Desmina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A desmina é unha das proteínas de tipo III dos filamentos intermedios do citoesqueleto intracelular en particular de células musculares, tanto estriadas como lisas. Áchase preto da liña Z dos sarcómeros das miofibrilas musculares, funcionando como un soporte estrutural. Tamén participan nalgunhas unións intercelulares (desmosomas) principalmente nas células musculares cardíacas. Foi purificada por primeira vez en 1977, o xene foi caracterizado en 1989, e o primeiro rato knockout foi creado en 1996. A desmina só se expresa en vertebrados, inda que se atoparon proteínas homólogas noutros organismos.

Estrutura[editar | editar a fonte]

É unha proteína de 52kD que ten tres dominios principais: un dominio central en hélice α que é constante, un dominio variable non-helicoidal na cabeza, e unha cola no extremo C-terminal. A desmina, como todas as proteínas dos filamentos intermedios, perden a súa polaridade cando se ensamblan (os seus dous extremos son iguais). O dominio central consiste en 308 aminoácidos con dous hélices α paralelas envolvidas entre si formando un dímero e tres unións que o interrompen. O dominio da cabeza consiste en 84 aminoácidos con algunhas arxininas, serinas e residuos aromáticos e é importante na ensamblaxe de filamentos e nas interaccións dímero-dímero. O dominio da cola é o responsable da integración dos filamentos e da interacción con outras proteínas e organelas.