Entrada en perda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fenómeno aerodinámico que consiste na diminución máis ou menos súbita da forza normal que produce a corrente incidente sobre calquera perfil aerodinámico. Prodúcese cando a proporción do contorno do perfil onde a capa límite está desprendida se volve significativamente ampla, debido a que a presión do aire é notablemente menor cando a capa límite está desprendida ca cando está adherida á superficie.

En particular, emprégase o termo aplicado a un avión cando a súa á entra en perda. Se isto sucede en servizo o piloto debe recuperar a sustentación perdida e xa que logo o control do avión facendo que este pique (é dicir, facendo que o morro baixe respecto da cola).

Causas[editar | editar a fonte]

A causa máis coñecida que produce a entrada en perda dun perfil é o aumento do ángulo de ataque da corrente incidente, xa que ao incrementarse o mesmo a parte do contorno do perfil onde a corrente está desprendida se ensancha. Ao aumentar o ángulo de ataque progresivamente, chégase a obter unha forza normal máxima a partir da cal esta comeza a diminuír. Esta diminución pode ser máis ou menos brusca en función do deseño do perfil aerodinámico.

Nun avión en voo o anterior pode suceder por diminuír a velocidade excesivamente, por baixo da velocidade de perda.

Outras causas que poden producir a perda son a interacción con ronseis provenientes doutras superficies aerodinámicas, o efecto de turbulencias atmosféricas, efectos aerodinámicos non estacionarios, efectos tridimensionais debidos á forma da á etc.