Colmea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcos móbiles dunha colmea
Cortizos tradicionais no Monte Pindo, Galicia.
Trobo tradicional con colmado, no museo do Castelo de Sobroso, Galicia.

A colmea, que tamén recibe os nomes de cortiza, cortizo, covo e trobo, é o niño dunha colonia de abellas. As colonias de abellas son organizacións sociais complexas e xerárquicas que poden chegar a conter ata 80.000 individuos. Están integradas por tres castes distintas de abellas: as obreiras, os abázcaros e a abella mestra. As abellas que se ven comunmente son as obreiras, que tamén constitúen a parte máis numerosa da colonia.

As abellas forman as súas colonias de xeito moi diferente de como o fan outros insectos sociais, como as formigas. Cando unha nova abella mestra nace divídese a colonia. Para constituír un novo grupo, a abella mestra de máis idade abandona a colmea, leva canda ela un crecido número de obreiras e deixa a mestra máis nova a cargo do que resta da colonia orixinal. Este proceso natural de formación dunha nova colonia chámase enxamia e o grupo de abellas coa súa nova mestra chámase enxame. Existen diferentes métodos artificiais de creación de novas colonias que aproveitan esta tendencia natural das abellas a permanecer coa súa mestra[1].

Partes dunha colmea mobilista[editar | editar a fonte]

Favo

Ademais existe unha serie de accesorios, tales como excluidores das mestras, trampas para o pole, alimentadores etc, cos que se persegue incrementar o rendemento da colmea.

Clasificación das colmeas[editar | editar a fonte]

Existen dous tipos de colmeas dende o punto de vista metodolóxico[2]:

  • colmea rústica: é a colmea que as abellas constrúen de forma natural no oco dunha árbore ou dunha rocha.
  • colmea racional: a construída polo ser humano para soporte da apicultura.
    • colmea de panais fixos: é a propia dunha apicultura pouco desenvolvida. Tradicionalmente facíanse en troncos baleiros, en cilindros de cortiza, en cestos de vimbio, en campás de palla etc. Dentro destes refuxios as abellas constrúen os panais ou favos de cera dun xeito espontáneo. Durante a esmelga cómpre destruír os panais. a súa rendibilidade é moi limitada.
    • colmea de marcos móbiles: é a utilizada na apicultura intensiva. Hai diferentes modelos de colmeas movilistas, cada un deles con diferentes dimensións. A característica común a todos eles é que, no seu interior, os panais están soportados por cadros móbiles que adoitan ser de madeira. Esta división en cadros permite redistribuír os panais de cría, de pole e de mel segundo as necesidades da colmea. Tamén fai posible esmelgar sendo respectuoso coa cámara de cría.

Tipos de colmeas de panais fixos[editar | editar a fonte]

Colmeas tradicionais. Museo Etnográfico de Toruń, Polonia

Tipos de colmeas de marcos móbiles[editar | editar a fonte]

  • Colmeas verticais: estas colmeas teñen unha capacidade ilimitada, pois poden ser ampliadas engadindo alzas á cámara de cría a medida que son necesarias.
  • Colmeas horizontais: estas colmeas teñen sempre capacidade limitada, non importa o tamaño co que se constrúan, non é factible engadir alzas.
    • Colmea horizontal con lateral inclinado (Top Bar Hive ou Keniana). En inglés KTBH.
    • Colmea horizontal con lateral recto (Top Bar Hive ou Tanzania). En inglés Tanz, colmea tipo Layens.
  • Colmeas de reprodución
    • Núcleos ou nucleiros: constan de dous a cinco marcos, e empréganse para criar unha nova colmea a partir de poucas abellas e unha mestra. Se a mestra non está fecundada chámanse núcleos de fecundación.

Medidas de diferentes tipos de colmeas verticais[editar | editar a fonte]

O grosor dass táboas que forman as paredes das colmeas son de 25 mm xeralmente. As medidas da táboa que expoñemos a continuación están en centímetros.

Tipo Langstroth Dadant Lusitana Warré Layens
Medidas cámara cría 51 x 42,5 x 24 51 x 42,5 x 31 37 x 38 x 31 30 x 30 x 21 segundo Nº cadros
(con 12 cadros 49 x 34,5 x 41)
Medidas alzas 51 x 42,5 x 24 51 x 42,5 x 17 37 x 38 x 16 30 x 30 x 21 (En colmeas mixtas, poden adaptarse cadros de media alza langstroth perpendiculares)
Med. cadro cámara 42 x 20 42 x 27 33 x 27 30 x 20 (sen marcos) 35 x 30
Med cadro alza mel 42 x 20 42 x 13 33 x 12 30 x 20 (sen marcos) 35 x 30
Superficie cadro 160 dm² 220 dm² 180 dm² 120 dm² (sen marcos) 240 dm²
Cría teórica 45.000 abellas 60-62.000 abellas 50.000 abellas 22.500 abellas 67.200 abellas
kg de abella x cría 4,5 kg 6 kg 5 kg 2,25 kg 6,7 kg
Capacidade en litros 42,4 L 54 L 43,5 L 18,9 L 68,1 L (12 cadros estándar)
Capacidade total 84,8 L 84 L 65,9 L 56,7 L (3 corpos)
Capacidade na alza melaria 25 kg 16 kg 13 kg 12 kg

Conxunto de colmeas: apiario[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Apiario.

O conxunto de colmeas que un apicultor ten nun determinado lugar físico chámase apiario. O apicultor adoita ter varias colmeas en cada apiario, dependendo da capacidade polinífera e nectarífera da flora que haxa no lugar. Recoméndase non facer nunca apiarios de máis de 50 colmeas para non provocar a competencia entre as colmeas e manter a produción de mel por colmea.

As alvarizas, abellarizas ou cortiños[3] son tradicionais en Galicia e outras zonas peninsulares. Son recintos murados que, en zonas de montaña, se empregan para protexer os apiarios da depredación dos animais silvestres, especialmente dos osos, e da acción agresiva dos ventos do inverno. As alvarizas teñen planta aproximadamente circular, muros altos e portas estreitas polas que non sexa doado o acceso aos animais de maior tamaño. Tamén existen construcións chamadas fornos onde se colocan varias colmeas fixas nun interior baixo teito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Layens, G. De; Bonner, G. Curso completo de apicultura (cultivo de las abejas). El colmenero español. Barcelona, 1904. Ed. facsímile Ed. Maxtor. Valladolid, 2008.
  2. Jean-Prost, Pierre. Apicultura : conocimiento de la abeja. Manejo de la colmena. Madrid : Mundi-Prensa, 2007.
  3. González Pérez, Clodio. A Apicultura tradicional no Concello de Navia de Suarna (Lugo). Lugo : Deputación Provincial, Servizo de Publicacións, 1989.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]