sueste no Nepal (coñecido como a ruta estándar) e a outra polo norte no Tíbet. Aínda que a ruta estándar non ten retos técnicos considerables en escalada, o Everest presenta perigos tales como o mal de altura, clima e vento; así como riscos significativos como avalanchas e o cruzamento pola fervenza de xeo de Khumbu.

Toponimia[editar | editar a fonte]

O Everest é coñecido no Nepal como Sagarmāthā ("a fronte do ceo"), no Tíbet como Chomolungma ou Qomolangma ("nai do universo") e na China como Zhūmùlǎngmǎ Fēng.[1][2]

Nun mapa de 1733 sobre o Tíbet e Bután elaborado polo xeógrafo e cartógrafo francés Jean Baptiste Bourguignon d'Anville rexístrase o nome tibetano da montaña: Tchomour langmac, representación fonética para Chomolungma.[3]

A finais do século XIX, moitos cartógrafos europeos crían erroneamente que o nome nativo da montaña era Gaurishankar, que é unha montaña entre Katmandú e o Everest.[4]

En 1865, a Royal Geographical Society deulle ao Everest o seu nome occidental oficial por recomendación de sir Andrew Waugh, topógrafo xeral británico da India en honra do seu antecesor no cargo, sir George Everest.[5] Este argumentara en 1857 contra ese nome manifestando que a poboación local ía ter problemas coa pronuncia do nome proposto por Waugh.[6] A pesar das obxeccións, prevaleceu o nome.[7][8] Curiosamente, a pronuncia actual de "Everest" (/ˈɛvᵊrᵻst/)[9] difire da pronuncia orixinal do apelido de sir George Everest (/ˈiːvrᵻst/ EEV-rist).[10]

O nome tibetano para o monte Everest é ཇོ་མོ་གླང་མ (AFI: [t͡ɕʰòmòlɑ́ŋmɑ̀] lit. "nai do universo"), con transcrición oficial en tibetano pinyin Qomolangma. Tamén é romanizado popularmente como Chomolungma e (en wylie) como Jo-mo-glang-ma ou Jomo Langma.[11][12][13][14] A trasliteración en chinés é 珠穆朗玛峰 (t 珠穆朗瑪峰) transcrito en pinyin como Zhūmùlǎngmǎ Fēng ("pico Chomolungma").[15] Con menor frecuencia, tamén se traduce ao chinés simplemente como Shèngmǔ Fēng t 聖母峰 (s 圣母峰 lit. "pico santa nai"). En 2002, o xornal chinés Diario do Pobo publicou un artigo en contra do uso constante do nome occidental "monte Everest", insistindo en que debería empregarse o seu nome tibetano "monte Qomolangma"[15] baseado na transcrición oficial do nome local nesa lingua. O xornal argumentaba que os colonizadores británicos non descubriran a montaña "por primeira vez", xa que era ben coñecida polos tibetanos e se atopaba marcada en mapas chineses dende o ano 1719.[16][17]

A principios da década de 1960, o goberno do Nepal deuse de conta de que o monte Everest non tiña nome nepalés. Iso é así porque a montaña non era coñecida no val de Katmandú e áreas circundantes, e comezou a procurar un nome. O nome tibetano dos sherpas non era aceptable, xa que ía en contra da política de nepalización do país, así que inventou un novo, Sagarmatha[18] (सगरमाथा),[19] creado por Baburam Acharya.

Medida da súa altitude[editar | editar a fonte]

Everest visto desde KalarPatar.

Ata 1865 as autoridades coloniais británicas das Indias, denominaban ao monte Everest coma Peak XV (Pico XV).

Radhanat Sikdar, un matemático e topógrafo indio do Bengal, foi o primeiro en identificar o Everest coma o cumio máis alto do mundo, por cálculos trigonométricos en 1852. A súa altitude foi entón estimada en 29.002 pés (en vez dos 29.035 reais), cálculos que foron feitos públicos por Sir Andrew Waugh, gobernador xeral da India colonial británica desde 1843.

No 1865, o mesmo Andrew Waugh bautiza o Peak XV co nome do seu predecesor a gobernador xeral, Sir George Everest (1790-1866), gobernador de 1830 a 1843. Desde entón, o nome de monte Everest establécese en todas as linguas occidentais. Certos indios[quen?] pensan que o cumio debería de se chamar Sikdar, e non Everest, a fin de render xustiza ao autor dos cálculos de 1852.

