Cuco real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cuco real ou cuco papudo (Clamator glandarius) é unha especie de ave cuculiforme da familia Cuculidae que habita no sur de Europa e Oriente Próximo en verán e que pasa o inverno en África. Igual que o seu parente o cuco practica o parasitismo de posta nos niños de aves como as pegas e os estorniños. Non se coñecen subespecies.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Adulto.
Individuo novo en catividade.

O cuco real é lixeiramente máis grande que o cuco común, cunha lonxitude de 35 a 39 cm, aínda que parece moito máis grande polas súas anchas ás e a súa cola longa e estreita. Os adultos teñen as partes superiores de cor parda escura con moitas pintas brancas e co píleo gris, onde presenta un rechamante penacho eréctil. O seu pico anegrado é robusto e lixeiramente curvado cara a abaixo. As súas partes inferiores son principalmente brancas, aínda que a súa gorxa e parte superior do peito son de cor amarelado crema. Ambos os sexos teñen un aspecto similar. Os xuvenís teñen as partes superiores, incluído o píleo, anegradas en lugar de pardas, e segundo as idades carecen de penacho ou téñeno máis curto. O amarelo das súas partes inferiores é máis intenso e máis estendido que o dos adultos, e as súas plumas primarias son de cor castaño avermellado.

Taxonomía e etimoloxía[editar | editar a fonte]

Clasifícase na familia Cuculidae dentro da orde cuculiformes. Os cuculiformes son aves de tamaño mediano, con plumaxes discretas e longas colas que teñen patas con dedos zigodáctilos (dous dirixidos cara a adiante e dous cara a atrás). Os membros da familia Cuculidae adoitan caracterizarse por poñer os seus ovos nos niños doutras especies.

Describiuno cientificamente Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Cuculus glandarius.[3] En 1829 foi trasladado como especie tipo ao xénero Clamator, creado por Johann Jakob Kaup.[4] É unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[5]

O nome do seu xénero, Clamator, é a palabra latina que significa 'gritador'. O nome específico é tamén de etimoloxía latina, xa que glandarius procede da palabra glans, 'landra' e literalmente significa 'landreiro', aínda que era ese o termo do latín tardío usado para referirse ao gaio (que come landras),[6] o cal ten un parecido superficial co cuco real.

Comportamento[editar | editar a fonte]

É unha ave que vive en zonas arboradas abertas cálidas. Aliméntase de insectos, especialmente eirugas peludas que desagradan a moitas outras aves, arañas e pequenos réptiles.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Ovo da especie da colección de ovos do Museo de Wiesbaden.
Ovo de Clamator glandarius (esquerda) comparado co de Corvus cornix (dereita).

A diferenza do cuco común, nin a femia nin os pitos de cuco real sacan do niño os ovos do hóspede cuxo niño parasitan, pero a miúdo algunhas das pegas novas morren pola falta de alimento que ocasiona a presenza da cría de cuco real. En compensación sábese que os pitos de cuco real segregan un cheiro que repele os depredadores que os axexan, e este repelente protexe tanto a eles coma os pitos do hóspede.[7] Por exemplo, os pitos de corvo pequeno sobreviven máis se un pito de cuco real comparte o seu niño. As rapaces e os gatos depredan con menos frecuencia os niños con crías de cuco real. Pero os pitos de corvo pequeno benefícianse só se os depredadores son moi activos na zona e así se compensa a perda de alimento.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Clements, J. F. 2007. The Clements Checklist of Birds of the World, 6th Edition. Cornell University Press. Downloadable from Cornell Lab of Ornithology
  3. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 111.
  4. Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Cuculiformes
  5. Frank Gill y David Donsker. Hoatzin, turacos & cuckoos Arquivado 15 de agosto de 2018 en Wayback Machine.. IOC World Bird List versión 5.1.
  6. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 110 y 173. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  7. Great Spotted Cuckoo proved to protect invaded nests. Lne.es (2014-03-21). Consultado o 2014-05-06.
  8. Smelly cuckoos protect hosts' chicks from predators. Newscientist.com (2014-03-20). Consultado el 2014-05-06.
  9. The Stinky Way Cuckoo Birds Earn Their Keep. Livescience.com (2014-03-20). Consultado o 2014-05-06.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]