Colonia Güell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°21′42″N 2°01′47″L / 41.36166, 2.0296 A Colonia Güell é unha colonia de orixe industrial situada na comarca do Baix Llobregat na provincia de Barcelona. Actualmente é un foco de atracción turística e contén importantes mostras do Modernismo catalán, sendo a máis salientable a igrexa, coñecida como Cripta de Gaudí, declarada Patrimonio da Humanidade no 2005, conxuntamente co Portal da Natividade da Sagrada Familia.

Orixe da Colonia[editar | editar a fonte]

Eusebi Güell, fundador da Colonia Güell

A Colonia Güell comezou a formarse no 1890 co impulso do empresario Eusebi Güell na súa herdade Can Soler da Torre, na localidade de Santa Coloma de Cervelló. Alí trasladou a industria téxtil que tiña en Sants (barrio actual de Barcelona).

O interese en situarse lonxe dos conflitos existentes na cidade, fixo que a nova industria se aséntase na forma de colonia industrial; coas casas dos obreiros ó carón da fábrica, constituíndo un núcleo urbano de entidade propia e coa vida social e económica tutelada pola empresa.

A diferenza doutras colonias industriais de Cataluña, Eusebi Güell adoptou melloras sociais para os seus traballadores e tamén incorporou un rol de mecenas da cultura, dotando a Colonia Güell de equipamentos culturais e relixiosos. A maior parte destes proxectos foron encargados os grandes arquitectos do Modernismo catalán, entre eles Francesc Berenguer, Joan Rubió e Antoni Gaudí (responsable da igrexa). Desta maneira construíronse o Centre Cultural Sant Lluis, o Ateneo Unió co seu teatro, unha cooperativa de consumo, unha escola e orixinais edificios de vivendas coma Ca l'Ordal, Ca l Éspinal, A casa do secretario ou a casa parroquial.

En realidade a Colonia tiña coma finalidade principal a produción industrial de tecidos, seguindo un modelo organizativo social inspirado no cristianismo social da época. Durante as primeiras décadas do século XX a Colonia medrou coa chegada de familias empobrecidas de contornas rurais. Así puideron mellorar as súas condicións de vida, dispoñendo de vivenda se demostraban ser bos traballadores.

Ó comezar a guerra civil, a fábrica foi colectivizada. Rematada a guerra, a familia Güell recuperou a súa fábrica, pero no 1943 vendeuse a outros industriais. Finalmente a fábrica pechouse no 1973 por mor da crise do sector. Nese momento a propiedade da Colonia partiuse entre veciños, industriais e institucións públicas.

Hoxe en día, A Colonia Güell no seu conxunto: núcleo urbano, fábrica, igrexa e piñeirais, constitúe un importante foco de atracción turístico na periferia de Barcelona.

Algúns dos elementos máis salientables da colonia son:

  • Antiga cooperativa de consumo. Ano 1900. Obra de Francesc Berenguer i Mestres, Joan Rubió i Bellver. Actualmente é o Centro de interpretación da Colonia Güell
  • Centro de San Luis.Anos 1915-1917. Obra de Francesc Berenguer i Bellvehi. Centro Cultural
  • Escola e Casa do Mestre. Anos 1917 e 1912. Obra de Francesc Berenguer i Mestres. Francesc Berenguer i Bellvehi
  • Ca l'Espinal. Ano 1900. Obra de Joan Rubió i Bellver. Vivenda privada
  • Ca l'Ordal. Ano 1894 aprox. Obra de Joan Rubió i Bellver. Vivenda privada.
  • Casa parroquial-1917. Obra de Francesc Berenguer i Bellvehi. Despacho parroquial e vivenda privada.
  • Can Julià de la muntanya- SXVI/XIX Antiga masía e vivendas
  • Torre Salbana. Séculos XII-XIX

Cripta de Gaudí[editar | editar a fonte]

Entrada á Cripta de Gaudí

A pesar de quedar inacabada, a igrexa supón unha das obras cumios de Gaudí. Esta edificación contén de maneira unificada tódalas innovacións desenvolvidas polo arquitecto. Algúns destes elementos son os arcos da catenaria, simplificadores do problema das cargas, ou os muros exteriores con forma de paraboloides hiperbólicos. Adicionalmente cómpre salientar a integración do edificio co medio natural: os diferentes niveis das naves adáptanse á pendente do terreo e os materiais de construción teñen as mesmas cores e texturas que as do chan e vexetación exteriores.

En 1898, Eusebi Güell encargou a Antoni Gaudí o proxecto dunha igrexa para a colonia téxtil que fundara no municipio de Santa Coloma de Cervelló. Gaudí realizou varios estudos previos que remataron nunha maqueta da igrexa instalada nun pavillón situado no mesmo lugar onde se erguería o edificio.

Finalmente no 1908, iniciouse a construción do templo. Porén o ambicioso proxecto, que prevía unha igrexa con dúas naves, inferior e superior, complementada con diferentes torres laterais e un ciborio central de 40 metros de altura, ficou inacabada. En 1914 a familia Güell comunicou a Gaudí que non continuaría a obra. En novembro do 1915, o bispo de Barcelona bendicía a nave inferior, a única que se construíu e que deu lugar ó nome popular actual de Cripta. Entre 1915 e 1917, un novo construtor pechou a nave superior con muros de ladrillo e tellados de uralita.

Interiormente os elementos decorativos máis salientables son:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]