Constante II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Constante II
Nacemento7 de novembro de 630
Lugar de nacementoConstantinopla
Falecemento15 de setembro de 668
Lugar de falecementoSiracusa
Causaexecución por afogamento
NacionalidadeImperio Bizantino
Relixiónmonotelismo
OcupaciónEmperador
PaiConstantino III Heraclio
NaiGregória
CónxuxeFausta
FillosConstantino IV, Tibério (filho de Constante II) e Heráclio
Na rede
WikiTree: Heraklian-4 Find a Grave: 42020058 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Constante II, nado o 7 de novembro de 630 e finado o 15 de setembro de 668 en Siracusa, fillo de Constantino III Heraclio e neto de Heraclio, foi emperador bizantino de 641 ata 668.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Adoita considerarse o reinado de Constante II como a transición definitiva entre a Antigüidade Tardía e a Idade Media no ámbito bizantino; así como un dos períodos da historia bizantina no que o Imperio tocou fondo, vendo como as súas fronteiras retrocedían en todas as frontes.

Constante II accedeu en 641 ao trono tras un breve e turbulento período de loitas familiares polo poder no seo da familia Heráclida. O seu pai Constantino III e o seu tío Heraclonas reinaran durante un breve período de tempo trala morte do seu avó Heraclio. As disputas e intrigas entre as dúas pólas da familia complicáronse trala morte de Constantino III en estrañas circunstancias e o posterior derrocamento de Heraclonas e da súa nai, acusados de asasinar a Constantino III. Constante II accedeu ao trono con apenas 11 anos de idade. No ámbito exterior o Imperio Bizantino estaba soportando o ataque do Califato árabe que arrebatara nuns poucos anos as provincias de Siria, Palestina e Mesopotamia e ameazaban Exipto.

Durante os primeiros anos do reinado de Constante II, parece ser que o poder estivo en mans do Senado, que tivo por última vez na súa historia poder político real; está fase finalizou cara a 648 cando o emperador alcanzou a maioría de idade. Constante II empregouse a fondo en defensa dun ameazado Imperio que podía sucumbir a mans das hostes árabes. Os árabes fixéronse con Exipto entre 641 e 642, durante os tumultuosos anos que seguiron á morte de Heraclio e ás loitas polo trono bizantino entre os seus fillos.

Durante os primeiros anos do reinado de Constante II os musulmáns árabes aseguraron as súas conquistas de Armenia e Exipto e construíron unha frota naval para enfrontárense aos bizantinos. A partir de 649 os árabes comezaron a atacar as illas bizantinas do Mediterráneo facéndose co control de Chipre. En 655 a frota bizantina, mandada persoalmente por Constante II, foi derrotada pola recentemente creada forza naval árabe na batalla de Finike, que acabou co mito da invulnerabilidade da frota bizantina. Con todo, a ofensiva musulmá detívose á morte do califa Utmán en 656, que abriu un período de guerra civil no seo do Califato.

Estabilizada a súa fronteira oriental, Constante II volveu a súa mirada a occidente, no ano 658 levou a cabo unha expedición militar contra as tribos eslavas que trataban de infiltrarse na Península dos Balcáns e aos que derrotou no río Danubio. Esta vitoria permitiulle ralentizar a infiltración eslava no territorio balcánico.

En política relixiosa Constante II entrou en conflito directo co Papado. O seu avó Heraclio impuxera a doutrina do monotelismo, como unha forma de compromiso entre o monofisismo e a ortodoxia cristiá. Con todo, o monotelismo causara un rexeitamento frontal en Occidente onde dominaba a ortodoxia encabezada polo Papa. O emperador mantivo a vixencia da doutrina monotelista e para poñer fin ás discusións sobre o asunto promulgou en 648 o Edicto de Typos, que prohibía calquera tipo de discusión sobre a natureza de Cristo. A promulgación do edicto causou dúas rebelións nas provincias bizantinas de África e de Italia, que foron reprimidas polo emperador. A última delas contou con apoio directo do Papa Martiño.

Entre 661 e 662 o emperador trasladouse a Italia. Existen varias especulacións sobre as razóns últimas deste traslado. Parece ser que o emperador quería reorientar o centro do seu imperio ás provincias occidentais do mesmo ante a ameaza musulmá. Outros consideran que se converteu nun emperador con demasiados inimigos en Constantinopla e que buscaba afastarse deles. Constante II converteuse no primeiro emperador que visitaba Roma desde había moitos anos. En Italia, Constante II enfrontouse aos longobardos que dominaban o norte da península. Volveu ser derrotado por eles, así que abandonou a península e estableceuse en Siracusa, Sicilia, onde trasladou a capital do Imperio; unha decisión que resultou ser tremendamente impopular.

Para tratar de evitar problemas sucesorios, asasinou o seu irmán Teodosio e nomeou aos seus fillos Constantino, Heraclio e Tiberio coemperadores. O 15 de setembro do ano 668 foi asasinado en Siracusa por un servente mentres estaba no baño. Sucedeuno o seu fillo Constantino, que trasladou de novo a capital do Imperio a Constantinopla.

Algúns autores suxiren que a reorganización administrativa do Imperio Bizantino en distritos militares denominados themas se produciu durante o reinado de Constante II e non no do seu avó Heraclio, ao que se lle adxudicaba tradicionalmente a realización de devandita reforma. Este asunto é tema de discusión especializada entre os historiadores.

Imperio Bizantino

Segue a:
Heraclonas
Constante II
Precede a:
Constantino IV
Dinastía dos Heráclidas