A altitude de 8848 m foi determinada por un estudo indio realizado en 1955, achegándose máis á montaña e empregando teodolitos. Esa altitude foi ratificada en 1975 por unha medición chinesa.[20] En ambos os casos mediuse a cima de neve e non de rocha.

Unha medida GPS efectuada en maio 1999 por unha expedición estadounidense dirixida por Bradford Washburn e aceptada pola National Geographic Society situou a altura do Everest en 8850 metros.[21] Outra medición tomada en 2005 pola República Popular da China con aparellos máis modernos reflectiron como medida a de 8844,43 cun índice de erro non superior a 30 centímetros. En 2020, un estudo conxunto do Nepal e a China deu como altitude 8848,86 m[22]

O monte Everest aínda se está a elevar e a mover cara ao nordés a causa da tectónica de placas da zona do sur de Asia. Dúas fontes,[21][23] suxiren que a velocidade de movemento é de 4 mm ao ano en elevación e 3-6 mm cara ao nordés.

Ascensións[editar | editar a fonte]

Os primeiros esforzos documentados en alcanzar o cumio do Everest foron feitos por alpinistas británicos. Como o Nepal prohibiu o acceso dos estranxeiros naquel momento, os británicos fixeron varios intentos pola ruta da aresta norte do lado tibetano. A primeira expedición británica de recoñecemento ao Everest, en 1921, acadou apenas os 7000 m polo collado norte. A expedición de 1922 alcanzou 8320 m pola ruta da aresta norte, a primeira vez que un humano escalaba por riba dos 8000 metros. Durante o descenso polo collado norte, a traxedia golpeounos cando sete porteadores morreron nunha avalancha. A Expedición Británica de 1924 resultou nun misterio: George Mallory e Andrew Irvine fixeron un ataque final ao cumio o 8 de xuño, mais non regresaron, xerando dúbidas sobre se foron os primeiros en alcanzar a cima. Ese día foron vistos no alto da montaña, mais desapareceron entre as nubes e non se lles volveu ver ata que o corpo de Mallory foi atopado en 1999 a 8155 m na cara norte.

Durante a expedición anglo-neozelandesa de 1953 dirixida por John Hunt, Tensing Norgay e Edmund Hillary lograron o 29 de maio o primeiro ascenso oficial empregando a ruta da aresta sueste. Tensing alcanzara os 8595 m un ano antes, como membro da expedición suíza de 1952. O equipo de montañeiros chineses composto por Wang Fuzhou, Gongbu e Qu Yinhua lograron o primeiro ascenso documentado do pico dende a aresta norte o 25 de maio de 1960.[24][25]

En 1975 a xaponesa Junko Tabei foi a primeira muller en acadar o cumio[26] e en 1978 tivo lugar a primeira ascensión sen osíxeno por Reinhold Messner e Petar Habelar. O mesmo Reinhold Messner fixo en 1980 a primeira ascensión en solitario.

Alison Hargreaves foi a primeira muller en ascender o Everest sen osíxeno (1995)

Everest visto desde a Estación Espacial Internacional.

Estatísticas[editar | editar a fonte]

Ata a fin de 2017, 4833 persoas escalaron a cima nun total de 8306 ascensións, o que significa que 3473 ascensións as realizaron persoas que subiron en máis dunha ocasión, a maioría delas sherpas. Delas, 536 foron logradas por mulleres.

288 persoas (115 delas, sherpas) morreron no intento entre 1921 e 2017. As condicións da montaña son tan difíciles que a gran maioría dos corpos permanecen na montaña. Moitos deles son visibles desde as vías de ascenso habituais[27] e algúns serven como puntos de referencia.[28][29]

Clima[editar | editar a fonte]

