Cósmido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un cósmido, é un tipo de plásmido híbrido que contén secuencias cos procedentes do fago lambda, que se pode empaquetar dentro de cápsides de fagos e que se usa como vector de clonación. Os cósmidos poden utilizarse para elaborar bibliotecas xenómicas[1]. Foron descritos por primeira vez por Collins e Hohn en 1978.

Os cósmidos conteñen xeralmente os seguintes compoñentes:

  • unha orixe de replicación bacteriana oriV (por exemplo, SV40 oriV ou outra),
  • un marcador para a selección con antibióticos,
  • un sitio de clonación,
  • un, ou máis recentemente dous, sitios cos derivados do fago lambda.

Os cósmidos poden transportar xenes de 37 a 52 kb (xeralmente 45) de ADN, cando o normal noutros plásmidos é transportar só de 1–20 kb. Poden replicar o seu ADN como calquera outro plásmido se teñen unha orixe de replicación axeitada: por exemplo a orixe SV40 ori en células de mamíferos, ou ColE1 ori para a replicación de ADN bicatenario ou f1 ori para a replicación de ADN monocatenario en procariotas. Con frecuencia conteñen tamén un xene usado para a súa selección, como un xene que lles dá resistencia aos antibióticos, por medio do cal poden ser identificadas as células nas que se produciu a transfección (incorporaron o cósmido) facéndoas crecer nun medio que conteña o antibiótico. As células que non incorporaron o cósmido non terán resistencia e morrerán en presenza do antibiótico.

A diferenza dos plásmidos, os cósmidos poden ser empaquetados en cápsides de fagos, o que permite que os xenes alleos sexan transferidos ao interior ou entre as células por transdución realizada polo fago. Os plásmidos vólvense inestables cando se lles insire unha cantidade de ADN non moi grande, porque o seu aumento de tamaño fai que sexan máis susceptibles á recombinación xenética. Pero a transdución con fagos evita isto. Aínda que o cósmido se empaqueta na cápside do fago en forma linear, este, unha vez dentro da bacteria, recircularízase grazas aos seus "extremos cohesivos", tamén chamados sitios cos. Deste modo, usar cósmidos é similar a usar o fago lambda como vector, pero coa diferenza de que todos os xenes de lambda foron eliminados coa única excepción da secuencia cos [2].

As secuencias cos teñen unha lonxitude de ~200 pares de bases e son esenciais para o empaquetamento. Conteñen un sitio cosN onde o encima terminase lle fai unha amosega ou corte ao ADN en cada extremo, a 12 bp[3]. Isto causa a linearización do cósmido, que ata entón era circular, que presentará dous extremos "cohesivos" ou "pegañentos" de 12 bp. É importante que o ADN estea linearizado para poder empaquetalo na cápside do fago, pero unha vez dentro da bacteria volve a recircularizarse grazas aos seus extemos cohesivos. O sitio cosB sostén a terminase mentres esta está facendo o corte e separando as cadeas do ADN. O sitio cosQ do seguinte cósmido (xa que a replicación polo método dos círculos rodantes a miúdo orixina concatémeros lineares) é sostido pola terminase despois de que o cósmido anterior foi empaquetado, para impedir a degradación polas ADNases celulares.Imaxe

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Stryer, Lubert (1995) Biochemistry 4th ed. ISBN 0-7167-2009-4
  2. *Bruce A. Voyles (2002) The biology of viruses 2nd ed. ISBN 0-07-237031-9
  3. Eurekah Biosciences Collection: Viruses, @NCBI