Escritura tartesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escrituras paleohispánicas.
Unha das propostas de signario tarteso. Adaptado de Rodríguez Ramos 2000.
Fonte Velha (Bensafrim, Lagos).
Herdade da Abobada (Almodôvar).

A escritura tartesa,[1] tamén coñecida como do suroeste (suroccidental) da Península Ibérica e como sudlusitana, é unha escritura paleohispánica moi similar, tanto pola forma dos signos como polo valor que os signos representan, á escritura ibérica suroriental. A diferenza desta, que expresa lingua ibérica, a escritura tartesa expresa unha lingua que non puido aínda ser relacionada con ningunha outra. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe esta directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.

Características[editar | editar a fonte]

A diferenza das outras escrituras paleohispánicas, a escritura tartesa e a lingua que expresa non teñen unha denominación consensuada. A denominación máis neutra é a de escritura do suroeste da Península Ibérica, posto que só fai referencia á localización xeográfica das inscricións que usan esta escritura no cuadrante suroccidental da Península Ibérica. Pero a denominación máis popular é a de escritura tartesa, aínda que non é unha denominación precisa, posto que as inscricións que usan esta escritura só aparecen marxinalmente no territorio no que as fontes clásicas sitúan o reino de Tartessos e, en cambio, concéntranse no territorio que as fontes clásicas atribúen aos conios. Unha terceira denominación é escritura sudlusitana, que fai referencia á súa posición xeográfica relativa respecto do territorio dos lusitanos.

Como o resto das escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. A característica distintiva desta escritura é a sistemática redundancia vocálica dos signos silábicos, fenómeno que nas outras escrituras paleohispánicas é residual. Este fenómeno foi descuberto por Ulrich Schmoll e permite clasificar a maior parte dos signos desta escritura en silábicos, vocálicos e consonánticos. Aínda así, o seu desciframento aínda non se pode dar por fechado, posto que non hai consenso entre os diferentes investigadores que fixeron propostas concretas.

Esta escritura escríbese moi maioritariamente de dereita a esquerda e o seu ámbito de uso é o cuadrante suroccidental da Península Ibérica: fundamentalmente no Algarve e no Baixo Alentexo e residualmente en Andalucía occidental e Estremadura. Practicamente o único soporte sobre o que aparece son grandes lousas de pedra, preto dun centenar. O tipo de soporte e o feito de que practicamente todas apareceron fóra de contexto, impide precisar excesivamente a súa cronoloxía, aínda que, polos escasos exemplares que presentan algunha restrición cronolóxica, parece que deberían de ser do século V a.C. ou anteriores. Aínda así, tradicionalmente atribúeselles unha antigüidade que as podería facer remontar ata o século VII a.C., hipóteses que, de se confirmaren, a convertería na escritura paleohispánica máis antiga.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tarteso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]