O clima do Everest é extremo. En xaneiro, o mes máis frío, a temperatura media no cumio é de -36 °C podendo baixar incluso ata os -60 °C. En xullo, o mes máis cálido, a temperatura media no cumio é de -20 °C. Porén estas temperaturas xa de por si extremas co efecto do vento a sensación térmica é dunha temperatura moito máis baixa.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Everest visto desde Rombok Gompa (Tíbet).
  • 1841: O coronel George Everest, Topógrafo Xeral na India, bautiza provisionalmente a montaña como Pico XV.
  • 1852: Cálculos da Great Trigonometrical Survey levan a concluír que se trata da montaña máis alta da Terra.
  • 1921: Primeira expedición británica no Everest.
  • 1924: O 8 de xuño George Mallory e Andrew Irvine parten rumbo ao pico e desaparecen na néboa. Nunca se soubo se chegaron ou non.
  • 1953: Na mañá do 29 de maio, o apicultor neozelandés Edmund Hillary e o sherpa Tenzing Norgay chegan ao pico.
  • 1995: Waldemar Niclevicz e Mozart Catão son os primeiros brasileiros en atinxir o cume do Everest, ás 11h 22m do día 14 de maio.
  • 1996: O porriñés Jesús Martínez Novás convértese no primeiro galego en subir o Everest (e sen osíxeno).
  • 1996: Maior número de alpinistas mortos nun só ano: quince.
  • 1999: O corpo de Mallory é atopado con obxectos persoais, mais sen a foto da esposa, que prometera deixar no pico.
  • 1999: En maio, João Garcia é o primeiro portugués en atinxir o pico (e sen osíxeno adicional), mais pérdese no descenso (o seu colega de escalada belga morre na descendida) e é rescatado polo matrimonio brasileiro Helena e Paulo Rogério Coelho. Após unha longa hospitalización sobrevive, mais perde parte de nove dedos e parte do nariz.
  • 1999: O 26 de maio a galega Chus Lago é a primeira muller galega, e terceira do mundo, en realizar a ascensión sen osíxeno artificial.

Rutas de ascenso[editar | editar a fonte]

As dúas principais rutas de ascenso, a suroeste (laranxa) e a nordés (amarelo).

O monte Everest ten dúas rutas principais para acceder ao cumio: a ruta pola cara suroeste, dende o Nepal, e a ruta nordés, dende o Tíbet, porén existen outras trece rutas menos frecuentadas.[30] Das dúas rutas principais a máis fácil tecnicamente e a máis utilizada é a suroeste, foi a seguida por Hillary e Tenzing en 1953 e a primeira das quince rutas descritas en 1996,[30] porén esta foi máis unha decisión política que técnica, xa que a China pechou a súa fronteira aos estranxeiros en 1949.[31]

A maior parte dos intentos de ascensión realízanse entre abril e maio, antes de que comece o verán, a estación dos monzóns. Isto débese a que un cambio nas corrente en chorro nesa época do ano reduce a velocidade media do vento en altas cotas da montaña.[32][33] A pesar de que tamén se realizan intentos despois dos monzóns (en setembro ou outubro) a neve depositada polo monzón e o clima menos estabel fan a escalada máis complexa.

Aceso en helicóptero[editar | editar a fonte]

O 14 de maio de 2005 o piloto francés Didier Delsalle aterrizou cun helicóptero Eurocopter modelo AS 350 B3 no cumio do Everest.[34] Necesitaba permanecer durante dous minutos para establecer o récord oficial da Fédération Aéronautique Internationale (FAI), mais estivo alí durante uns catro minutos.[34] A engalaxe posterior sentou a marca mundial de engalaxe con helicóptero dende o punto máis elevado.

Masificación[editar | editar a fonte]

Na actualidade o monte Everest é un centro turístico de importancia mundial, atraendo cada ano miles de persoas, podendo emprender a ruta de ascenso ao cumio nun mesmo día 234 persoas. Esta masificación comporta varios problemas como o de pelexas a máis de 6.000 metros de altura polo uso das cordas ancoradas na parede da montaña, roubos e sobre todo a acumulación de lixo en zonas de difícil aceso como é o cumio do Everest.

