Cortaúnllas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cortaúnllas de dous tamaños.
Forzas aplicadas.

O cortaúnllas é unha pequena ferramenta con coitelas curvas que se utiliza para cortar as unllas. Sam Valentin Fogerty e Chapel Carter son considerados os inventores do cortaúnllas.[1]

Os cortaúnllas adoitan ser metálicos, hainos de diferentes tamaños, e están compostos basicamente por dúas láminas unidas por un extremo, as cales posúen senllas follas de corte enfrontadas entre si no extremo oposto, e un mango colocado de forma inversa sobre elas. Na maioría dos cortaúnllas tamén se inclúe unha lámina máis con forma puntiaguda e superficie de lima para poder quitar a sucidade acumulada debaixo das unllas e poder limalas.

A mecánica do cortaúnllas é unha combinación de dúas pancas que permiten realizar unha potente presión de corte sen apenas esforzo. O mango é unha panca de segundo xénero que preme as dúas follas de corte até unilas. As follas actúan con gran forza, e dan lugar a unha combinación de panca de terceiro xénero. Os fíos das follas realizan un movemento curto para vencer a resistencia que ofrece a unlla.

Polo seu tamaño, pódense distinguir os cortaúnllas domésticos e os de viaxe, máis pequenos. Tamén existen cortaúnllas para nenos decorados con motivos infantís.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ¿Quién inventó el cortaúñas? (8-5-2023). www.xn--cortauas-i3a.com.
  2. Smith, Ernie. "Fingernail Trimming: What We Did Before Nail Clippers". Tedium.co. Consultado o 12 de novembro de 2020.