Escudo da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo da cidade da Coruña.
Escudo da Coruña co libro sobre a Torre de Hércules no Palacio de María Pita.

O escudo da Coruña consta dun campo de azur sobre o que aparece representada, de cor arxéntea, a Torre de Hércules. Baixo a mesma, dúas tibias cruzadas tamén de prata e unha caveira da mesma cor coroada de ouro. A Torre de Hércules está acompañada por sete cunchas de peregrino de ouro, tres a cada banda e unha no centro da punta.[1]

O timbre, coroa real, forrada de goles, ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastallado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visíbeis cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun orbe azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.

A caveira e as canelas cruzadas que aparecen no escudo aluden ao relato mítico da fundación da cidade. Segundo a lenda, no lugar no que actualmente se atopa a cidade da Coruña, Hércules venceu e cortou a cabeza do seu inimigo, o rei Xerión, que chegara dende Troia. Hércules decidiu soterrar a testa e ergueu no lugar a primitiva torre como recoñecemento ao seu rival.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Escudo de finais do século XVI ou principios do XVII

A primeira imaxe que se conserva do escudo aparece nun selo dunha carta de seguro emitida a favor do portugués Martiño González o 22 de outubro de 1448. No selo aparece a Torre de Hércules cun farol saíndo dela cunha cuncha de vieira a cada lado. As vieiras, que xa aparecían nas moedas emitidas pola Casa da Moeda da Coruña, posiblemente só aparezan cunha función estética.[2]

O escudo en pedra máis antigo que se coñece procede do Hospital do Bo Suceso e consérvase no Museo Arqueolóxico.[3]

Nun manuscrito do século XVI aparece a torre arrodeada de oito cunchas e baixo ela a cabeza coroada de Xerión. Nun escudo atopado en 1929 na rúa Real que se conserva no palacio de María Pita substituíuse a cuncha superior por un cáliz e a cabeza aparece en vertical. A partir do século XVII en lugar da cabeza coroada aparece unha caveira á que se lle engadiron dúas tibias.[4]

A partir de 1836 comezaron a empregarse selos nos que aparecía sobre a torre un libro que representaba a constitución de 1812.[5] O libro desapareceu coa ditadura franquista.[6]

Outros escudos[editar | editar a fonte]

Escudo da provincia da Coruña.

Escudo provincial[editar | editar a fonte]

Existe unha versión do escudo da Coruña, usado como escudo provincial,[7] baseado no escudo do século XVI,[4] no que se introduciron pequenas modificacións.

Posúe a seguinte descrición heráldica: En campo de azur, a Torre de Hércules na súa cor sobre un penedo arrodeado das ondas do mar de prata e azur, brochante sobre a pena, a testa caída do lendario rei Xerión, de carnación, coroada de ouro, coa boca e mailo pescozo ensanguentados, todo isto acompañado de seis vieiras de ouro. Timbre: Coroa real pechada.

Corunna, Míchigan[editar | editar a fonte]

A insignia da policía da localidade de Corunna, Míchigan está baseado no escudo da Coruña, incluíndo a Torre de Hércules.[8][9][10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Escudo e Identidad". Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 22 de febreiro de 2017. 
  2. Bello, José Mª; et al. (2001). Historia de A Coruña. Vía Láctea. ISBN 84-89444-85-4. 
  3. Reiriz Rey, Jesús María (1999). La Coruña a través del tiempo (en castelán). A Coruña: Internós. ISBN 84-931215-0-9. 
  4. 4,0 4,1 Coruña y Torre: Roma y la Ilustración en La Coruña (en castelán). Concello da Coruña. 1991. 
  5. Vaamonde Lores, César (1922). "Un notable escudo de la Coruña". Boletín de la Real Academia Gallega (en castelán) (Real Academia Galega) (146). Arquivado dende o orixinal o 31-01-2017. Consultado o 18-1-2017. 
  6. Os libros arden mal. Un roteiro pola Coruña con Manuel Rivas
  7. "Logotipos". Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2017. Consultado o 02 de xaneiro de 2017. 
  8. Espiñeira, Francisco (10-8-2008). "Una decena de lugares del mundo llevan el nombre de A Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18-1-2017. 
  9. Ben's Patch Collection
  10. Pérez, Mónica (16-1-2008). "El escudo de la Policía de Corunna". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18-1-2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]