Estrato (xeoloxía)

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Estratos policromáticos na Quebrada de Cafayate (Arxentina).
Flysch (turbidita) nos Cárpatos en Komańcza (Polonia).

En xeoloxía chámase estrato a cada unha das capas en que se presentan divididos os sedimentos, as rochas sedimentarias, as rochas piroclásticas e as rochas metamórficas cando esas capas se deben ao proceso de sedimentación. A rama da xeoloxía que estuda os estratos recibe o nome de estratigrafía.[1][2]

Hai que ter en conta que outros fenómenos xeolóxicos distintos poden dar orixe a capas, que entón non se chamarán estratos. É o caso, por exemplo, das laxes que se forman durante o metamorfismo cando grandes presións afectan as rochas, orixinando cortes perpendiculares á forza de compresión. Por último, as intrusións ígneas poden formar diques ou capas interestratificadas que aparecen nalgúns casos como se fosen un estrato máis ou formando un manto ou sill.

O estudo dos estratos é moi útil para o xeólogo porque o estrato rexistra un acontecemento singular do tempo xeolóxico, constitúe un rexistro do tempo xeolóxico, proporciona planos xeolóxicos de referencia e indica a deformación da rocha, indica o ambiente de sedimentación e contén a miúdo fósiles útiles para a datación.[3]

Estratificación[editar | editar a fonte]

Os estratos fórmanse tipicamente como capas horizontais de potencia (espesor) uniforme, limitadas por superficies de estratificación, que son interfases máis ou menos nítidas respecto o estrato máis novo (situado enriba) e o máis vello (debaixo). Na descrición dos estratos úsase o termo «base» ou «muro» para referirse á parte máis antiga (xeometricamente a inferior, se non median alteracións tectónicas da posición) e «teito» para a máis recente. Os estratos son as unidades básicas de estudo da estratigrafía.

Estratificación cruzada en arenitos, no canón do Antílope, Arizona, Estados Unidos.

Os estratos horizontais e uniformes poden evolucionar, en presenza de forzas tectónicas, sufrindo cambios de posición (basculamento, que pode levar incluso á súa inversión) e de forma (pregamento). Ademais algúns estratos aparecen desde a súa mesma orixe inclinados entre si e de espesor desigual, como ocorre na estratificación cruzada. A xénese da estratificación cruzada é bastante simple nos procesos de recheo por sedimentos arrastrados polos ríos (areas, arxilas) cando chegan ao pé demonte dunha cordilleira e forman conos de dexección, terrazas e outras formas menores do relevo. Estes sedimentos dispóñense de acordo coa gravidade, e que se crucen entre si obedece a un cambio no curso do río que se desvía con cada enchente importante, que moitas veces son esporádicas como é típico nos climas áridos, polo simple feito de que a enchente do río produciu unha acumulación que as augas do río teñen que rodear pola súa maior altura, depositándose agora con buzamento (é dicir, unha inclinación), sentido e espesor diferentes. Co paso do tempo, esas areas ou arxilas poden consolidarse e formar rochas sedimentarias (arenitos, por exemplo, como é o caso da imaxe do Canón do Antílope) pero que conservaron a disposición orixinal das areas que formaron ditas rochas. Tamén pode verse unha descontinuidade estratigráfica no centro da imaxe.

En resumo, estas superficies de estratificación reflicten heteroxeneidades do proceso de sedimentación, con cambios bruscos na natureza do sedimento ou interrupcións máis ou menos prolongadas do proceso de depósito.

Diáclases e fallas[editar | editar a fonte]

Os estratos, segundo a súa litoloxía e condicións, poden ser máis ou menos plásticos ou ríxidos e isto ten unhas consecuencias obvias sobre a súa resistencia á deformación. Cando son moi ríxidos (arenitos ou rochas calcarias, por exemplo), os movementos internos da litosfera poden crebar ou partir eses estratos e forman as diáclases (rotura sen desprazamento) e fallas (rotura cun desprazamento apreciable dos estratos ao longo da liña de falla).

Fósiles[editar | editar a fonte]

Estratos con fósiles mariños en Lo Valdés, Chile, a 2 100 m sobre o nivel do mar.

Como están formados por rochas sedimentarias os estratos adoitan conter fósiles, é dicir, restos de seres vivos que se depositaron xunto cos sedimentos minerais. As rochas de baixo metamorfismo como as lousas tamén poden conter fósiles. Os fósiles serven para datar a idade aproximada de ditos estratos. Isto realízase a través dos chamados fósiles índice, chamados así porque só existiron nunha determinada Era ou período xeolóxico. Atopar dito fósil nun estrato, serviría para inferir que dito estrato se formou durante a época en que o ser vivo existiu. A datación é unha aplicación moi importante da estratigrafía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estratos, estratificação e estratigrafia (en portugués)
  2. Manual Técnico de Geologia Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en portugués)
  3. Arthur N. Strahler. Geología Física. Omega. Barcelona (1987). Páxinas 127-128. ISBN 84-282-0770-4. (en castelán)

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Holmes, Arthur e Doris L. Holmes. Geología Física. Barcelona: Ediciones Omega 1982, 3a. edición.(en castelán)
  • Maurice E. Tucker, Sedimentary Rocks in the Field: A Practical Guide, John Wiley and Sons, 2011 ISBN 0-470-97368-4 (en inglés)
  • Dorrik A.V. Stow, Sedimentary Rocks in the Field: A Colour Guide, CRC Press, 2005 ISBN 1-840-76642-5 (en inglés)
  • Juan Antonio Vera Torres, Estratigrafia: Principios Y Metodos, RUEDA ISBN 9788472070745 (en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]