Por estas razóns no ano 2014 o goberno nepalí lexislou ao respecto, decretando que todo aquel que ascenda á montaña deberá recoller e descender con oito quilogramos de lixo, así mesmo creou un posto de seguridade cun pequeno corpo formado por membros do exército, policía e policía armada nepalís[35][36].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "New Facts about Mount Everest" (en inglés). China Highlights. Consultado o 24 de decembro de 2016. 
  2. Noyce, Wilfrid; Hunt, John; et al. (27 de decembro de 2017). "Mount Everest". Encyclopædia Britannica (en inglés). Encyclopædia Britannica, inc. Consultado o 16 de xaneiro de 2018. 
  3. Hough, Carole (1 de xaneiro de 2016). The Oxford Handbook of Names and Naming (en inglés). Oxford University Press. p. 122. ISBN 978-0-19-175021-2. doi:10.1093/oxfordhb/9780199656431.001.0001/oxfordhb-9780199656431. Consultado o 27 de marzo de 2020. 
  4. Waddell, LA (16 de decembro de 1898). "The Environs and Native Names of Mount Everest". The Geographical Journal 12 (6): 564–569. doi:10.2307/1774275. 
  5. Waugh, Andrew Scott (1857). "Himalaya and Mount Everest". Proceedings of the Royal Geographical Society of London 1: 344–345. Consultado o 27 de marzo de 2020. 
  6. Klein, Christopher. "Who is Mount Everest named after?". HISTORY (en inglés). Consultado o 27 de marzo de 2020. 
  7. Gillman, Peter, ed. (1993). Everest – The Best Writing and Pictures from Seventy Years of Human Endeavour (en inglés). Little, Brown and Company. pp. 10–13. ISBN 978-0-316-90489-6. 
  8. Yanes, Javier (3 de xullo de 2019). "The Man Who didn’t Want Everest to Bear his Name". OpenMind (en inglés). Consultado o 27 de marzo de 2020. 
  9. "Mount Everest.". Dictionary.com Unabridged (v 1.1). Random House, Inc. Consultado o 22 de xullo de 2009. 
  10. Claypole, Jonty (Director); Kunzru, Hari (Presenter) (2003). Mapping Everest (TV Documentary). Londres: BBC Television. 
  11. "Chomo-lungma: Nepal". Geographical Names. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  12. "Djomo-lungma: Nepal". Geographical Names. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  13. "Chomolongma: Nepal". Geographical Names. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  14. "Mount Jolmo Lungma: Nepal". Geographical Names. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  15. 15,0 15,1 "Qomolangma Feng: Nepal". Geographical Names. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  16. "Web Reference". Consultado o 20 de maio de 2007. 
  17. "No Longer Everest but Mount Qomolangma". People's Daily Online. 20 de novembro de 2002. Consultado o 9 de xuño de 2005. 
  18. "Sagar-Matha: Nepal". Geographical Names. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  19. Unsworth, Walt (2000). Everest – The Mountaineering History (3.ª ed.). Bâton Wicks. p. 584. ISBN 978-1-898573-40-1. 
  20. "ABC.net". Consultado o 20 de maio de 2007. 
  21. 21,0 21,1 "Elevation of Mount Everest newly defined:8,850 not 8,848 meters above sea level". Fondation Suisse pour Recherches Alpines. 30 de novembro de 1999. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 20 de maio de 2007. 
  22. Rosa M. Bosch (8 de decembro de 2020). "El Everest se eleva hasta los 8.848,86 metros". La Vanguardia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2020. Consultado o 08 de decembro de 2020. 
  23. "National Geographic". Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2007. Consultado o 20 de maio de 2007. 
  24. Lewis, Jon E. (1 de marzo de 2012). "Appendix 1". The Mammoth Book of How it Happened - Everest. Little, Brown Book Group. p. 212. ISBN 978-1-78033-727-2. 
  25. "Gonpo: first Chinese atop Mount Qomolangma". CCTV. 14 de outubro de 2009. 
  26. James, Victoria (27 de maio de 2012). "Japan's Everest timeline". The Japan Times Online. Consultado o 20 de febreiro de 2016. 
  27. "Everest by the numbers:2018 Edition". The Blog on alanarnette.com (en inglés). 17 de decembro de 2017. Consultado o 25 de xaneiro de 2017. 
  28. Rachel Nuwer. "BBC - Future - Death in the clouds: The problem with Everest’s 200+ bodies". 
  29. Rachel Nuwer (28 de novembro de 2012). "There Are Over 200 Bodies on Mount Everest, And They’re Used as Landmarks". Smithsonianmag.com. Consultado o 17 de xuño de 2016. 
  30. 30,0 30,1 "Ascent Routes on Everest". EverestHistory.com. Consultado o 21 de xaneiro de 2008. 
  31. Thompson, Kalee (2 de abril de 2003). "Everest Time Line: 80 Years of Triumph and Tragedy". National Geographic Society. Consultado o 28 de marzo de 2008. 
  32. "Climbing Mount Everest". The New York Times. 19 de maio de 1997. Consultado o 24 de outubro de 2008. 
  33. Team Everest 03. "Mt. Everest Information". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2008. 
  34. 34,0 34,1 "Landing on Air". National Geographic Adventure. 1 de setembro de 2005. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2016. Consultado o 24 de xuño de 2009. 
  35. http://www.elmundo.es/deportes/2014/03/03/5314e10a268e3ecd758b4585.html
  36. http://deportes.elpais.com/deportes/2014/03/07/actualidad/1394210738_506147.html

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]